Tres documentais para María Victoria Moreno na Rede

"A literatura infantil non pode ser subliteratura. A idea que hai é que se escribe para nenos porque non se pode escribir para outros. Os que escribimos para nenos sabemos que o facemos polo que sexa, pero ademais porque é moi divertido e gratificante, porque o pasamos ben, supoño. Eu polo menos cando escribo, pásoo de marabilla". María Victoria Moreno falaba así en 1987 no programa da TVG "Visións", un testemuño que agora pode ser visto e escoitado na súa propia voz, desde a web da CRTVG, no documental Reivindicando a María Victoria Moreno de Gonzalo E. Veloso. María Victoria Moreno, galega por amor é outra completa ollada á vida e obra da autora desde o audiovisual promovida polo Concello de Pontevedra, e tamén dispoñible na Rede, igual que o vídeo sobre a autora que Gaspar Broullón realizou para a homenaxe que se lle rendeu no IES Torrente Ballester, o último instituto onde deu clases.

O documental de Gonzalo E. Veloso retrata a protagonista do Día das Letras Galegas 2018 a través de testemuños de amizades, familiares, amizades e compañeiras e compañeiros de profesión, entre eles os das académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, e complétase con imaxes de arquivo da TVG que permiten ver e escoitar a María Victoria Moreno. Nos fragmentos recuperados, a autora fala sobre a literatura infantil á altura de 1987, un ano despois de recibir o terceiro Premio Barco de Vapor por Leonardo e os fontaneiros, e volve aparecer en pantalla cara ao final da peza explicando a súa experiencia nun ensaio clínico para un novo tratamento contra o cancro que padeceu.


María Victoria Moreno intervén na TVG en 1987, un dos documentos do arquivo da canle pública rescatados no documental dispoñible na súa web


Outra mirada de interese á figura da autora homenaxeada este ano pola Real Academia Galega ofrécea María Victoria Moreno, galega por amor, documental promovido polo Concello de Pontevedra que arrinca co recordo da autora do académico Xesús Alonso Montero, amigo dela desde que se coñeceron no Instituto Masculino de Lugo, onde ambos os dous eran compañeiros de departamento. A académica Fina Casalderrey volve aparecer neste traballo xunto á filla e o viúvo da autora, Begoña Llácer e  Pedro Ferriol, e amigos como Xavier Senín, Tito Seijas, Luz Gallego, Manuel González e Rosi Gómez.

A María Victoria profesora, recordada por antigos compañeiros e compañeiras docentes e persoas que se formaron como adolescentes nas súas aulas , centra o documental estreado o pasado 4 de abril no IES Torrente Ballester. A peza pode verse na canle de Youtube do centro.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 16 de outubro de 2018 / 11:00 h
Entrega dos premios Contádenos o voso Día das Letras
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar