No Ronsel das Irmandades

  • Francisco Ponte y Blanco (1924-1926)
  • Eladio Rodríguez (1926-1934)
  • Manuel Lugrís Freire (1934-1935)

O inesperado pasamento de Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supuxo un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas procedentes de Cuba e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. A Academia cae nunha progresiva parálise, mais a iniciativa na renovación da cultura e as letras galegas non se detén, senón que se precipita grazas á aparición das Irmandades da Fala —fundadas en 1916 nos locais da Academia— e á creación do Seminario de Estudos Galegos en 1923, por iniciativa dun grupo de universitarios composteláns.

Francisco Ponte y Blanco
Eladio Rodríguez
Manuel Lugrís Freire

A Academia non foi allea a estas iniciativas. Un feixe de académicos, coma tal, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Manuel Lugrís Freire, Manuel Banet e Francisco Tettamancy, foron tamén fundadores das Irmandades. Tamén, moitos deles incorporáronse despois ao Seminario de Estudos Galegos, comezando por Salvador Cabeza de León, que foi o seu presidente durante dez anos (1925-1934), e seguindo por Manuel Lugrís e Eladio Rodríguez entre outros.

A RAG tivo un papel de relevo na configuración da memoria colectiva galega mediante a conmemoración de efemérides, que daban lugar á a organización de homenaxes e publicacións, a erección de monumentos e instalación de estatuas en lugares públicos. Igualmente, ao longo das tres primeiras décadas do século contribuíu decisivamente na definición dos símbolos do país, nomeadamente o himno e a bandeira, ben que polas restricións que impuñan as autoridades do Estado español comezaron a empregarse primeiro nas colectividades da diáspora ca na propia Galicia.

Un momento chave na aceptación da bandeira de Galicia, sobre a que se viñan polémicas ruidosas desde comezos de século, xurdiu en 1930, cando se levantou a prohibición da súa exhibición pública imposta pola ditadura de Primo de Rivera. O ditame emitido pola Academia foi decisivo para consagrar a bandeira branca e azul, vencendo a resistencia dos sectores antigaleguistas.

Baixo a presidencia de Eladio Rodríguez e o seu efémero sucesor, Manuel Lugrís Freire, a RAG tende pontes coas novas xeracións intelectuais. Así, os persoeiros máis representativos da nova xeración galeguista, como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Antón Villar Ponte e Castelao, van incorporándose á institución. Este pulo, xunto coa axuda económica que comeza a chegar da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Buenos Aires, auguraban un prometedor porvir para a nosa institución tronzado polo golpe de Estado de 1936.


Liña do tempo

1923

  • Morre Murguía; o 10 de febreiro Evaristo Martelo renuncia á presidencia interina que lle correspondía por estatutos, e Andrés Martínez Salazar renuncia á tesouraría, pero tócalle asumir a presidencia interina, e pasa Francisco Ponte Blanco a ser tesoureiro. O 12 de maio escóllese presidencia, e sae elixido Andrés Martínez Salazar.
  • Morre Andrés Martínez Salazar; o 2 de novembro Félix Estrada Catoira asume a presidencia interina.

1924

  • Escóllese a Francisco Ponte Blanco como presidente, pero como era tesoureiro primeiro tivo que dimitir.
  • Ingreso de Valentín Villanueva Rivas.
  • Homenaxe a Luis de Camoens no Teatro Rosalía de Castro, coa participación do poeta portugués Eugénio de Castro: Apertura de sesión da man do presidente da Academia e presentación dos oradores visitantes. Lectura de cuartillas sobre a personalidade de Camoens por parte de Lugrís Freire. Palabras de Casás, presidente do Instituto de Estudios gallegos. Constanza de Castro recitará unha composición poética. Lectura de Lugrís Freire dunha poesía de Eduardo Pondal. Discurso de Eugénio de Castro. Palabras do cónsul da República Portuguesa na Coruña. Discurso de Juan Armada Losada.

1925

  • Ingreso de David Fernández Diéguez.

1926

  • Falece Francisco Ponte Blanco, e Uxío Carré Aldao pasa a ser presidente interino. O 20 de novembro escóllese a Eladio Rodríguez González como novo presidente.
  • Ingreso de Fernando Martínez Morás.

1927

  • Homenaxe polo centenario de Francisco María de la Iglesia.
  • Ingreso de Ángel del Castillo López.
  • Designación como académicos numerarios da Real Academia Española, en representación da RAG, de Ramón Cabanillas e Armando Cotarelo Valledor.
  • Ingreso de Julio Dávila Díaz.

1928

  • Homenaxe a Benito Vicetto e Francisco Añón no seu cincuenta cabodano.
  • Constitución da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia de Montevideo.

1929

  • Ingreso de Vicente Risco.
  • Ingreso de Ramón Otero Pedrayo.

1930

  • Ditame da Academia sobre a bandeira de Galicia.

1932

  • O presidente da Academia, Eladio Rodríguez González, membro da comisión redactora do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia.
  • Ingreso de José García Acuña.

1933

  • Centenario de Murguía. O 5 de agosto inaugúrase un busto na Coruña.

1934

  • Ingreso de Antón Vilar Ponte.
  • Ingreso de Castelao.

1935

  • Conmemoración do centenario de Eduardo Pondal.

1936

  • Ingreso de Alejandro Barreiro Noya.
  • Ingreso de Manuel Casás Fernández.

Bibliografía

Presidentes

Académicas

Ingresos

Dicionario

Bandeira

República

Efemérides

Monumento a Curros

Outra actividades