A exposición Don Ricardo de Fingoi, elaborada polo Colectivo Egeria, complétase coa web https://carballocaleroenlugo.org/. A mostra conta co apoio da Consellería de Cultura e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio Fingoi. O presidente da RAG salientou a importancia da etapa luguesa no labor filolóxico e creativo de Ricardo Carballo Calero, mais tamén a figura do fundador do centro educativo, o empresario galeguista Antonio Fernández López, "mecenas de moitos proxectos culturais dos anos 50 e 60". "É preciso recuperar nomes coma o seu, das persoas que dende as industrias culturais fan posible que saian adiante iniciativas que doutra maneira non o conseguirían", salientou Víctor F. Freixanes.
O presidente da Academia participou na inauguración da mostra xunto ao seu coordinador, Xulio Xiz; Margarita Carballo, filla do homenaxeado; Asunción Fernández e Pilar Martínez Conde Pilocha, directora e profesora de canto do colexio, respectivamente; María Dolores Fernández, alumna de Carballo Calero neste centro e posteriormente compañeira del na Universidade de Santiago de Compostela; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Jacobo Cela, neto de Ricardo Carballo Calero, interpretou unha peza ao violín nun acto que foi tamén amenizado polos Gaiteiros de Fingoi dirixidos por Pepe Vaamonde.