Ano Castelao
Biblioteca
A obra de Castelao na biblioteca da Real Academia Galega
O conxunto da produción literaria e artística de Castelao constitúe unha das creacións máis importantes da cultura galega. Ao mesmo tempo, o seu compromiso coa nosa lingua e a súa actividade política fixeron del unha figura de gran relevancia na historia contemporánea de Galicia. Por estas razóns, a obra de Castelao ocupa un lugar sobranceiro na Biblioteca da nosa institución.
Con motivo da celebración da figura da rianxeiro que está a realizar a Real Academia Galega neste Ano Castelao, dende a Biblioteca desexamos facer unha pequena homenaxe ao seu importante legado. Ofrecemos pois a selección dalgunhas entradas do noso catálogo que teñen a Castelao como autor. Nesa selección incluímos unha colección representativa dos seus escritos e da súa produción artística, de tal maneira que a escolma ademais ten a intención de servir a xeito de recapitulación do seu labor creativo e intelectual.
Na relación que ofrecemos aquí aparecen varias primeiras edicións que foron publicadas en vida do autor, entre elas unha tradución pouco coñecida de Os dous de sempre. Mais a escolma recolle igualmente un grupo significativo de reedicións posteriores, algunhas delas baixo a forma de coleccións de textos ou de ilustracións, e tamén algúns estudos que achegan o inventario dunha parte das súas creacións artísticas.
Desexamos que a selección que presentamos contribúa a dar unha idea do valor, da amplitude e da diversidade da súa obra.