María Victoria Carballo Calero foi recibida na rúa Tabernas da Coruña polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario e o vicesecretario, Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga; a tesoureira, Marilar Aleixandre; e a arquiveira-bibliotecaria, Fina Casalderrey.
A xuntanza serviu para profundar nalgunhas das iniciativas que a propia RAG promoverá este ano e outras impulsadas por diversos axentes sociais nas que tamén participará. Entrementres, o Ano Carballo Calero arrincou na web da Academia, onde xa se pode ler o artigo no que Víctor F. Freixanes presenta a celebración e onde esta mesma semana se activará un novo espazo dedicado ao homenaxeado.
En febreiro, a Real Academia Galega presentará a nova edición da Primavera das Letras, que se centrará en achegar ao público infantil a figura e a obra de don Ricardo. Xa en maio, está previsto que o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas teña lugar en Ferrol, a localidade onde naceu Carballo Calero no ano 1910; e á volta do verán a RAG celebrará un simposio que afondará dende a perspectiva académica en distintas cuestións relacionadas coa vida e a obra de Ricardo Carballo Calero.