A mostra ofrece un percorrido pola vida do protagonista do Día das Letras Galegas 2020 e detense nos espazos que marcaron a súa traxectoria, as circunstancias políticas que rodearon a súa obra, o seu labor como creador literario, o seu traballo como filólogo e o seu ideario lingüístico.
Víctor F. Freixanes participou na visita á mostra canda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os directores xerais de Políticas Culturais e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e M.ª Carmen Martínez Ínsua; a filla do autor homenaxeado Margarita Carballo Ramos; o presidente da AGAL , Eduardo Sanches Maragoto, e a directora da biblioteca González Garcés, Marisol González.
Tras facer parada na Coruña, a exposición poderá verse no mes de outubro nas bibliotecas públicas de Santiago de Compostela e Pontevedra, a Ánxel Casal e a Antonio Odriozola. En novembro e decembro chegará á biblioteca de Ourense Xeración Nós, á biblioteca pública municipal de Ribadavia e á sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo, en Amoeiro (Ourense), para completar o percorrido que arrincou no mes de xuño no Centro Comarcal Pazo Santomé de Mondoñedo (Lugo), no Museo do Mar de Galicia (Vigo), na bibioteca pública de Lugo e na Casa dos Poetas de Celanova (Ourense).