Obra de Castelao

Publicado en Pontevedra en 1917, Algo acerca de la caricatura foi o seu primeiro folleto impreso. Nel recollíase o texto dunha conferencia lida no Ateneo de Madrid o 11 de maio de 1915 e ademais levaba como introdución un poema de Ramón Cabanillas dedicado ao “mozo de Rianxo”. Na conferencia o artista rianxeiro defendeu que a caricatura era superior á pintura grazas ao carácter reflexivo da primeira.

O exemplar conservado na nosa Biblioteca ten unha dedicatoria de Castelao a Manuel Murguía, primeiro Presidente da Real Academia Galega.

O 2 de marzo de 1920 inaugurábase na Coruña a exposición dos debuxos realizados entre 1916 e 1918 que máis tarde se integrarían no álbum Nós. Como complemento da exposición, Castelao impartiu días despois unha conferencia artellada en tres partes: a primeira, sobre humorismo, incluía o relato “Memorias d’un esquelete” que despois aparecerá en Un ollo de vidro; a segunda e a terceira, sobre debuxo humorístico e caricatura, eran unha ampliación de Algo acerca de la caricatura.

A Real Academia Galega publicou esta conferencia en 1961 a partir do manuscrito orixinal conservado no arquivo da institución.

Acceda aquí ao texto desa edición.

Grazas a unha bolsa concedida pola Junta de Ampliación de Estudios, Castelao estivo, durante a maior parte do ano 1921, en París e en varias cidades de Bélxica e de Alemaña para estudar a arte europea e aprender técnicas de gravado e de linoleografía. No diario que escribiu nese tempo foi anotando as súas impresións sobre as obras, artistas e estilos que observaba. Aínda que el mesmo deu a coñecer uns poucos fragmentos dese diario na revista NÓS en 1922 e 1923, o texto completo publicaríao a Editorial Galaxia no ano 1977 a partir do manuscrito orixinal conservado no Museo de Pontevedra.

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa escrito por Castelao e publicado en 1922 pola Editorial Céltiga, de Ferrol. Este relato breve, obra inicial do Castelao narrador, emprega o mundo ultraterreo como espello da sociedade galega do seu tempo. Por medio do humor, Castelao desenvolve o seu pensamento político, manifestando as súas preocupacións sobre temas como a defensa da lingua, a emigración ou a crítica social de carácter anticaciquil.

Castelao publicou en 1926, na editorial Lar, o primeiro libro de Cousas onde combinaba textos e ilustracións. A obra abríase cun limiar, titulado “A carón da natureza”, no que avogaba pola creación dunha arte popular. A seguir reuníanse un total de dezaoito contos con cadansúa ilustración. Destes contos, unicamente cinco eran inéditos, pois os outros xa foran publicados antes na prensa galega. O libro considérase unha das súas mellores producións literarias e converteuse na obra fundacional da prosa galega moderna.

O exemplar de Cousas que se garda na nosa Biblioteca pertence á terceira edición publicada pola Editorial Galaxia en 1962.

En abril de 1929 veu a lume o segundo libro de Cousas, desta vez editado pola imprenta Nós de Ánxel Casal, que contén vinte e seis contos e mais as súas ilustracións. Todos os relatos compilados neste volume apareceran na prensa con posterioridade á publicación do primeiro libro en 1926. A través das narracións reunidas nos dous libros de Cousas, o artista rianxeiro ofreceu unha interpretación da problemática socioeconómica de Galicia por medio de personaxes marxinados como anciáns, cegos ou xentes sumidas na pobreza.

Cincoenta homes por dez reás é o título dunha colección de 50 láminas publicadas na Coruña en 1930 pola editorial Nós. Cada lámina inclúe un pé descritivo de intención satírica, o que converte este libro no primeiro de humorismo gráfico da cultura galega.

As cruces de pedra na Bretaña é un estudo histórico e descritivo dos cruceiros na Bretaña francesa publicado en 1930. En 1929 Castelao e Virxinia viaxan durante catro meses á vella Armórica, grazas a unha axuda concedida pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, coa intención de documentarse para facer un estudo comparado das cruces de pedra das diferentes Fisterras europeas.

O Almanaque do Faro de Vigo “Cousas da Vida” saíu do prelo en 1931 e foi unha compilación de 63 debuxos aparecidos nese diario. Castelao iniciara a súa andaina como humorista gráfico do xornal vigués entre outubro de 1926 e xullo de 1927, e colaborou de novo a partir de febreiro de 1930 e ata abril de 1933. En total publicou alí 355 debuxos. A edición deste Almanaque, motivada polo desexo de moitos admiradores de posuíren unha colección das “Cousas da Vida”, é testemuño da popularidade da súa obra gráfica.

O exemplar da nosa Biblioteca pertenceu ao grande artista Luís Seoane.

Composto por corenta e nove debuxos, cada un deles acompañado dun breve texto manuscrito, o álbum Nós foi publicado pola casa Hauser y Menet de Madrid no ano 1931. Así a todo, o público xa tivera a oportunidade de coñecer os seus contidos moito antes, pois os debuxos reunidos nesta obra —realizados entre 1916 e 1918— estiveran expostos en varias cidades galegas dende 1920. As imaxes que contén o álbum concibíronse como un vehículo para a denuncia de inxustizas sociais e están entre as máis coñecidas de Castelao.

O exemplar da nosa Biblioteca é un facsímile realizado a partir do orixinal pola editorial Galaxia no ano 2000.

Esta separata do artigo “Escudos de Rianxo” que se publicou na revista Nós en 1933 contén debuxos de Castelao copiados da heráldica que el puido observar na súa vila natal. Os debuxos van acompañados dun texto de Fermín Bouza-Brey onde se identifican as familias que están representadas nos escudos. De especial interese é a heráldica dos Mariño na que aparece unha serea termando do escudo familiar, pois esa imaxe servirá de inspiración a Castelao cando no ano 1937 deseñe o escudo para a nova Galicia que debería rexurdir despois do negro período bélico.

En outubro de 1933 disolvéronse as Cortes da República española e convocáronse novas eleccións para o 19 de novembro. Neste contexto electoral, apareceu publicado pola editorial Nós o folleto anónimo Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista. Este libriño de 32 páxinas divulgaba o ideario político do Partido e daba a coñecer as súas propostas para o país. Aínda que ás veces se atribuíu a Vicente Risco, o manuscrito orixinal do texto está redactado por Castelao e constitúe unha das primeiras achegas dos seus escritos políticos.

Acceda aquí ao texto dixitalizado no sitio da Real Academia Galega en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.

Os dous libros de Cousas —publicados en 1926 e 1929— apareceron conxuntamente en setembro do ano 1934 no prelo compostelán de Ánxel Casal. Esta nova edición estaba composta polos corenta e cinco textos dos dous libros anteriores acompañados de cadansúa ilustración. Se a portada das edicións precedentes levaba no centro o símbolo do Seminario de Estudos Galegos deseñado por Castelao, nesta edición conxunta substituíuse pola imaxe da editorial Nós, ideada tamén por el, na que se mostra un hórreo, representación da fartura na sociedade campesiña e símbolo de galeguidade.

Novela de Castelao publicada en 1934 pola Editorial Nós, de Santiago. A trama fai un percurso polas biografías de Pedriño, lacazán e conformista, e Rañolas, mozo espelido que, malia estar eivado das pernas, loita por unha vida mellor. A análise desta obra é o tema central do discurso de ingreso na Academia de Mariño Dónega, A resignación e maila rebeldía na novela de Castelao Os dous de sempre.

Fermosa edición da obra de Castelao publicada en Santiago de Compostela por Nós e ilustrada con xilografías de Maside. Consta de cinco relatos autobiográficos ordenados cronoloxicamente: O segredo, O inglés, Peito de lobo, O retrato e Sabela. Cada un deles vai identificado cun lugar e unha data que fan referencia a momentos concretos da vida do autor.

Tres dos cinco relatos publicáranse anteriormente en xornais e revistas e os outros dous, O inglés e Sabela publicáronse por primeira vez nesta edición.

A obra foi traducida a idiomas como o catalán, éuscaro, italiano ou esperanto.

Galicia mártir é o título do primeiro dos tres álbums da guerra que publicou Castelao en Valencia en 1937, en edición do Ministerio de Propaganda da República, como denuncia internacional da represión que estaba sufrindo Galicia. Está formado por dez estampas debuxadas a tinta chinesa, con cadanseu título en galego, manuscrito polo autor, e traducido ao castelán, ao francés e ao inglés.

Segundo dos tres álbums da guerra que publicou Castelao como denuncia internacional da represión que estaba sufrindo Galicia por parte dos fascistas. Ao igual que Galicia mártir, editouse en Valencia en 1937 e está formado por dez estampas debuxadas a tinta chinesa cun breve título en galego, traducido ao castelán, ao francés e ao inglés.

Con Milicianos complétase a súa triloxía de álbums da guerra. Está composto por once imaxes nas que se fai unha gabanza da resistencia e da valentía dos soldados republicanos. Cada imaxe leva ademais un texto moi breve en galego, castelán e inglés. Aínda que elaborado en Valencia en 1937, o álbum foi publicado o ano seguinte en Nova York pola Fronte Popular Antifascista Galega. A súa aparición tivo lugar durante a estadía de Castelao nos Estados Unidos en viaxe de propaganda para axudar ao esforzo bélico da República.

O exemplar da nosa Biblioteca é un facsímile realizado a partir das láminas orixinais pola editorial Galaxia no ano 2018.

No ano 1937 viu a luz en Montevideo esta tradución para o castelán de Os dous de sempre que se publicou sen o coñecemento do autor. Foi o seu tradutor Arturo Carril Amigo, natural de Corcubión, quen ademais engadiu un limiar no que gababa a figura de Castelao. Emigrado a Montevideo sendo moi novo, Carril traballou como linotopista e frecuentou os círculos galeguistas e anarquistas da cidade. Alí tamén fundou a Editorial Mar onde apareceu este libro, que el dedicou a toda a mocidade galega que daquela estaba a defender a República das “hordas regresivas” levantadas contra ela.

Os orixinais das doce láminas que compoñen o cartafol Dibuxos de Negros, publicado pola Editorial Galaxia en 1970, foron debuxados por el no ano 1939, durante unha estadía de tres meses en Cuba e posteriormente en Nova York, onde viviu un ano e medio. Pertencen, pois, á primeira época do exilio, antes de que fixase a súa residencia en Buenos Aires. En Cuba Castelao coñeceu a vida afro-antillana e nela inspirouse para realizar unha serie de debuxos nos cales amosaba os costumes da xentes de cor da illa. Posteriormente en Nova York tivo que vender moitas desas creacións para poder vivir en compañía da súa muller Virgina.

Os vellos non deben de namorarse foi escrita na cidade de Nova York en 1939 e estreada o 14 de agosto de 1941 no Teatro Mayo de Buenos Aires e o 8 de outubro no teatro Solís de Montevideo. Esta obra está considerada unha das pezas máis populares do teatro galego.

Sempre en Galiza é a obra canónica do nacionalismo galego. Publicouse o 10 de marzo de 1944 en Buenos Aires e chegou a Galicia de xeito clandestino. No libro axúntanse distintos escritos: dende os artigos que escribiu Castelao en 1935 en Badaxoz para A Nosa Terra ata a segunda parte, redactada a cabalo entre Nova York e Buenos Aires.

As cruces de pedra na Galiza é unha obra na que Castelao describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos. A investigación para a redacción desta obra desenvolveuse entre 1924, cando ingresa no Seminario de estudos Galegos, e 1936. En 1934 empregou esta temática para o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Foi publicado postumamente, pola Editorial Nós, en Buenos Aires, en xaneiro de 1950.

Discurso escrito e pronunciado por Castelao, co gallo do Día de Galicia, no Teatro Arxentino de Buenos Aires o 25 de xullo de 1948 e publicado no número 463 da revista A Nosa Terra. O autor refírese nesta alocución a unha Santa Compaña de galegos inmortais, encabezada por Prisciliano, pero tamén lembra a multitude de almas sen nome, responsables da creación da nosa lingua, a nosa cultura e os nosos costumes.

En 1951, con motivo do primeiro cabo de ano do pasamento de Castelao, o Centro Galego de Buenos Aires fixo esta edición composta por 2.000 exemplares numerados.

Baixo o título xenérico de Cousas da Vida por Castelao a Editorial Galaxia publicou entre os anos 1961 e 1971 seis volumes que recollían unha parte importante da súa obra gráfica, principalmente aquela aparecida nas páxinas do xornal vigués Galicia dende 1922 ata 1926. En total son máis de trescentas ilustracións as que se recuperan nesta edición. Cómpre destacar que os debuxos reunidos nos diferentes volumes adoitan estar organizados tematicamente: nenos, mulleres, animais, homes, cegos, caciquismo. A saída á luz destas Cousas da Vida foi posible grazas ao relativo aperturismo experimentado pola ditadura franquista a partir da década de 1960.

Xesús Alonso Montero publicou en 1974 na editorial Celta esta escolma que contiña textos pouco coñecidos de Castelao. O libro xuntaba escritos aparecidos na prensa, fragmentos de entrevistas e de discursos, extractos de conferencias e incluso algunha anécdota sobre o rianxeiro contada por persoas que o coñeceron. Na opinión do editor, con estas Prosas recuperadas ofrecíase unha imaxe máis completa de Castelao como escritor e como home, na que se mostraban os seus primeiros pasos literarios e algúns “retrincos do seu existir”.

Co título de Cousas, terceiro libro saíu do prelo no ano 1975 este libriño de Edicións Castrelos que formaba parte da popular colección O Moucho. Como se explica no seu limiar, a intención da obra era agrupar un conxunto de textos e de debuxos que pola súa orixe e natureza pertencían ao mesmo feixe de traballos que viron a luz nos dous libros de Cousas, aínda que finalmente non se publicaron neles. Todos os escritos que compoñen este pequeno volume apareceron en tres cabeceiras da prensa galega nas que Castelao colaborou con asiduidade: Nós, Galicia e El Pueblo Gallego. O responsable da edición foi Xosé María Álvarez Blázquez.

Este libro de 1975, do que foi responsable Edicións Nós de Buenos Aires, recuperaba un escrito redactado en 1948 para conmemorar o 12º aniversario da votación do Estatuto de Autonomía de Galicia. O traballo orixinal de Castelao, ademais de incluír o texto estatutario acompañado dos seus comentarios, facía un percorrido pola historia do sentimento autonomista galego e tamén daba conta das vicisitudes polas que debeu pasar a aprobación do Estatuto na II República. Publicouse primeiramente o mesmo ano de 1948 grazas á axuda económica achegada polas entidades galegas de Buenos Aires que organizaron a celebración do devandito aniversario.

Falar do Castelao artista supón necesariamente falar tamén do Castelao escenógrafo. Mostras desta faceta artística do rianxeiro achámola nos panos de fondo que fixo para a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra; nos decorados de Divinas palabras de Valle-Inclán; ou ben na escenografía concibida para a representación d’Os vellos non deben de namorarse. Un artigo de Xosé Filgueira Valverde aparecido en 1975 no Boletín da Real Academia Galega ofrece un repertorio descritivo dos decorados que realizou para a Polifónica pontevedresa entre os anos 1926 e 1930. O artigo tamén inclúe imaxes que mostran algunhas desas creacións.

Durante cinco anos, de 1922 a 1926, Castelao deu a coñecer no xornal Galicia ao redor duns 600 debuxos. Estes aparecían na primeira páxina, ás veces baixo o epígrafe de “Cousas da vida” e noutras ocasións con títulos diferentes (“Caricaturas”, “Leria”, “Dibuxos”). Unha parte deles foi recollida no libro 175 dibuxos de Castelao que distribuíu gratuitamente a Caixa de Aforros de Santiago de Compostela en 1976. A compilación fíxose a partir das ilustracións orixinais pertencentes á colección particular da entidade bancaria. O libro abríase cun limiar de Xosé Filgueira Valverde que fornecía noticias sobre as características dos debuxos desa colección.

En 1976 a editorial Akal deu ao prelo unha edición —da autoría de José Antonio Durán— dos debuxos e dos escritos que Castelao publicou no xornal de Madrid El Sol nos anos 1918, 1919 e 1922. O libro presenta corenta e seis ilustracións. A maioría delas son debuxos acompañados dun breve texto, mais tamén hai caricaturas. Recolle igualmente dous artigos seus de carácter polémico: un sobre o preito entre o Concello de Rianxo e o pai de Castelao en relación a un hórreo; e outro acerca do desastroso estado do tranvía de Marín. Un estudo introdutorio de Durán ofrece os datos necesarios para contextualizar as achegas do rianxeiro ao periódico madrileño.

Clodio González Pérez axuntou no seu libro Castelao: caricaturas e autocaricaturas (Ediciós do Castro, 1986) unha ampla colección de caricaturas feitas por Castelao. Logo de revisar ilustracións aparecidas na prensa e de rexistrar debuxos orixinais, o autor da compilación foi quen de recuperar case duascentas caricaturas de diferentes persoas, moitas delas coñecidas do rianxeiro. A este conxunto hai que engadir tamén trinta e tres autocaricaturas, pois el foi un dos artistas galegos que máis se retratou a si mesmo. O gran número de exemplos recollidos nesta obra é testemuño da importancia que lle concedeu á caricatura como manifestación artística.

Castelao escribiu as trinta e dúas entregas que compoñen as súas “Verbas de Chumbo” ao longo dos anos 1937 e 1938 para Nueva Galicia, a revista dos antifascistas galegos editada primeiro en Madrid e logo en Barcelona. Nelas tratou do carácter nacional de Galicia, do Estatuto Galego aprobado na II República e da futura organización dunha Galicia autónoma. Como é ben sabido, estes escritos constituíron despois a base do Libro I do Sempre en Galiza. Esta edición das “Verbas de Chumbo” estivo a cargo de Claudio Rodríguez Fer e incluíu ademais outros textos que saíron á luz na revista Nova Galiza. O libro publicouno Sotelo Blanco en 1992.

A Fundación Penzol conserva catro cadernos escritos por Castelao entre os anos 1938 e 1947. O seu contido é variado: citas e anotacións de libros, notas de viaxe, ideas para discursos ou artigos e reflexións sobre temas diversos. Unha escolma deses materiais foi posta á disposición dos lectores en 1993 pola Editorial Galaxia e a Fundación Penzol acompañada por dous estudos introdutorios de Henrique Monteagudo e de Francisco Dubert. Os catro cadernos xa se publicaran integramente o ano anterior como un apéndice á edición crítica do Sempre en Galiza realizada polo Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Este importante libro publicado en 1996 pola Fundación Castelao reúne toda a obra oratoria da cal se conserva o texto. Son en total trinta e catro conferencias e discursos distribuídos nun amplo abano cronolóxico. As catro primeiras pezas céntranse no debuxo e na caricatura, e corresponden ao período que vai de 1915 a 1932. O resto son de natureza política e inclúen as intervencións nas Cortes republicanas de 1931 a 1933, así como diversas alocucións que impartiu Castelao no exilio a partir de 1939. A obra péchase co discurso Alba de Groria de 1948. A edición dos textos e o estudo introdutorio correron a cargo de Henrique Monteagudo.

Seis son os volumes que compoñen a colección Obras de Castelao publicada nos anos 1999 e 2000 pola editorial Galaxia baixo a coordinación de Henrique Monteagudo. Cada volume contén textos que responden a unha categoría concreta: Obras literarias (I), Sempre en Galiza (II), Escritos políticos (III), Conferencias e discursos (IV), Diario da viaxe de 1921 (V) e Epistolario (VI). Todos eles contan ademais cunha introdución que explica os criterios de edición e dá as claves para entender os escritos publicados. Pola amplitude e pola rigorosa edición dos textos, esta é unha colección imprescindible para coñecer a súa obra, o seu pensamento e a súa vida.

Grazas a unha edición conxunta do Consello da Cultura Galega e da Fundación Castelao, no ano 2006 veu a lume este volume que xuntaba as ilustracións aparecidas no Faro de Vigo ao longo de seis anos, durante 1926 e 1927 e despois nun período que vai de 1930 a 1933. O libro reúne, seguindo unha orde cronolóxica, a totalidade dos 355 debuxos que Castelao ofreceu nas páxinas dese periódico, a maior parte dos cales levaron o título de “Cousas da Vida”. A compilación realizouna Clodio González Pérez, quen ademais engadiu un estudo introdutorio onde se achegan numerosos detalles relativos á presenza do artista rianxeiro no xornal vigués.

Publicado pola Editorial Galaxia no ano 2006, Castelao pintor ofrece unha completa mostra da súa obra pictórica. A través das pinturas reproducidas nas páxinas do libro descubrimos as primeiras obras dos anos 1908 e 1909; admiramos os cadros de cegos e de paisaxes que realizou ata 1936; ou ben contemplamos as creacións da derradeira década da súa vida que culminan na impactante A derradeira leición do mestre. O limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane sitúa esa produción pictórica no contexto do devir vital de Castelao; namentres que o Epílogo de José Manuel B. López Vázquez analiza as ideas estéticas, o estilo e os temas propios do artista.

Castelao non limitou as súas angueiras artísticas ao debuxo e á pintura. Un aspecto pouco coñecido del é o seu interese polo deseño de obxectos cerámicos. Este é o tema tratado no libro de Xoán Guitián, Castelao e a cerámica, que publicou a Fundación Castelao no ano 2007. A obra céntrase nas súas achegas á creación dun conxunto de pezas producidas pola empresa Cerámica Celta de Pontecesures. Segundo este estudo, el cedeu algúns dos seus debuxos para os reproducir en cerámica, ideou a decoración de pezas utilitarias e deseñou expresamente algúns modelos para a empresa. O libro ofrece ademais o inventario e a descrición deses obxectos.

A intensa actividade política a prol do autogoberno de Galicia que desenvolveu Castelao durante o período da II República e da Guerra Civil queda reflectida na escolma titulada Escritos políticos da época republicana, que deu ao prelo a Editorial Galaxia no ano 2021 cun limiar de Xosé M. Núñez Seixas. O libro ofrécenos trinta e dous textos, a maioría dos cales foron publicados orixinariamente na prensa, sobre todo n’A Nosa Terra, o voceiro do Partido Galeguista. Os escritos seleccionados, que pertencen á etapa abranguida entre 1933 e 1939, mostran un Castelao convertido no principal dirixente do nacionalismo galego.