"Presentamos dúas pezas que, en dous contextos distintos, evocan a cidade de Ferrol", salientou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez. A obra teatral Farsa das zocas baséase nun conto recollido en San Sadurniño pero malia a súa aparencia popular conta tamén con moitas chiscadelas ao teatro culto. O público puido gozar da gravación da dramatización do texto por parte da compañía A Quinta do Cuadrante segundo a dramaturxia de Tito Asorey.
O acto concluíu coa interpretación da peza musical "Ferrol 1916". A estrea absoluta tivo lugar o propio 17 de maio, pero por mor da pandemia desenvolveuse sen público na sede do CCG. Desta volta, a soprano Patricia Rodríguez Rico e o pianista Alejo Amoedo interpretaron a creación de Miguel Brotóns ante os asistentes ao acto que se desenvolveu na localidade natal de Carballo Calero.