Académicos e académicas

Francisco Ponte y Blanco

Francisco Ponte y Blanco

A Coruña, 08/07/1853 - A Coruña, 22/07/1926

Naceu na Coruña o 8 de xullo de 1853 e morreu na mesma cidade o 22 de xullo de 1926. Foi un enxeñeiro e publicista que desempeñou o cargo de alcalde na cidade da Coruña. Tamén foi membro da Real Academia Galega e o seu presidente.

Durante a súa mocidade, foi un dos socios fundadores do Centro Gallego da Habana, cidade na que residía, e profesor, de maneira altruísta, no mesmo. No seu regreso á Coruña, sendo aínda mozo, ocupou diversos e importantes cargos como a presidencia da Asociación da Prensa, da Sociedade Filarmónica, do Círculo de Artesanos e da Cooperativa Civil e Militar. Asemade, durante un breve período de tempo (do 18 de xaneiro ao 1º de outubro de 1923) desempeñou a alcaldía da cidade como representante do Goberno de García Prieto, previa chegada da ditadura do xeneral Primo de Rivera.

O 23 de setembro de 1921 ingresou na Real Academia Galega a proposta de Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Uxío Carré Aldao. Desempeñou o cargo de tesoureiro desde o 12 de xuño de 1923 ata o 31 de marzo de 1924 e o de presidente desde o 31 de marzo de 1924 ata o 23 de agosto de 1926, sucedendo nesta función a Andrés Martínez Salazar.

Ponte Blanco contribuíu tamén á fundación do Patronato de la Caridad e desenvolveu un frutífero labor na Xunta Provincial de Protección da Infancia. Posuía a Cruz de Alfonso XII e da Encomenda de número da Orden Civil del Mérito Agrícola. Tras a súa morte, a Sociedad Filarmónica, no seu desexo de perpetuar a memoria do que fora o seu presidente, tomou a iniciativa de crear o premio Francisco Ponte y Blanco dedicado á promoción da cultura musical.

É autor das seguintes publicacións exentas:
Elementos de carreteras y ferrocarriles (construcción y conservación). A Coruña: Imp. Ferrer, 1899.
Tratado práctico de estereotomía. Aplicaciones al corte de piedras, maderas y hierros. A Coruña: García Ybarra, 1904.
De La Coruña a París. Impresiones de un viaje. A Coruña: Imp. García Ybarra, 1910.
A través de España. Ligeras impresiones: recuerdos de un viaje por tierras solares. A Coruña, 1917.