A xeomorfoloxía na RAG da man de Uxío Torre Enciso

A Semana da Ciencia deu lugar estes días unha chea de actividades de divulgación científica por toda Galicia. A Real Academia Galega tamén celebra esta iniciativa coa publicación dixital do discurso de ingreso na institución do xeólogo Uxío Torre Enciso (A Coruña, 1908 - Ferrol, 1994), Avanzos no coñecimento da xeomorfoloxía de Galicia, e a resposta que lle deu en nome da institución Isidro Parga Pondal, con quen colaborou intensamente como membro do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. A obra de Torre Enciso abriu novos vieiros no estudo do proceso de alteración das rochas graníticas e realizou notables achegas ao coñecemento xeomorfolóxico do solo galego. Foi tamén pioneiro en anunciar o papel da erosión fluvial na formación do relevo somerxido das rías e o primeiro investigador de restos fósiles do cuaternario de Galicia, dous molares de mamut aparecidos nunha canteira de Buxán (Lugo).
Uxío Torre Enciso

Uxío Torre Enciso ingresou na RAG o 24 de outubro de 1970, a proposta de Isidro Parga Pondal, Antonio Fraguas Fraguas e Luís Iglesias Iglesias, nunha cerimonia celebrada no paraninfo do daquela Instituto de Ensino Medio Feminino da Coruña. A súa intervención daquel día arrincou salientando a "ampla variedade de aspeitos e paisaxes" de Galicia, "unha ricaz paisaxística, estudada con grande acerto e fina sensibilidade por Don Ramón Otero Pedrayo" que, advertía, "non é somentes produto do seu tapiz vexetal sempre verdecente, senón tamén o resultado da atraente e orixinal aicidentación que o seu releve amosa, tanto no interior como no seu incomparable litoral".

O científico, tras abordar aspectos como a meteorización na modelaxe do relevo terrestre, o desenvolvemento das superficies de erosión ou a orixe das rías galegas, rematou o discurso apelando á preservación natural: "Non sabemos de certo cál vai ser o porvir xeolóxico de Galicia, mais xa se escrarecéu un bo quiñón da longa historia evolutiva do seu ricaz tesouro de finas paisaxes e formas de releve que é mester amparar e gardar como sagra herdanza que ten de ser legada ás xeneracións vindeiras; pois a máis de constituir un recurso natural de primeira orde, que compre conservar e no posibre potenciar, son parte primacial do contorno no que fomos modelados dende nenos, e arelamos seguir recoñecendo nelas o souril e inconfundibre semblante da nosa terra nai".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete