Académicos e académicas

Antonio Meijide Pardo

Antonio Meijide Pardo

O Barco de Valdeorras, Ourense, 1917 - A Coruña, 2004

Catedrático de instituto, xeógrafo e historiador, estudou a economía contemporánea e a galega do século XVIII, a historia local coruñesa e a da Ilustración, e mais a política e a medicina galegas do mesmo período. Foi un dos fundadores do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses.

Nado no Barco de Valdeorras, a súa familia trasladouse a Chantada cando era un neno, e alí pasou a meirande parte da infancia. Tras cursar os estudos de Filosofía e Letras e de Arquivos e Bibliotecas na Universidade de Santiago de Compostela, en 1940 obtivo praza como catedrático de xeografía e historia no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, cidade na que permaneceu o resto da vida. En 1955 viaxou a Francia cunha bolsa do Ministerio de Educación para pescudar nos arquivos dos portos do oeste de Francia e asistiu, ao longo da súa vizosa carreira investigadora, a numerosos congresos internacionais de historia e xeografía.

Autor dunha prolífica obra que abrangue vinte libros e máis de cen artigos, o seu traballo, inserido na tradición positivista, destaca polo rigor científico, a escolla de temas e personaxes pouco transitados e o emprego exhaustivo de fontes arquivísticas galegas, españolas e internacionais.

Meijide Pardo principiou a carreira investigadora con tres achegas de xeografía económica: La URSS, Geografía, Economía, Industria (1952), Brasil. La gran potencia del siglo XXI (1956); Estudio geoeconómico del complejo industrial de La Grela (1962) e un estudo sobre a refinería de petróleo da Coruña de 1964. Desde esa data en adiante, o seu labor virará cara ao eido dos estudos históricos, con distintos eixes temáticos. Un deles foi a economía galega na transición entre o Antigo Réxime e a modernidade, con monografías como Economía marítima de la Galicia Cantábrica en el siglo XVIII (1971); Negociantes catalanes y sus fábricas de salazón en la ría de Arosa (1780-1830) (1973); Documentos para la historia de las Reales Fábricas de Sargadelos (1978 e 1993); El comercio del bacalao en la Galicia del XVIII (1981); Testimonios históricos sobre la antigüedad del cultivo de la patata en Galicia (1984) e Correos marítimos entre Falmouth y La Coruña (1996).

Analizou tamén, en forma de artigos publicados en revistas especializadas, outros aspectos da economía deste período como a industria naval, a viticultura e oleicultura, a minería do estaño, o comercio marítimo co norte de Europa e Portugal, a influencia catalá no desenvolvemento industrial galego –tema que tratou en moitos traballos–, o cultivo do liño e do cánabo, a reloxería, a industria do vidro e a do xabón ou a economía viguesa no século XVIII.

A Ilustración galega debullouna en libros como Vicente Vizcaíno. Biografía de un jurista y economista del XVIII (1981); Escritores e autores na Galicia da Ilustración (1982); Mentalidades gallegas de antaño: El científico Fernández Taboada (1775-1841) (1988); El ilustrado, político y economista gallego Jacobo María de Parga y Puga 1774-1850 (1992). Publicou, así mesmo, artigos sobre personaxes da mesma época como o xeneral Quiroga, Bernardo Erbella de Parga, Sarmiento Pereira, Ángel Antonio Henry Veira, o conde de Maceda ou o xornalista Manuel Pardo de Andrade.

Á historia política galega dedicoulle obras como La invasión inglesa de Galicia en 1719 (1970), Jerónimo Piñeiro de las Casas, liberal gallego (1975) e Sinforiano López, pionero del liberalismo (1995), ademais de diversas contribucións de extensión breve, como o dedicado á guerra da traíña na Coruña.

A historia local coruñesa foi un dos seus temas predilectos. Estudouna de xeito monográfico no libro de tema económico El puerto de La Coruña en el siglo XVIII (1984), así como en moreas de artigos como os compilados en Temas y personajes de la historia coruñesa contemporánea (1997), ademais do monográfico Eusebio da Guarda y el Instituto de 2ª Enseñanza de A Coruña (1991). O desenvolvemento económico vigués revisouno en varios artigos, e outro tanto fixo co de vilas como Mugardos, Betanzos, Pontedeume ou a comarca de Valdeorras. Neste último caso cómpre salientar o monográfico La antigua minería del cobre en el valle de Valdeorras (1985).

No que atinxe á historia da Medicina en Galicia, evocou episodios como as vagas de fame e o andazo de cólera na Galicia do Antigo Réxime; a vida do doutor Posse Roybanes; e a historia dos balnearios galegos, do hospital Teresa Herrera ou do lazareto de San Simón. Moitos destes artigos foron publicados na revista Medicina de Galicia.

A súa numerosa produción científica foi aparecendo espallada en xornais como La Voz de Galicia e revistas especializadas como Abrente, Grial, La Coruña. Paraíso del turismo, Estudios geográficos, Revista de economía de Galicia, Boletín Auriense, Anuario de Historia Económica y Social, a Revista do Instituto José Cornide, Anuario Brigantino ou o Boletín da Real Academia Galega.

Foi o vicepresidente da Biblioteca do Consulado da Coruña e un dos fundadores, en 1966, do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e da Fundación Alfredo Brañas. Formou parte da Real Academia da Historia, da Sociedade Xeográfica de Lisboa e da Real Sociedad Económica Matritense de Amigos del País. Recibiu o premio Fernández Latorre, a Medalla Castelao, a Cruz de Afonso X O Sabio e a Orde Nacional do Cruceiro do Sul de Brasil.

No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Origen y progresos de la Escuela de Náutica de La Coruña (1790-1825), Meijide Pardo pasa revista ao itinerario dun centro creado co obxectivo de fornecer de mariñeiros formados a mariña mercante e de guerra da época, e relaciona as materias do plan de estudos da escola, as súas distintas sedes ou o seu primeiro profesorado e alumnado. O historiador chantadino salienta ademais o efecto positivo que para a economía da Coruña tiveran, durante o reinado de Carlos III, iniciativas como a apertura do comercio marítimo con América en 1778 e a creación do Consulado Marítimo e Terrestre en 1785. A resposta, en nome da Real Academia Galega, correspondeulle a Ramón Otero Pedrayo.