-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Protectoras
En abril de 1905, por iniciativa de Xosé Fontenla Leal, reuníase por vez primeira no Centro Galego da Habana a Comisión xestora da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, precedente histórico da Real Academia Galega. Curros Enríquez asumiu a presidencia e Nan de Allariz a secretaría. Fontenla, o dinamizador principal desta asociación, figuraba como vocal.
Circular publicada no número 26 da revista Galicia na que se recolle a constitución da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, publícase o seu regulamento e promóvese a subscrición. Real Academia Galega. Hemeroteca
Fundada en xuño de 1905, o seu fin era crear unha Academia Galega para “dar unidad al idioma gallego por medio de la publicación de una Gramática y un Diccionario; estudiar nuestras ciencias; cultivar la literatura y las artes, inclusas las industriales; recoger nuestros cantos populares y nuestros monumentos arqueológicos, y realizando cuanto tienda á enaltecer u glorificar el buen nombre de Galicia”.
Oficio no que Manuel Curros Enríquez, presidente da AIP da Habana, lle comunica a Manuel Murguía o acordo da Comisión de Reglamento desta institución da súa designación para que proceda á constitución da Academia Galega. Real Academia Galega. Arquivo
Unha vez conseguido o obxectivo de crear a Academia en Galicia, o seguinte paso era proporcionarlle medios económicos para o desenvolvemento das súas actividades. De feito, estímase que, ata 1914, a Asociación Iniciadora y Protectora foi case a única fonte de ingresos, á que se sumaría a partir de 1916 o Centro Galego da Habana.
Carné de socio da AIP da Academia Galega na Habana. Real Academia Galega. Arquivo
En novembro de 1905, baixo a presidencia de Secundino Baños, constituíuse a sección de Propaganda da Protectora. Na mesma xuntanza acordouse a publicación dun número extraordinario do Boletín que reunise traballos dos académicos como un medio máis de acadar fondos que axudasen ao desenvolvemento das actividades da Academia en Galicia e para salvar as débedas contraídas pola mesma. En 1907 e despois de múltiples angueiras, o froito deste acordo estaba preparado para entrar no prelo, mais isto non chegou a producirse.
En 2001 publicouse o volume, coordinado por Xosé María Dobarro e en coedición da Academia e a Universidade da Coruña.
A Real Academia Galega nutriuse nos primeiros anos da súa andaina dos fondos que recibiu das principais asociacións de emigrantes galegos. De 1919 data a constitución da Asociación Protectora de la Real Academia Gallega de Buenos Aires. De 1928 é a Asociación Protectora de la Cultura Gallega de Montevideo.
Remesa de cartos destinados á Real Academia Galega procedentes de Buenos Aires. Real Academia Galega. Arquivo


