'Voces da narrativa' afonda nos vasos comunicantes entre xornalismo e literatura

A cuarta edición do ciclo Voces da narrativa explorou a relación entre os dous mundos da escritura que cultivou a protagonista das Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño. Lara Dopazo, Diego Ameixeiras e Marga Tojo compartiron olladas sobre o que une e separa xornalismo e literatura, o columnismo literario como espazo de resistencia e a representación da violencia sexual nos relatos de ficción e periodísticos no encontro que moderaron Marilar Aleixandre e Antía Yáñez.

1/17

“Gústame contar historias porque as historias me permiten transmitir e narrar algo máis verdadeiro ca a verdade (...). E porque as historias non precisan ser reais para seren verdade”, expresou a Begoña Caamaño novelista. A declaración deixa tamén ver dalgún xeito a xornalista honesta que foi a protagonista das Letras Galegas 2026, a mesma profesional dos medios que soubo levar con mestría á linguaxe radiofónica a vontade de estilo da novelista. As súas palabras poden funcionar así mesmo como pista da vizosa relación entre literatura e xornalismo, dos fíos que unen ambos os mundos, dos que os tensan e dos que os separan. Camiños de ida e de volta, de encontros e desencontros, sobre os que se reflexionou esta tarde na cuarta edición do ciclo Voces da narrativa cadrando co Ano Begoña Caamaño. 

Diego Ameixeiras, Lara Dopazo e Marga Tojo, autor e autoras que comparten a dupla condición de seren periodistas e cultivaren a literatura, percorreron vieiros arredor deste binomio no encontro que a Real Academia Galega celebrou na Fundación Luís Seoane. A directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, e Antía Yáñez, ambas as dúas tamén escritoras e mais columnistas, moderaron o programa, organizado co apoio do Concello da Coruña. A cita contou ademais coa cantareira e pandeireteira Felisa Segade na parte musical. 

“O xornalismo, como a literatura e mesmo a tradución, é un xeito de escribir. E, neste ano que a Academia lle dedica a Begoña Caamaño, quixemos partir en Voces da narrativa desta idea: que a narrativa e a poesía non son as únicas formas de escribir; que tamén pode haber unha escritura moi literaria no xornalismo, como demostrou Caamaño tanto na radio, o medio onde máis traballou, coma nas súas colaboracións coa prensa”, explica Aleixandre.  

O columnismo literario como refuxio fronte á crispación
A achega de Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) céntrase na converxencia de ambas as esferas no xornalismo literario, un xénero que el mesmo practica semanalmente en La Voz de Galicia. Dende as páxinas do suplemento Fugas, vai escribindo unha “especie de caderno de notas” no que o persoal conflúe coa actualidade. “O columnismo literario permíteche saltar a norma básica do xornalismo que establece que o xornalista non pode estar nunca no centro. Nas miñas columnas vou filtrando os meus estados de ánimo e sentimentos, anécdotas, as miñas relacións coa actualidade e coas amizades, os libros, as cousas que vexo”, expresa. Esta faceta xornalística é tamén unha póla da frutífera carreira como novelista que arrincou con Baixo mínimos (2004) e que suma xa outros catorce títulos, entre eles Tres segundos de memoria (2006), gañador do Premio Xerais; Asasinato no Consello Nacional, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano; e O cervo e a sombra (2021), Premio Nacional da Crítica.

“Pero a literatura é un espazo autónomo con respecto ao xornalismo e á actualidade”, advirte Ameixeiras, que define o columnismo literario como “un refuxio” nuns tempos marcados pola crispación mediática que mesmo chega ao insulto. Cando vivimos “colonizados pola opinión”, dende os faladoiros políticos ata as redes sociais, o columnismo literario “funciona como un espazo de resistencia que demostra que aínda é posible expresar opinións nun ton que se afasta do ambiente tan tenso que vivimos ultimamente, tanto no mundo da política coma no da comunicación”, considera. “Aínda que non teña a exclusiva disto, permite unha reflexión máis pausada, pode achegar certa tranquilidade, unha visión un pouco máis sosegada, e teño a sensación de que a parte dos lectores isto provócalles certo alivio”, analiza.

O columnismo é ademais “unha forma de estar conectada coa escritura e a sociedade”, apunta Antía Yáñez (Burela, 1991). “A nivel persoal, cando estou a promocionar unha novela e fica un pouco en segundo plano a seguinte, o xornalismo obrígame a non desconectar de todo”, comenta a autora de obras como Senlleiras (2018), Premio Illa Nova, ou Non penses nun elefante rosa (2022), e membro do comité de redacción de Luzes e colaboradora de Público.

Sobre os tempos, a verdade e as modas
Sobre os distintos tempos da expresión xornalística e da literaria reflexionará tamén Lara Dopazo (Marín, 1985), que abordará na súa intervención as diferenzas entre unha e a  outra, deténdose asemade en cuestións como o manexo da verdade e da mentira ou as presións externas. Canto aos tempos, a autora introduce outra liña de comparación, e interrelación, alén da cuestión da rapidez na execución. “O xornalismo está marcado pola inmediatez, fronte ao tempo repousado da literatura. No meu traballo é todo para antonte, e isto aféctame no meu ritmo de vida e mais nos tempos de escritura. Tiven ademais durante moitos anos traballos precarios e isto relativiza a necesidade de escribir e publicar moito como escritora. Non sei se é resignación, pero asumo que non podo producir o que me gustaría porque a miña vida non mo permite”, confesa.

Dopazo comezou a súa andaina literaria en 2008 co poemario Dende illa peixe, distinguido co primeiro premio Galicia Crea, e como narradora publicou O axolote e outros contos de bestas e auga (2020), Premio de narrativa Illa Nova; e Contos gringos (2024), Premio da Crítica Galicia de creación literaria. Tras ser artista residente na Real Academia de España en Roma (2019), Dopazo foi parte do Spanish Creative Writing MFA da Universidade de Iowa (2021-2023), dúas parénteses na súa carreira que lle permitiron atopar o acougo necesario para se centrar na escritura que o xornalismo non lle concede. 

No outro lado da balanza, a súa profesión quizais explique en parte o seu dominio do xénero narrativo da brevidade. Outra cousa é a súa exploración do sobrenatural e da fantasía, na que pode afastarse da realidade. “Na ficción a verdade e a mentira son irrelevantes porque o propósito da literatura é outro. No xornalismo o compromiso coa verdade é parte fundamental da ética profesional”, salienta. 

Canto ás influencias e presións externas, “moi claras no xornalismo”, sinala que aínda que as autoras e autores queiran sentirse “libres e salvaxes”, o mundo literario non é alleo a elas. “Eu nunca sentín ningún tipo de presión editorial, porque non escribo nun xénero maior, pero hai moitas influencias que inciden en nós sen sermos moi conscientes. Modas como a autoficción, falar da adolescencia ou o uso de variantes dialectais, seguindo o ronsel de obras moi exitosas e boas como Panza de burro”, exemplifica. “Estou segura de que dentro duns anos teremos unha morea de libros sobre o problema da vivenda e da precariedade, que tamén son temas que nos atravesan”, agoira.

A representación da violencia sexual: de Jack o Destripador ao caso de Diana Quer
Marga Tojo (Santiago de Compostela) comparte con Lara Dopazo a poesía como primeiro territorio de expresión literaria. Tras Últimos bruídos (2016),  Cara de velocidade (2018), —Premio Internacional de Poesía para Niñas y Niños de Orihuela— e Arder (2021), a autora presentouse como narradora coa novela negra Sarela (2025), Premio Selic de creación literaria 2024. O libro arrinca coa aparición dunha muller morta no río compostelán que lle dá nome e, volvendo ás palabras de Begoña Caamaño, constitúe outra mostra de que as historias non precisan ser reais para ser verdade. 

Na xornada de hoxe, Tojo afondará na representación da violencia sexual nos relatos literarios e periodísticos a través de personaxes que axudaron a conformar a fascinación polo monstros, desde Jack o Destripador (personaxe real e literario), Drácula ou o doutor Moreau ata os crimes de Alcàsser (1992) e de Diana Quer (2016). O tema conecta coa ollada crítica do seu debut como novelista, e mais co seu compromiso como periodista, membro da directiva de Xornalistas Galegas e formadora do Colexio de Xornalistas contra a desinformación e na abordaxe informativa da violencia de xénero.

“O sufrimento do monstro é un brillante recurso literario capaz de suscitar comprensión que proporciona ao público lector elementos para interpretar a transformación nun ser violento. Pero o que funciona como estratexia narrativa na ficción esixe unha cautela distinta no xornalismo”, advirte Tojo. “Non cumpre a mesma función reconstruír os traumas e as adiccións como elementos exculpatorios, falar da toxicidade dunha relación no canto de sinalar a posición de responsabilidade e as estruturas que a sosteñen”, engade.

Tanto literatura como xornalismo teñen contribuído e contribúen adoito a esa exculpación do agresor e mais á culpabilización da vítima, lamenta a autora. “Os asasinatos de Whitechapel adquiriron na Inglaterra do XIX unha enorme capacidade simbólica precisamente porque se produciron nunha sociedade que discutía o lugar público das mulleres. O importante das noticias sobre Jack o Destripador era que estipulaban os límites da mobilidade feminina na cidade moderna. E hoxe o tratamento mediático da violencia de xénero segue a concentrar a atención nas vítimas, somete a escrutinio as súas vidas e condutas e espectaculariza a violencia”, resume.

Literatura oral cantada para a cuarta edición de ‘Voces da narrativa’
Na parte musical, a presenza no encontro da pandeireteira e cantareira Felisa Segade (Santiago de Compostela) reforza a consideración da tradición oral como parte da literatura galega, lembra Aleixandre. A poesía popular oral foi o eixe das Letras Galegas 2025, que a RAG personificou nas Pandeireteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás.

A xornada Xornalismo e narrativa dálle continuidade ao ciclo Voces da narrativa, que arrincou en 2023 con tres diálogos entre seis novas figuras das nosas letras, Berta Dávila e Brais Lamela, Alberto Ramos e Sica Romero, e Fabio Rivas e Cecilia F. Santomé. En 2024 rendéronlle homenaxe póstuma á académica de honra Nélida Piñon (Rio de Janeiro, 1934-Lisboa, 2022) e en 2025 celebraron a figura de Paco Martín (Lugo, 1940) cadrando cos 40 anos da publicación de Das cousas de Ramón Lamote.