Pola esquerda, María López Sández, Ramón Tojo Lens, Henrique Monteagudo e Blas García Piñeiro.
Foto de grupo dos intervenientes na presentación do acordo, o persoal técnico do Seminario de Sociolingüística e as técnicas de normalización de Ames e Rois.
Foto de grupo dos intervenientes na presentación do acordo, o persoal técnico do Seminario de Sociolingüística e as técnicas de normalización de Ames e Rois.
O proxecto de investigación-acción para a dinamización da lingua na infancia Modo galego, actívao! inicia unha nova etapa de consolidación e extensión. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, asinaron hoxe un acordo de colaboración que lle dará continuidade a esta experiencia en Ames e que significará ademais a súa posta en marcha en Rois. A incorporación deste último municipio da comarca compostelá permitiralle á Academia analizar polo miúdo a efectividade de Modo galego nun concello de menos de 5.000 habitantes, nunha contorna na que a priori hai unha maior taxa de alumnado galegofalante ca noutras áreas máis urbanas pero na que cómpre promover o apoderamento lingüístico.
Na presentación do acordo participaron canda o presidente da RAG e os rexedores a coordinadora do Seminario de Sociolingüística, a académica María López Sández; e as técnicas de normalización lingüística de Ames e Rois, Rosa Moreiras Cuñarro e Inmaculada Seage Freire.
Modo galego, actívao! constitúe unha proposta singular pola diversidade de axentes implicados e a posterior avaliación científica de cada edición, da que se encarga o Seminario de Sociolingüística da RAG. A súa cerna é unha experiencia de inmersión en galego de tres semanas en todos os centros públicos de infantil e primaria dun mesmo concello, pero que vai alén dos centros educativos e abrangue tamén os espazos de educación non formal, como as actividades extraescolares ou os comedores, coa complicidade do alumnado, das súas familias, do profesorado e doutros perfís profesionais de atención á infancia. En Ames implica máis de 2.000 nenos e nenas e uns 200 docentes; en Rois participarán preto de 300 estudantes e uns 40 profesores e profesoras.
O potencial da colaboración local
“O éxito deste programa non sería posible sen a colaboración local. Modo galego, actívao! é unha demostración clara do enorme potencial da cooperación dos concellos para reverter a creba na transmisión xeracional do noso idioma. Son as administracións máis próximas á cidadanía e ofrécenlles a proxectos coma este unha capacidade única de enraizamento”, subliña o presidente da RAG. “Por iso renovamos o noso agradecemento ao Concello de Ames por manter o seu compromiso con este programa, que naceu en 2023 precisamente froito da colaboración entre a Academia e o propio goberno local amesán; e expresamos tamén a nosa gratitude ao Concello de Rois por se sumar a esta experiencia malia o esforzo que unha iniciativa deste tipo significa para un concello pequeno”, engade Henrique Monteagudo, que lembra ademais a colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
O alcalde de Ames destaca o orgullo que supón para este concello que Modo galego, actívao! se consolide como unha marca propia e se estenda a outros municipios. “É unha satisfacción que o traballo iniciado en Ames poida servir de referencia para outros concellos. Queremos agradecerlle á Real Academia Galega a súa implicación e colaboración neste proxecto, fundamentais para avanzar na promoción da lingua. A defensa do galego faise con dedicación, traballo e cooperación, creando oportunidades para que a rapazada o fale con naturalidade. O importante é sumar esforzos e avanzar xuntos”, valora.
Para o alcalde de Rois, Ramón Tojo, participar en Modo galego, actívao! “ é un paso máis” na aposta “pola defensa e o uso cotián do galego en todos os eidos” deste concello, o primeiro do país de menos de 5.000 habitantes que asinou un acordo coa RAG para se dotar do seu propio mapa sociolingüístico escolar. “Co Modo galego, actívao! queremos que toda a comunidade educativa, o alumnado, pero tamén o profesorado e as súas familias, fale galego acotío en todos os ámbitos, incluídas aquelas persoas que usan o castelán habitualmente”, indica o alcalde.
A coordinadora do Seminario de Sociolingüística, María López Sández, apunta neste sentido que Modo galego, actívao! é ademais un proxecto de “apoderamento lingüístico” para a rapazada galegofalante. “Hai contextos nos que cómpre traballar pola revitalización do galego e polo neofalantismo, pero tamén temos que pensar naqueloutros nos que hai que traballar na fidelización do galegofalante. Non importa só o uso habitual do idioma, debemos promover tamén que os falantes se sintan orgullosos da lingua de seu, que a empreguen dun modo consciente”, reflexiona a académica.
Modo galego, actívao! apela así mesmo ás familias con raíces noutras partes do mundo que se asentaron en Galicia, ás que se dirixen tamén outras accións municipais. Nas súas políticas de acollida, tanto Ames coma Rois están a organizar cursos de galego para persoas de fóra de Galicia. “Esta proposta foi un éxito. O alumnado xa nos solicitou máis iniciativas coma esta para expresarse en galego”, comparte Ramón Tojo, que lembra así mesmo outras propostas de Rois a prol do idioma como o Certame literario Lois Aldegunde e os Seráns da Lingua.
No marco da súa programación de promoción do galego, Ames conta tamén co seu propio Certame Literario, así como Galetiktokers ou os Premios Lingua e Empresa. “Son exemplos dun traballo continuado que, desde a educación, a cultura, a mocidade, as familias e o tecido empresarial, busca ampliar os espazos de uso do galego e reforzar o compromiso colectivo coa súa transmisión e vitalidade”, destaca Blas García.
Ames e Rois son parte ademais de programas como Apego, o Club de Debate ou Youtubeiras, promovidos por Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, da que son socios fundadores. A RAG asinou hai agora un ano con Alingua un protocolo ao abeiro do cal se está a impulsar a realización de mapas sociolingüísticos escolares locais. Seguindo o ronsel do de Ames, presentado en 2021, o Seminario de Sociolingüística traballa nestes momentos no de Rois, entre outros.


