Homenaxe a Paco Martín nos 40 anos de Ramón Lamote, o libro que cambiou todo

Paco Martín (Lugo, 1940) deulles ás letras galegas o seu primeiro Premio Nacional de Literatura con Das cousas de Ramón Lamote, un feixe de retallos da vida dun profesor de chairego e debuxante de soños de 61 anos e mais da súa cidade. As vivencias deste protagonista tan afastado do arquetipo das historias para nenos e nenas que ata o momento eran a norma foi axiña un grande éxito dentro e fóra de Galicia. Quizais pola universalidade dun personaxe no que distintos lectores chegaron a identificar señores de carne e óso residentes en distintos lugares do planeta ben distantes entre si, conta o seu autor. “Pero de min ten desgraciadamente pouco. Lamote é un tipo intelixente, boa xente e agradable”, chancea Paco Martín. Quen o coñeza sabe ben que en realidade si hai moito de Lamote neste mestre xubilado do colexio da Piringalla que “marcou un fito para a literatura galega”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Desas similitudes entre creador e personaxe falouse, entre outras cuestións, na homenaxe que a institución lle rendeu ao escritor cadrando cos 40 anos da publicación de Das cousas de Ramón Lamote

1/10

Henrique Monteagudo e a directora da Sección de Literatura, a académica Marilar Aleixandre, inauguraron o encontro que acolleu esta tarde o Círculo das Artes de Lugo, acompañados do presidente da entidade que o acolle, Miguel Ángel Caraduje. A tradutora e crítica literaria Isabel Soto conversou deseguido con Paco Martín e Branca Villares foille poñendo a música a unha cita que contou ademais coas achegas de dous lugueses que medraron cativados por Ramón Lamote e o seu autor: o escritor Lois Pérez, exalumno do centro educativo onde este último foi mestre, quen tratará de demostrar que en realidade foi Lamote quen creou un escritor chamado Paco Martín –“A psicoloxía de Lamote é similar á do escritor que argallou”, sostén–; e mais o tradutor Alejandro Tobar, quen malia a distancia xeracional construíu unha fermosa amizade con el co amor pola lectura como nexo, un dos temas centrais da laudatio que pronunciou.

O outro tema desta última intervención foi á propia obra do homenaxeado no seu conxunto. Aínda que o Lamote é o seu personaxe máis coñecido, Paco Martín é autor doutros títulos, o último deles Mr. Smith e a festa murada (2023), onde Tobar figura na dedicatoria. O primeiro, Muxicas no espello, saíu do prelo medio século atrás, no ano 1971, e logo aparecería No cadeixo (1976), “un libro que el valora moitísimo”, asegura o tamén editor. E agora cun ceo de lama (1981), Dende a muralla (1990) ou Tres historias para ler á noite (1992) son outros dos seus libros enmarcados na narrativa para adultos, mentres que baixo a etiqueta de literatura infantil e xuvenil que el refuga conta con máis dunha quincena de volumes, entre eles Das novas cousas de Ramón Lamote (2008).

 

Recoñecemento a toda unha traxectoria
“Hoxe homenaxeamos unha figura de moitísimo relevo nas letras galegas das últimas décadas, especialmente no ámbito da literatura infantil e xuvenil (LIX). De feito, fálase da xeración Lamote para sinalar as persoas que marcaron o inicio do florecemento da nosa LIX, cun enorme recoñecemento fóra de Galicia”, recorda o presidente da RAG. E esta é, sobre todo, unha ocasión para “volver á obra coa que Paco Martín nos agasallou aos lectores, non só aos máis novos”, engade Henrique Monteagudo deixando tamén á marxe os compartimentos estancos. Porque, como sinala o propio autor, Das cousas de Ramón Lamote naceu coa pretensión de chegar a todo o público. “Esa era a miña primeira intención: conseguir que algo que teoricamente era para o público infantil chegase tamén á xente adulta. Como sucedía, se o pensas, cos contos de Andersen ou os que recolleron os irmáns Grimm”, advirte o homenaxeado. “Iso de delimitar tan claramente, coma facendo un rego, o que é literatura infantil e o que non, non o comparto. O importante é que o lector o pase ben”, defende.

E acadouno, concorda Marilar Aleixandre. “Dedicámoslle a terceira xornada do ciclo Voces da Narrativa a Paco Martín recoñecendo as súas contribucións a situar a literatura infantil e xuvenil galega como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor”, expresa a coordinadora da xornada, quen invoca tamén un dos personaxes fantásticos do Lamote para reivindicar a lingua galega na infancia. “Hai corenta anos o Reparante acordou dun soño de seiscentos noventa e seis anos. Sexa isto un sinal para o galego acordar e tomar o día a día, as aulas, as rúas”, conclúe.

Un supervendas incluído nas principais listas internacionais
Das cousas de Ramón Lamote gañou en 1984 a primeira edición do Premio Barco de Vapor en galego, saíu do prelo o ano seguinte e en 1986 converteuse na primeira obra en lingua galega distinguida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil concedido polo Ministerio de Cultura. No idioma do país superou as trinta edicións, foi tamén no seu momento, na tradución ao castelán, a obra infantil máis vendida en toda España e entrou na prestixiosa lista internacional de honra da IBBY, a organización internacional do libro para o público máis novo, cun  notable éxito de público de Latinoamérica.

Esta inédita recepción para unha novela galega –vertida tamén ao catalán, o éuscaro e o asturiano e con versión en braille– foi un dos temas da conversa que Isabel Soto mantivo con Paco Martín, na que tamén houbo ocasión de afondar nas características “deste personaxe universal”, concibido nun momento de grande esforzo por ofrecer obras orixinais en galego á rapazada, apunta Isabel Soto. “Das cousas de Ramón Lamote foi un libro totalmente diferente no seu momento, non hai nel ningún tipo de concesión ao que se entendía que tiña que ser unha obra infantil, nin aventura nin misterio. Nárranse simplemente unha serie de anécdotas protagonizadas por un señor maior e os demais personaxes son tamén adultos. Pero hai nel unha aposta polo humor, polo absurdo e pola fantasía, e Lamote ten a súa propia maneira de mirar o mundo”, analiza.

“Este é un libro moderno e adiantado ao seu tempo. Das cousas de Ramón Lamote cambiouno todo”, enxalza pola súa banda Lois Pérez, quen rememora a emoción que como neno sentiu ao se mergullar nun mundo cheo de fantasía que por primeira vez lle soaba ben familiar. “Ata a lectura de Das cousas de Ramón Lamote, a nosa fantasía literaria estaba moi influenciada polas imaxinacións d’A historia interminábel de Michael Ende. Pero o Reparante falaba en galego, Lamote falaba en galego. E todo ese universo agora pertencíanos e estaba ao noso lado”, comparte. “A nosa lingua e a nosa literatura protéxennos e son un refuxio, e esta obra axudou a varias xeracións de lectoras e lectores a procurarnos iso mesmo: un refuxio. Deunos a posibilidade de explicármonos e imaxinármonos no noso idioma pero, sobre todo, o libro de Paco namorounos dunha tarefa esencial da nosa vida, talvez unha das máis importantes xunto coa de amar: a de ler”, engade.

O pracer pola escritura dun gran lector
No amor pola lectura profundou Alejandro Tobar, porque este é o elemento sobre o que se cimentou a súa amizade con Paco Martín. Tras reler como adolescente Das cousas de Ramón Lamote, o hoxe editor e tradutor animouse a lle escribir posiblemente o seu primeiro correo electrónico ao autor, amigo dos seus pais. Aquelas liñas marcaron o comezo dunha relación que marcou a Tobar na súa formación lectora e editorial, a base de libros compartidos, un dos asuntos que abordou nunha laudatio que tivo a obra do propio homenaxeado, alén de Lamote, como outro dos eixes centrais.
“Paco é un grande escritor e un excelente lector, e a pegada das súas lecturas confórmao como narrador. El vai lendo e de cando en vez dáselle por escribir. Escribe polo pracer de escribir, e isto ten a súa parte positiva, porque non hai nel a sobreexplotación, que é un mal que se dá hoxe entre os escritores profesionalizados; pero isto tamén ten a parte negativa de que publica un novo libro cada moito tempo”, considera Tobar.

Entre outras influencias das lecturas do autor na súa obra, coincide cos demais intervenientes no acto ao sinalar o italiano Gianni Rodari ou de clásicos do realismo máxico galego como Cunqueiro. “E vexo tamén un vínculo con Larra e o seu Vuelva usted mañana no propio Lamote, no que hai unha crítica á administración”, debulla.