Antonio Manuel Fraga gaña o I Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno

O I Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno, convocado polo Concello de Pontevedra e Urco Editora, xa ten gañador. O xurado, reunido onte no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, premiou a obra do autor titulada O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, da que destaca a fortaleza das personaxes femininas dotadas dunha afouteza optimista e sen crebas, a introdución do bestiario máxico galego nun contexto histórico mais tamén dotado de modernidade, e a mestría con que tece con precisión a linguaxe nos nobelos da maxia.

A familia de María Victoria e membros do xurado, reunidos no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tras darse a coñecer a obra gañadora. Fonte: Salón do Libro


O galardón que leva o nome da protagonista do Día das Letras Galegas 2018 ten unha dotación económica de 4.000 euros, que achega o Concello de Pontevedra, e implica tamén a publicación da obra por parte de Urco Editora. O orixinal gañador foi seleccionado entre os 31 que participaron nesta primeira convocatoria. O xurado, composto pola experta en literatura infantil e xuvenil Montse Pena Presas, a escritora Eli Ríos (en representación da familia de María Victoria Moreno), Andrea Martínez (alumna do IES Torrente Ballester, onde se xubilou a escritora), Carme Hermida (en representación do Concello) e Andrea Jamardo (en nome de Urco), considerou ademais finalistas e recomendou a publicación doutras dúas obras presentadas cos seguintes lemas: Be Water e Irmá Paxaro.

Antonio Manuel Fraga explicou que O bestiario científico de Anxos Nogueirosa está dedicado á mestra Elvira Bao e á oceanógrafa Ángeles Alvariño. A historia está ambientada nos tempos da República e no sanatorio de Oza (A Coruña).

O XIX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celébrase do 6 ao 29 de abril baixo o lema Mulleres de conto.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete