Fundación. Herdo e promesa do rexurdimento

  • Manuel Martínez Murguía (1905-1923)
  • Andrés Martínez Salazar (1923)

Aínda que xa en 1905 se fixeran algunhas xuntanzas, a inauguración oficial da Real Academia Galega tivo lugar o 30 de setembro de 1906, no salón da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns da Coruña. A súa creación viña dar corpo institucional aos ideais galeguistas xurdidos no Rexurdimento, formulados na obra de Manuel Murguía. Tal fito foi posible grazas ao pulo que proviña da vizosa diáspora galega de Cuba onde en 1905 nacera a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. Esta Asociación, promovida polo litógrafo de orixe ferrolá Xosé Fontenla Leal, e apadriñada polo prestixio intelectual de Curros Enríquez, foi a principal impulsora da súa creación e a que forneceu os recursos precisos para acometer o seu funcionamento.

Manuel Murguía
Andrés Martínez Salazar

En 1906 axúntase na Academia, arredor de Manuel Murguía, unha representación escolleita da mellor intelectualidade galega. Acompáñano na dirección Uxío Carré Aldao e Xosé Pérez Ballesteros, os seus compañeiros da Cova Céltica, o núcleo do galeguismo coruñés daquel tempo, ao que pertencen tamén académicos fundadores como o poeta Eduardo Pondal, o arquiveiro, paleógrafo e editor Andrés Martínez Salazar, e os polígrafos Manuel Lugrís, Eladio Rodríguez e Florencio Vaamonde Lores. Ademais, sentan nas cadeiras do pleno fundacional, entre outros, Manuel Amor Meilán, Manuel Banet Fontenla, Salvador Cabeza de León, Casto Sampedro e os cregos eruditos Manuel Lago, Antonio López Ferreiro e Eladio Oviedo y Arce.

A partir da fundación, dá comezo unha intensa actividade, plasmada na celebración de actos culturais por todo o país. Acórdanse as bases para a elaboración do dicionario, que será publicado en fascículos entre 1912 e 1928, e establécese a sede da Academia no edificio do Concello en María Pita (1919). Neste período encétase tamén a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. Coa súa morte o 1 de febreiro de 1923, aos noventa anos, o primeiro presidente deixa como legado unha Academia forte, ben organizada e cun camiño ante si rigorosamente trazado. Sucédeo o seu compañeiro e estreito colaborador, Andrés Martínez Salazar, que, non obstante, fina aos poucos meses.

“A creación da Academia Galega o día 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña foi o resultado do intelixente e xeneroso impulso procedente da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba por un grupo de patriotas da cultura entre os que destacan Xosé Fontenla Leal, polo seu entusiasmo e capacidade organizadora, e Manuel Curros Enríquez, pola súa auctoritas de poeta civil. É ben posible que a Academia non chegase a nacer e consolidarse sen o pulo e a axuda económica permanente dos galegos emigrados a Cuba. O 25 de agosto de 1906 o rei de España aprobaba os primeiros estatutos e concedíalle o título de Real. É a segunda Academia da Lingua máis antiga de España.” (Limiar dos Estatutos da RAG, 2000)


Liña do tempo

1905

  • Constitución da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia de La Habana.

1906

  • Acto fundacional da RAG e inicio da publicación do Boletín.

1907

  • Interpretación do Himno galego (La Habana), co texto do poema “Os Pinos”, de Eduardo Pondal, e música de Pascual Veiga.

1909

  • Ingreso de Amador Montenegro Saavedra, que dá o primeiro discurso académico en lingua galega.

1913

  • Inicio da publicación do Diccionario gallego-castellano, “a expensas da Asociación Iniciadora e Protectora da academia de La Habana”, elaborado por César Vaamonde Lores.

1915

  • Publicación do primeiro volume da Colección de Documentos Históricos.

1919

  • Constitución da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia de Buenos Aires.

1920

  • Ingreso de Ramón Cabanillas.

Bibliografía

Academia Gallega

Protectoras

Fontenla Leal

Curros Enríquez

Acto fundacional

Dicionario

Ingresos

Académicas

Presidentes

Outras iniciativas

O Boletín