Fotogalería Bandeira
A opinión e a autoridade de Manuel Murguía foron decisivas á hora de establecer a bandeira branquiazul como símbolo nacional de Galicia. Dende finais do século XIX esta bandeira foi popularizada dentro e fóra do país por agrupacións políticas, sociedades culturais ou asociacións de emigrantes.
Ese proceso de popularización resultou coutado coa implantación da ditadura de Miguel Primo de Rivera, que se estendeu dende setembro de 1923 ata xaneiro de 1930, pois durante eses anos quedou prohibida a exhibición pública de símbolos “rexionais”. Con todo, se en Galicia non foi posible seguir mostrando a bandeira azul e branca, o seu emprego continuou entre as comunidades emigradas.
Co final da ditadura en 1930 quedaba derrogado o decreto que prohibira a exhibición dos outros símbolos nacionais e abríase a posibilidade de que a bandeira branquiazul ondease de novo no territorio galego.
Bandeiras galegas representadas na prensa da emigración.
Labor Gallega 5 (10/7/1915); Eco de Galicia 78 (xaneiro 1919). Real Academia Galega. Hemeroteca
Ao mesmo tempo que se permitía a exhibición da bandeira galega, existía tamén en certos ambientes a dúbida de cal debía ser esta. Cómpre lembrar que a bandeira branca e azul non tiña daquela un carácter oficial, pois a xeneralización do seu uso só se lograra pola iniciativa popular.
Xurdiu entón unha polémica entre os valedores da insignia branquiazul consagrada polo uso e defendida polo rexionalismo e o nacionalismo, e os partidarios de usar unha bandeira totalmente branca só co escudo de Galicia no centro. Estes últimos, moitos deles contrarios ao galeguismo, aseguraban que a branca era a bandeira histórica e que a branquiazul era unha invención recente.
Un dos máis activos defensores da tese da bandeira branca foi Antonio Couceiro Freixomil, académico correspondente dende 1926. Este autor expuxo en varios escritos os argumentos cos que defendía o seu parecer e nos que mostraba un claro antagonismo contra o nacionalismo galego.
Compilación dos escritos de Couceiro Freixomil sobre a bandeira galega.
La bandera de Galicia (1930). Real Academia Galega. Biblioteca
Como consecuencia desta polémica solicitóuselle á Academia que emitise o seu parecer sobre cal debía ser a bandeira de Galicia. Para dar unha resposta, a Xunta de Goberno elaborou un informe sobre a cuestión que despois foi debatido e finalmente aprobado polos académicos.
En xuntanza ordinaria do 8 de xullo de 1930 deuse a coñecer o veredicto no que se mantiña que a bandeira galega debía ser a branca e azul levando o escudo no seu centro. Malia admitir a Academia que a bandeira do país fora branca en tempos pasados, afirmaba que dende o principar do século XX se xeneralizara o uso da insignia branquiazul, engadindo ademais que a propia institución xa a tiña empregado en solemnes ocasións.
A pesar de que este criterio foi aprobado pola maioría dos académicos, houbo tamén opinións favorables á bandeira branca, entre elas a do presidente da institución, Eladio Rodríguez González, e a do arquiveiro-bibliotecario, César Vaamonde Lores.
Documento elaborado pola Academia acerca da bandeira de Galicia.
Real Academia Galega. Arquivo
A Academia presentara a súa decisión invocando a necesidade de que existise unha soa versión da bandeira galega que ondease nos edificios públicos e se empregase en toda clase de actos. Porén, o veredicto académico non foi aceptado polos opositores á insignia branquiazul. Couceiro Freixomil e outros autores continuaron defendendo a bandeira branca como a verdadeira e acusando ao sector galeguista da Academia de ser unha minoría que impuxera a súa decisión ao resto da institución. Incluso solicitouse un ditame da Real Academia de la Historia, a cal se manifestou a prol da insignia totalmente branca co escudo no centro. Toda esta oposición á bandeira branquiazul foi criticada duramente pola prensa nacionalista ou dende posturas máis favorables ao galeguismo.
O preito pola bandeira continuaría durante o período republicano. Mais, a pesar da oposición, a bandeira azul e branca mantivo a súa popularidade entre a sociedade galega, apoiada agora no criterio expresado pola Academia.
Bandeira galega usada para cubrir o cadaleito de Castelao.
Real Academia Galega. Museo


