Académicos e académicas
Manuel Martínez Murguía
Arteixo, A Coruña, 1833 - A Coruña, 1923
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Nesta cadeira
Exerce o cargo de
Presidente (04/09/1905 - 02/02/1923)
Naceu no lugar do Froxel, parroquia de Oseiro, pertencente ao concello coruñés de Arteixo, o 17 de maio de 1833 e morreu na cidade da Coruña o 2 de febreiro de 1923. Historiador, investigador e escritor, impulsou o noso Rexurdimento cultural e a creación da Real Academia Galega. Foi, xa que logo, membro fundador desta institución e o seu Presidente.
Seu pai, o farmacéutico Juan Martínez de Castro, atendeu farmacia na rúa Garás número 35 da Coruña e, posteriormente, en Santiago de Compostela, a onde se trasladaron tamén, a súa nai, a guipuscoana Concepción Murguía, e o propio Manuel Antonio Martínez Murguía para establecérense no número 1 do cantón de San Bieito. Nestes momentos, o levantamento civil e militar contra os abusos do goberno central acontecido en abril de 1846 que contaba, como protagonistas, a Solís, Antolín Faralando, Neira de Mosquera ou Romero Ortiz, deixou unha profunda pegada nun Manuel Murguía aínda moi novo que comezaba a tomar conciencia da situación de Galicia. En Compostela cursou, entón, os seus estudos, acadando o bacharel en Filosofía en 1851. Ese mesmo curso académico realizou a preparación para acceder á facultade de Farmacia; carreira que iniciou por desexo paterno, pero que finalmente abandonou para dedicarse ao seu labor como escritor e investigador. En Compostela, rodeado doutros mozos interesados na cultura e tamén marcados polos acontecementos de Carral -Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro- participou do faladoiro que tiña lugar nos baixos do antigo convento de Santo Agostiño, no Liceo de la Juventud, onde todos comezaron a alimentar a vocación literaria e a conciencia progresista que os acompañou sempre.
Co inicio do curso escolar en 1851, trasladouse a Madrid, onde entrou en contacto non só coa sociedade intelectual e política do momento, senón tamén coa prensa local, o que lle permitiu dar comezo á súa vocación de comunicador. Colaborou en xornais e revistas de signo liberal como La Iberia, Las Novedades ou El Correo Universal. Dado o seu éxito, puido publicar, en formato de folletín, numerosas contos e novelas, sendo Desde el cielo a súa primeira novela en ver a luz, no ano 1854. O 1 de xuño dese mesmo ano saíu ao prelo o seu primeiro texto en galego, unhas seguidillas que levan por título Nena das soidades, publicadas no álbum de Elina Avendaño. Nesta altura, Manuel Murguía era unha das promesas literarias do momento, pero a súa verdadeira vocación obrigoulle a tomar outro camiño: a investigación en humanidades, moi especialmente na historia da nosa nación, elaborando o ideario político do Rexurdimento; albor do nacionalismo galego.
O 10 de outubro de 1858 Rosalía de Castro, que tamén vivía en Madrid naquela altura, e Manuel Murguía casaron para, ao ano seguinte, regresar a Galicia, pero nos futuros dezasete anos a súa vida itinerante levounos a residir de novo en Madrid, en Santiago, na Coruña, en Lestrove, en Vigo, en Lugo, Simancas e Padrón até que, xa viúvo, Murguía se asentou na Coruña. En 1862, fascinado pola lectura de Cuadernos de lectura -libro escolar de éxito asinado polo pedagogo e galeguista vigués que Murguía coñecera en Madrid, Xoaquín Avendaño Bernárdez- publicou La primera luz, unha compilación de lecturas escolares sobre historia e xeografía galegas editado en Vigo por Xoán Compañel, o mesmo que, ao ano seguinte, editou Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. O seu valor didáctico foi tal que o Ministerio de Fomento recomendou o seu uso nas escolas de Galicia. Nesta etapa da súa vida, co seu casamento e regreso a Galicia, Murguía dedicouse plenamente a estudar a historia e a cultura de Galicia, nunha inxente obra que, de maneira pertinaz e lúcida, ilustrou o recoñecemento da nosa cultura. Así, en 1862 publicou o seu inconcluso Diccionario de escritores gallegos e, entre 1865 e 1866, viron a luz os dous primeiros tomos da súa Historia de Galicia, unha obra fundamental na conformación da emerxente ideoloxía nacionalista. Os terceiro e cuarto tomos apareceron en 1888 e 1891, mentres que o incompleto tomo quinto apareceu en 1913.
Na Revolución de setembro de 1868, Murguía formou parte do Comité Progresista de Santiago e foi nomeado secretario da Xunta Revolucionaria da mesma cidade. Ao mesmo tempo, a familia trasladouse a Madrid e o noso biografado ingresou no Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Anticuarios e foi nomeado xefe do Arquivo de Simancas. En 1870 foi nomeado xefe do Arquivo Xeral de Galicia, pero a chegada da Restauración implicou o seu cesamento cinco anos despois. Neses momentos, retomou o xornalismo, dirixindo La Ilustración Gallega y Asturiana entre 1879 e 1881. No ano 1885, cando se produce o pasamento de Rosalía de Castro, Murguía converteuse en Cronista Xeral do Reino, contrastados os seus coñecementos na historia, cultura e literatura galegas. En 1886, cando a súa autoridade intelectual xa era indiscutible, publicou Los Precursores, que antologa as vidas dos máis importantes expoñentes do Rexionalismo galego, lexitimando, así, a historia do movemento galeguista. Nesta altura, a súa produción intelectual e a súa actividade cultural manifestaban un permanente compromiso con Galicia e coas súas problemáticas. De tal xeito, o primeiro de outubro do mesmo 1886, saíu, en Compostela e baixo a dirección de Murguía, o primeiro número de La Región Gallega, autoproclamado Diario Político Independiente de Intereses Materiales y Morales de Galicia. Dous anos despois, en Barcelona, deu a coñecer Galicia, obra na que se dedicou por extenso á defensa dos fundamentos celtistas da nosa nación.
En maio de 1890, dentro dos Xogos Florais de Barcelona, Murguía pronunciou o discurso Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia, que supuxo unha defensa das características propias da nación galega e lle valeu o recoñecemento como Mestre del Gay Saber. Ese mesmo ano, constituíuse en Santiago a primeira organización política independente da historia do galeguismo, a Asociación Rexionalista Galega, da que Murguía foi presidente. A publicación La Patria Gallega, subtitulada Órgano oficial de la Asociación Regionalista, apareceu desde marzo de 1891 e até o 15 de xaneiro de 1892 baixo a dirección, tamén, de Murguía, quen promovía, nestas páxinas, a difusión do mesmo ideario galeguista liberal e progresista que xa viña defendendo. O 24 de xuño de 1891, a Asociación Rexionalista Galega converteuse na primeira organización política de signo decididamente galeguista ao convocar en Tui uns Xogos Florais que se desenvolveron integramente en galego: a nosa lingua estivo presente nos poemas premiados e nos discursos dos organizadores, incluído o do presidente, Manuel Murguía, que realizou unha exaltación da nosa lingua reivindicando o seu uso público.
A finais de 1892, conseguiu o reingreso no corpo de arquiveiros, esta vez na Biblioteca da Universidade de Santiago, aínda que no ano seguinte foi trasladado ao Arquivo da Delegación de Facenda da Coruña, onde permaneceu até o momento da súa xubilación en 1905. No transcurso destes anos, Murguía non abandonou de todo a súa vocación literaria, xa que publicou, en 1895 En prosa, obra de narracións poética e mais unha narración breve. Pero, sobre todo, nestes anos aconteceu o distanciamento entre dúas frontes dentro do movemento galeguista: por unha banda, a corrente liberal de Murguía e os seus discípulos na Coruña; pola outra, a corrente tradicionalista liderada por Alfredo Brañas, en Santiago. Así, en 1897 fundouse a Liga Gallega da Coruña, unha iniciativa que contaba con Murguía coma presidente e que aglutinaba as personalidades máis relevantes no ámbito da cultura: Salvador Golpe Varela, Uxío Carré Aldao e Manuel Lugrís Freire. Pola súa banda, Alfredo Brañas e Salvador Cabeza de León, responderon constituíndo a Liga de Santiago, salientable pola súa inactividade e devoción ao carlismo.
O grupo rexionalista da Coruña reuníase na libraría de Carré Aldao compoñendo unha faladoiro que pasou á historia co nome de Cova Céltica. Murguía, Carré Aldao, Eduardo Pondal, Martínez Salazar, Pérez Ballesteros, Salvador Golpe, Tettamancy, Martelo Paumán, Florencio Vaamonde, Galo Salinas, Eladio Rodríguez González, Lugrís Freire ou Banet Fontenla, entre outros, discutían do celtismo, da historia e da lingua de Galicia, pero tamén da súa situación económica, debatendo sobre posibles melloras. É neste contexto cando xorde a necesidade dunha corporación eficaz que coordinase e promovese o labor que se viña facendo en prol da lingua e da cultura de Galicia. De xeito decisivo, Fontenla e Curros Enríquez constituíron en 1905, na Habana, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, baixo a presidencia de Curros, coa fin de acadar apoios económicos que permitisen a fundación da futura corporación. A Academia Galega fundouse o 4 de setembro de 1905, na Coruña, sendo Manuel Murguía o seu Presidente; Uxío Carré Aldao, o seu Secretario e Xosé Pérez Ballesteros, o seu Tesoureiro. O 30 de setembro, no salón da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, tivo lugar a inauguración solemne da Academia. Murguía deixou claro no seu discurso o obxectivo principal da Academia: a atención á lingua galega.
No ano 1907, xa con 74 anos, Manuel Murguía adheriuse á organización agrarista Solidaridad Gallega, amosando, máis unha vez, a súa vontade de transformar a realidade opresora que vivían a maioría dos galegos. Participou, asemade, en diversos actos de homenaxe a Curros, Rosalía, Pondal ou Fontela Leal. El mesmo recibiu, o 17 de maio de 1913, con ocasión do seu aniversario, unha grande homenaxe na Coruña. Murguía, arquitecto total da construción nacional galega, continuou traballando até o momento da súa morte, o 1 de febreiro de 1923, probablemente satisfeito de ver nas Irmandades da Fala a representación viva do seu proxecto para Galicia.
No ano 2000 foille dedicado o Día das Letras Galegas.
A inxente obra de Murguía ocúpase do ensaio, en forma de libros ou artigos; da produción literaria, en novela e poesía; ou tamén da crítica. O labor de Murguía no seo da corporación académica foi fundamental tamén no que respecta ao Boletín, pois nel viu a luz unha parte fundamental da súa obra. No entanto, outras publicacións como La Oliva, Suevia, Labor gallega, Eco de Galicia, Galicia, Patria Gallega, Ilustración de Galicia y Asturias, La Ilustración gallega y asturiana ou Ilustración cantábrica, tamén acolleron numerosos documentos da súa autoría, ben textos de creación literaria, ben artigos de investigación. Dado o volume inxente da súa obra e, ao mesmo tempo, a importancia do seu traballo, referenciamos só a totalidade das súas publicacións exentas.
Publicacións exentas
Ensaio
La primera luz: libro de lectura para uso de las escuelas de primeras letras de Galicia. Vigo: Juan Compañel, 1860.
Diccionario de escritores gallegos. Vigo: Juan Compañel, 1862.
Historia de Galicia. T. I, Lugo: Soto Freire, 1865; T. II, Lugo: Soto Freire, 1866; T. III, A Coruña: Libr. de A. Martínez Salazar, 1888; Tomo IV, A Coruña: Libr. de E. Carré Aldao, 1891; T.V, A Coruña, 1913.
Memoria relativa al Archivo Regional de Galicia. A Coruña, 1871.
Biografía del P. M. Fr. Benito Gerónimo Feijóo. Santiago: Est. Tip. de El Diario, 1876.
El foro. Madrid: Libr. de Bailly Bailliere, 1882.
El arte en Santiago durante el siglo XVIII y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria. Madrid: Est. Tip. de Fernando Fé, 1884.
Los Precursores. A Coruña: Latorre y Martínez Editores: Biblioteca Gallega, 1886.
Galicia. Barcelona: Daniel Cortezo, 1888.
El regionalismo gallego. La Habana: Imp. La Universal, 1889.
En prosa. A Coruña: Imp. Uxío Carré, 1895.
Don Diego Gelmírez. A Coruña: Imp. Uxío Carré, 1898.
Breves consideraciones acerca de los Cancioneros Galecio-Portugueses de la Vaticana y Colocci-Brancuti, y trovadores gallegos que en ellos figuran: conferencia dada en la Academia de Bellas Artes de La Coruña, el 22 de Enero de 1905. España: s.n., 1905.
Los trovadores gallegos. A Coruña: Imp. de Ferrer, 1905.
Apuntes históricos de la provincia de Pontevedra. Mondariz: Imp. del Establecimiento, 1907.
Apuntes históricos de la provincia de Pontevedra, folletín de La Temporada. Mondariz: Imp. del Establecimiento, 1913.
Politica y sociedad en Galicia. Madrid: Akal, Arealonga, 8, 1974, ed. de X. Alonso Montero.
Novela
Desde el cielo. Madrid: La Iberia, 1854; Vigo.
La Virgen de la Servilleta. Madrid, 1852.
El regalo de boda. Madrid: La Iberia, 1855.
Mi madre Antonia. Vigo: La Oliva, 1856.
El ángel de la muerte. Madrid: La Crónica, 1857.
Don Diego Gelmírez. A Coruña: Imp. U. Carré, 1898.
La mujer de fuego. Madrid: Imp. de Las Novedades, 1859.