Os XXXII Cursos de lingua e cultura galegas conclúen cun "ata logo" ao alumnado de catro continentes

Os XXXII Cursos de lingua e cultura galega "Galego sen fronteiras" concluíron hoxe cun "ata logo" ao alumnado procedente de vinte países de catro continentes. O acto de entrega de diplomas puxo fin a tres semanas de inmersión lingüística e cultural a través desta iniciativa coorganizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Os cursos funcionan como "semente do país", salientou o secretario da Academia e codirector desta actividade, Henrique Monteagudo, en referencia ás moitas persoas que, tras pasar polas súas aulas, seguen a traballar en relación coa lingua e coa cultura galegas desde os seus respectivos países.

O alumnado, o profesorado e os representantes institucionais que participaron na clausura posan tras a entrega de diplomas. Fonte: RAG


No acto, celebrado na Facultade de Filosofía, tamén interviñeron Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado da USC; María Álvarez de la Granja, secretaria do ILG; Ana Fachal Fraguela, profesora dos cursos; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Os cursos desenvólvense co apoio deste departamento e co da Deputación da Coruña.

A trixésimo segunda edición xuntou en Santiago de Compostela entre o 2 e o 24 de xullo a estudantes procedentes de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Venezuela e distintas comunidades autónomas de España.

Moitos alumnos e alumnas estudaron previamente galego nos seus países, pero esta iniciativa, alén de permitirlles profundar nos coñecementos lingüísticos, ofrécelles unha experiencia directa da realidade sociolingüística, subliñou Henrique Monteagudo. "O galego é unha lingua que vive unha situación problemática e a dimensión dos desafíos e das ameazas védela cando estades aquí", expresou. O académico engadiu nesta liña a pegada positiva dos cursos na propia sociedade galega: "Aínda hoxe é necesario que os galegos e galegas vexan que a súa lingua é merecente de atención, incluso de xente que vén de fóra".

Os Cursos "Galego sen fronteiras" son ademais un espazo de diálogo entre diferentes culturas a través do galego desde 1988, o que os converte "nun dos eventos máis lonxevos" centrados na lingua e na cultura galegas, engadiu o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane. O secretario xeral de Política Lingüística referiuse a esta iniciativa como "un dos buques insignia da proxección exterior e interior da lingua galega". "Aínda que soe a tópico, sodes os nosos mellores embaixadores", indicou Valentín García.

Na mesma liña, María Álvarez de la Granja referiuse tamén a distintos exalumnos dos cursos que hoxe desenvolven estudos galegos desde outros países, como os académicos correspondentes Johannes Kabatek e Takekazu Asaka, que participou na clausura. Ana Fachal tamén se referiu a exalumnas como Paulina Ceremuzynska, hoxe experta na música medieval galega e convidada desta edición. A cantante e musicóloga interveu dentro do programa de palestras que completou as clases teóricas e prácticas coas olladas á sociedade galega de persoeiros de distintos eidos. "Creo que podemos transmitir coñecemento e tamén amor pola nosa lingua", concluíu a docente en nome de todo o profesorado tras agradecer ao alumnado o seu interese.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete