Cada centro pode concorrer co proxecto ou proxectos desenvolvidos arredor da vida e da obra de Ricardo Carballo Calero que desexe, tanto con aqueles que impliquen o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os colexios deben enviar as ligazóns que amosen ou resuman os seus traballos ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico. As iniciativas que concorran ao concurso serán compartidas en primaveradasletras.gal.
Máis actividades interactivas
Primavera das Letras botou a andar en 2016 cadrando coa celebración do Día das Letras Galegas de Manuel María. Catro anos despois, o proxecto é un espazo de referencia para a comunidade educativa. O pasado mes de maio, durante o primeiro estado de alarma e coas escolas pechadas, a descarga de fichas e os accesos ás actividades interactivas bateron récords e superáronse as 300.000 páxinas vistas.