"O teatro nunca se librou de ser unha arte do demo"

A comedia sempre provocou desconfianza nas autoridades civís e relixiosas. Por iso o teatro "nunca se librou de ser unha arte do demo", salientou Quico Cadaval no relatorio sobre a historia do teatro galego que impartiu nos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". De feito, ao teatro e ás marionetas chámaselles popularmente "figuras do demo", expresión que deu nome á intervención do dramaturgo, director e narrador escénico. A aposta das Irmandades da Fala por crear un teatro burgués en lingua galega como ferramenta de normalización tamén incomodou o poder. O propio gobernador civil —contou— apupou o elenco durante unha representación d'O Mariscal (1926), a obra de Ramón Cabanillas inspirada na historia de Pardo de Cela.

Quico Cadaval. Fonte: RAG


"As Irmandades tentaron ocupar todas as áreas do coñecemento, da arte e da comunicación en galego, e foi así como a lingua entrou no teatro burgués. Un caso moi significativo, pola grande aspiración que supuxo, foi a creación do poema épico O Mariscal, inspirado nun mito fundamental do nacionalismo galeguista. Querían facer unha ópera porque iso era o máximo da cultura burguesa: se tiñas unha ópera, tiñas unha nación", explicou.

Quico Cadaval detívose tamén no caso d'Os vellos non deben de namorarse, onde Castelao soubo combinar o popular e o vangardista. A compañía Airiños seguiría a representala sempre que puido durante o franquismo, que só autorizaba a súa posta en escena en galego se tiña fins benéficos. Xa nos últimos anos da ditadura, produciríase a fundación do teatro profesional galego moderno arredor da I Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, en 1973. A dramaturxia daquela década tivo un marcado compromiso político que a partir dos anos 80 daría paso a un teatro máis humorístico con iniciativas como a artellada arredor da Sala Nasa por Chévere, compañía que logo evolucionaría cara a espectáculos máis elaborados, concluíu Quico Cadaval.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete