Unha ampla programación percorrerá a vida e obra de María Victoria Moreno en Pontevedra

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, acompañou esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, na presentación da programación que se desenvolverá en Pontevedra arredor da figura de María Victoria Moreno co gallo do Día das Letras Galegas. A Academia dedícalle o vindeiro 17 de maio á escritora e docente, que se estableceu nesta cidade nada máis chegar a Galicia en 1963. Onte mesmo resolveuse no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra o I Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno, acadado por Antonio Manuel Fraga por O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, e este xoves proxectarase un documental sobre a autora, a partir das 20:30 horas, no Teatro Principal. Neste espazo celebrará tamén a RAG a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas, unha celebración pública na que tomarán a palabra para lembraren a María Victoria Moreno tres membros de número da institución: Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e Xesús Alonso Montero.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, intervén na rolda de prensa xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro Alberto Oubiña. Fonte: Concello de Pontevedra


O presidente da Real Academia Galega salientou que a institución se sente "honrada e agasallada polo Concello de Pontevedra e pola atención que este está a ter con María Victoria Moreno". Pola súa banda, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse "encantado" de que se lle dedicase o Día das Letras de 2018 a María Victoria Moreno; pola colaboración coa Academia e porque ilustres persoeiros da cultura "estean en Pontevedra a diario". O rexedor agarda unha masiva participación da veciñanza pontevedresa na ampla programación arredor da autora que se desenvolverá na cidade, e que continuará durante todo o ano. Velaquí un avance da que se desenvolverá nas vindeiras semanas:

Para o xoves 26 de abril está prevista a proxección dun documental sobre a figura da escritora, María Victoria Moreno, galega por amor, no que participan persoas que a coñeceron ben, como Fina Casalderrey, Manuel Bragado… Será ás 20.30 horas no Teatro Principal.

O venres 27 de abril, ás 12:00 horas, está previsto o acto oficial de cambio do nome da rúa Fernández Ladreda polo de María Victoria Moreno. Participará o presidente da Real Academia xunto á familia da escritora, entre outras autoridades e persoas convidadas.

O 1 de maio, ás 11:00 horas, descubrirase unha placa no número 15 da avenida de Vigo, onde viviu María Victoria Moreno.

O sábado 5 de maio, ás 19:00 horas, está prevista a presentación do libro O escalón de Ulises. Un paseo pola Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros, de Montse Fajardo. Será no paseo de Valle Inclán, en Campolongo.

O 8 de maio celebrarase o Correlingua, unha nova ocasión para recordar a unha muller que soubo transmitir o compromiso coa lingua do país tanto na súa produción literaria como no activismo cultural e no labor como docente. A partir das 10:30 horas percorrerá distintas rúas da cidade.

Os días 8, 9 e 10 de maio as Letras Galegas tamén estarán moi presentes no programa escolar Ben veñas, maio, coa vixésima mostra de teatro, o certame de música e a entrega dos premios dos concursos de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e curtametraxe.

O 16 de maio será o concerto Día das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega, no que se estreará unha peza musical composta por Miguel Matamoro sobre un texto de María Victoria Moreno. O concerto será na sede de Afundación, e estará precedido por unha recepción oficial do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aos membros da Real Academia Galega e do Consello da Cultura no Café Moderno.

O 17 de maio será o día do pleno extraordinario da Real Academia Galega en Pontevedra. Comezará ás 12: 30 horas no Teatro Principal. Segundo desvelou esta mañá o presidente da RAG, neste plenario, aberto ao público, intervirán o académico Xesús Alonso Montero, que mantivo unha estreita relación con María Victoria Moreno desde que foron compañeiros de departamento, nos anos 60, no Instituto Masculino de Lugo; a académica Marilar Aleixandre, que tamén a coñeceu persoalmente e moi vencellada, como ela, á literatura infantil e xuvenil; e a académica e escritora pontevedresa Fina Casalderrey, outra integrante da institución que coñeceu ben a María Victoria Moreno, autora de libros para o público máis novo e tamén docente.

A cidade continuará a inmersión na vida e obra de María Victoria co acto do Día das Letras organizado pola Asociación Sociocultural do Burgo, na praza de Curros Enríquez ás 19:00 horas do mesmo día 17. Participará tamén nel a Banda de Música de Pontevedra.

O 18 de maio, na avenida de Montero Ríos, inaugurarase a exposición Os Bolechas e as variedades dialectais, organizada pola Deputación de Pontevedra.

O 19 de maio celebrarase o Día das Letras na parroquia de Ponte Sampaio coa inauguración dunha exposición e unha conferencia de Montse Fajardo. Será ás 20:00 horas no local da asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio.

A tradicional recepción do alcalde ás asociacións da cidade que colaboran activamente na promoción da lingua durante todo o ano será o día 30 de maio, ás 20:00 horas, no Pazo de Mugartegui.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar