Na primeira fila á esquerda, Emilio Ínsua, Nelly Iglesias e Pegerto Saavedra con Pitusa Cabanillas, neta de Ramón Cabanillas.
Fonte: RAG
Foto de familia dos relatores e demais intervenientes na xornada con membros da Academia.
Fonte: RAG
Público seguindo as intervencións.
Fonte: RAG
Os relatores posan co director da Sección de Historia e coordinador da xornada.
Fonte: RAG
Pola esquerda, Liso González, Ramón Villares e Ricardo Martínez inaugurando a xornada.
Fonte: RAG
O Museo de Ramón Cabanillas acolleu a xornada.
Fonte: RAG
O académico Pegerto Saavedra trazou o retrato histórico de Pardo de Cela.
Fonte: RAG
Emilio Ínsua nun momento do seu relatorio sobre o contexto cultural da publicación de 'O Mariscal'.
Fonte: RAG
Antonio de Toro afondou na relación de 'O Mariscal' e a literatura galega do seu tempo coas letras irlandesas.
Fonte: RAG
Ramón Villares e Antonio de Toro ás portas do Museo de Ramón Cabanillas.
Fonte: RAG
Nelly Iglesias falou sobre a adaptación operística da peza teatral que compuxo Eduardo Rodríguez Losada.
Fonte: RAG
Na pantalla, personaxes da ópera d'O Mariscal en imaxes conservadas na Real Academia Galega de Belas Artes.
Fonte: RAG
Pitusa Cabanillas co académico Francisco Fernández Rei.
Fonte: RAG
Pardo de Cela morreu decapitado en Mondoñedo en 1483. Pouco despois comezaba o nacemento do mito. Foise alimentando primeiro de romances e lendas de transmisión oral que seguiron vivas durante séculos, despois por versións como a da novela Los hidalgos de Monforte (1851), do historiador Benito Vicetto. Pero se hai unha obra literaria que contribuíu á súa definitiva consolidación como símbolo das liberdades galegas, esa é O Mariscal. Cadrando co centenario da publicación da peza teatral escrita a catro mans polo poeta Ramón Cabanillas (1876-1959) e o xornalista Antón Vilar Ponte (1881-1936), a Real Academia Galega celebrou en Cambados o seu encontro anual do ciclo Momentos da cultura galega, que tivo precisamente como eixe esta traxedia en verso.
A escolla d’ O Mariscal permite afondar en varios temas de interese para entender mellor a Galicia do primeiro terzo do século XX e a construción naquela altura do discurso das Irmandades da Fala, explica o director da Sección de Historia da RAG. Ramón Villares coordinou o programa que contou como relatores co académico e historiador Pegerto Saavedra; o investigador Emilio Ínsua, especialista en Vilar Ponte; o catedrático Raúl de Toro, referente no campo dos estudos irlandeses; e a música Nelly Iglesias, quen lle dedicou a súa tese a Eduardo Rodríguez Losada, autor da adaptación operística d’O Mariscal.
Villares inaugurou a xornada xunto ao deputado de Novas Tecnoloxía e Contratación da Deputación de Pontevedra, Ricardo Martínez, e concelleiro de Cultura, Ensino e Patrimonio do Concello de Cambados, Liso González, en representación das institucións que apoian a organización do foro. O encontro rematou cunha visita guiada ao Museo de Ramón Cabanillas a cargo do académico Francisco Fernández Rei.
“A publicación d’O Mariscal é un momento importante da cultura galega. Antón Vilar Ponte fai unha proposta consciente de converter uns feitos históricos en referentes simbólicos para a cultura e a política, e para iso vai da man de Cabanillas, o gran poeta das Irmandades. Pardo de Cela, de quen non se sabía moi ben cal fora o seu papel na pequena nobreza galega do seu tempo, transfórmase aquí no líder da versión galega dos comuneiros de Castela. O Mariscal é ademais un exemplo da conexión que Galicia buscou coa literatura irlandesa daquela altura, outro aspecto que analizaremos. Tamén abordaremos a súa adaptación á que se considera a primeira ópera integramente en galego”, resume Ramón Villares.
Pardo de Cela na historia
Da realidade histórica de Pardo de Cela Pegerto Saavedra indica que o que permiten concluír os escasos documentos que se conservan arredor deste nobre dista da versión lendaria e literaria. “Benito Vicetto convertera a Pardo de Cela no xefe dos irmandiños, no derradeiro mártir das liberdades galegas fronte ao centralismo castelán. O coñecemento que temos hoxe, é certo que bastante limitado, non permite acreditar tal cousa, máis ben o contrario”, expón. “Pero isto non desautoriza as obras literarias, que non teñen por que ser historicamente rigorosas. O propio Cabanillas e Antón Vilar Ponte danse conta disto e, cando escriben O Mariscal, lembran que o mito ten moita máis forza ca a historia, que non ten capacidade de mobilizar a xente”, prosegue. “De calquera xeito, hai aspectos das súa biografía mal coñecidos, por falta de fontes documentais, de modo que a visión da súa figura histórica non deixa de ser provisional, e se aparecese, por exemplo, o expediente xudicial da súa condena á morte, que Herbella de Puga di ter visto no arquivo da Real Audiencia (hoxe Arquivo do Reino de Galicia), ou outros papeis persoais, ao mellor hai que revisar conclusións que hoxe damos por boas”, indica o académico.
“É moi habitual que os acontecementos e os personaxes históricos sexan vistos de modo diferente conforme cambian os tempos, como aconteceu en Francia con Xoana de Arco, ou co Cid, un dos mitos da Reconquista, da España patriótica, e ante o cal Pardo de Cela se converte nun mito propio de Galicia. Un mito que vai desde o romanticismo de Vicetto ao discurso nacionalista de Castelao, que inclúe a Pardo de Cela na Santa Compaña de figuras inmortais da historia de Galicia do seu discurso Alba de Gloria”, repasa.
“Hai moita literatura historiográfica protagonizada pola xeración do 98 que enxalzaba Castela e o castelán. Coido que a intención de Cabanillas e Vilar Ponte era contrarrestar a propaganda pseudohistórica sobre a configuración do ser nacional de España co corazón en Castela, ofrecer ese construto histórico onde o papel de Galicia era ben distinto ao de vítima da doma e castración que diría Zurita”, coincide Emilio Ínsua.
O éxito deste mito galego nos primeiros compases do século XX foi tal que a data do pasamento de Pardo de Cela se converteu nunha referencia patriótica, sobre todo na diáspora americana, e mesmo se chegou a propoñer como a gran celebración de Galicia antes de que callase a celebración do 25 de xullo como Día Nacional de Galicia. Pero as investigacións máis recentes demostran que tampouco hai rigor histórico neste dato. Hai unha ducia larga de anos que se atoparon copias do testamento de Pardo de Cela que se redactou o 1 de outubro, cun codicilo engadido do día 3, a mesma data que o levaron á praza de Mondoñedo para cortarlle a cabeza. Esta documentación corrixiu a data do 17 de decembro polo 3 de outubro de 1483.
Tamén descarta a historia, entre outros, o episodio lendario, recollido na obra teatral, que sostén que os Reis Católicos lle concederon o indulto a Pardo de Cela, pero que a súa dona non conseguiu facer chegar a nova a tempo para salvalo da morte, porque uns cóengos maliciosos lle deron conversación para que se demorase na logo chamada ponte do Pasatempo. “Non hai constancia de que a súa muller estivese en Modoñedo, e parece ademais que ela non concordaba coa actitude de Pardo de Cela de resistencia ante o poder real, contra do gobernador en Galicia dos Reis Católicos, Fernando de Acuña”, sinala Pegerto Saavedra.
Outro dos erros que se corrixiu nos últimos tempos atinxe igualmente á súa dona. “Dicíase que Isabel de Castro era a primoxénita do conde de Lemos, pero non, Pardo de Cela non estivo casado coa muller máis poderosa de Galicia, unha suposición moi relevante, pois implicaría, que, aliado co seu sogro, tivese un poder enorme e que fose visto coma un perigo pola propia monarquía. Ela probablemente pertenceu á estirpe doutros Castro que eran señores de Castroverde”, suxire o historiador.
O contexto cultural da década de 1920
Emilio Ínsua afondou no contexto cultural en que saíu do prelo O Mariscal, con ilustracións dun novísimo Álvaro Cebreiro. Editouna Lar, a editorial que Ánxel Casal compartiu con Leandro Carré Alvarellos antes de fundar Nós, que contaría xa cunha colección específica de teatro. “A decisión de publicala foi case unha arma de combate ideolóxico contra a ditadura de Primo de Rivera. A figura protagonista constituíu entón un referente de conduta, un exemplo ético e de loita polos dereitos do país. A difusión do texto funcionou tamén como un acto de reivindicación da valía do galego nun momento en que a lingua estaba cuestionada en moitos ámbitos como idioma de cultural”, expón o filólogo.
Pero o momento histórico, en plena ditadura, explica que, malia a boa recepción que obtivo, o discurso sociopolítico d’O Mariscal quedase diluído. “Falouse moito dos méritos artísticos, da versificación ben lograda por Cabanillas, da beleza de certas escenas e momentos da peza, que son dun corte estético máis ben simbolista, con imaxes oníricas; pero non foi moi común que se destacasen as súas mensaxes políticas”, recoñece.
A conexión co teatro irlandés
Naquela altura, xa triunfara o teatro en prosa, pero O Mariscal constituíu unha boa mostra do xenio de Cabanillas como poeta e de como en galego se pode facer “literatura con valor universal, con ambición estética e ademais contido”, engade Emilio Ínsua. Tamén foi un exemplo da conexión de Galicia con Irlanda que procurou o galeguismo, o tema da achega de Antonio Raúl de Toro Santos.
“Cabanillas tomou como referente o que acontecía no teatro irlandés que se funda a finais do s. XIX. Hai un paralelismo moi claro entre as intencións e o resultado final d’O Mariscal e o que fixera anteriormente William Butler Yeats en diversos dramas que producira no Teatro da Abadía”, explica o catedrático emérito da Universidade da Coruña. “E igual que Yeats tomaba como referencia heroes lendarios da mitoloxía irlandesa, os autores d’O Mariscal buscaron un heroe que removese os sentimentos galaicos”, compara.
Pero o vínculo cultural de Galicia con Irlanda é ben anterior e ten múltiples ramificacións. “Este referente xa está na propia letra do Himno que compuxo Pondal, que fala de Breogán, un dos heroes que aparece no Lebor Gabála Érenn ou Libro das invasións de Irlanda (s. XI)”, advirte De Toro. O fundador do Instituto Universitario de Investigación en Estudos Irlandeses Amergin cita tamén, entre outros fitos posteriores, a primeira tradución de fragmentos do Ulises de Joyce ao galego que Otero Pedrayo publicou na revista Nós no mesmo ano que viu a luz O Mariscal, e que foi así mesmo a primeira a calquera lingua de España; Dedalus en Compostela (1929), relato de Vicente Risco inspirado no Retrato do artista adolescente do mesmo autor; ou a tradución que fixeron Plácido Castro e os irmáns Vilar Ponte de Land of Heart's Desire (1894) e Cathleen ni Houlihan (1902) de Yeats, baixo o título Dous folk-dramas (1935).
A primeira ópera integramente en galego
Nelly Iglesias Ríos trouxo á xornada a historia da adaptación operística d’O Mariscal que asinou Eduardo Rodríguez Losada (1886-1973), a quen a música e investigadora lle dedicou a súa tese de doutoramento. Arquitecto de profesión, responsable dun feixe de emblemáticos edificios da Coruña, Rodríguez Losada compuxera antes pezas para obras de Gustavo Adolfo Bécquer. “Antón Vilar Ponte empezou entón a escribir unha serie de artigos criticándoo, dicindo que era unha vergonza que un compositor galego tivese que buscar inspiración fóra. Foi un xeito de picalo e funcionou, porque Rodríguez Losada fixo súa a obra d'O Mariscal. En diante, claro, os artigos de Vilar Ponte sobre o músico experimentaron un cambio radical”, rememora Iglesias Ríos.
Tras un intento frustrado na Coruña, a primeira ópera integramente en galego estreouse oficialmente no Teatro Tamberlick de Vigo e representouse noutras cidades galegas. “Non era frecuente un espectáculo destas características na Galicia do momento, nin de corte galeguista nin de ningún outro. Os intérpretes eran afeccionados, pero Rodríguez Losada pagaba todo: os vestiarios, os decorados que fixera Camilo Díaz Baliño... Polo seu traballo de arquitecto podía asumir economicamente un proxecto que non ía dar ganancia económica ningunha”, apunta a relatora.
O corpus musical do compositor suma unhas 70 obras, entre as que sobresae esta adaptación, considera Iglesias. “É unha das súas obras máis representativas nun conxunto que inclúe tamén composicións para piano e canto sobre poemas de autores galegos como o propio Cabanillas ou Rosalía de Castro”, contextualiza. Canto ao carácter da súa música, defíneo como ecléctico. “Era un grande admirador da música wagneriana, tiña ido de feito a Alemaña a ver representacións de óperas, e en Madrid botáronlle en cara que se quedara nese sentido un chisco obsoleto. Pero parece que el quería claramente facer algo wagneriano. Noutras ocasións compuxo pezas máis modernas, incluso con pasaxes que soan impresionistas. Por exemplo, o comezo do poema sinfónico Los Caneiros, que se asemella ao do Bolero de Ravel. E tamén se lle nota moito o gran gusto que tiña por Bach, xa que compón preludios e fugas”, debulla.



