O sitio dedicado a Carvalho Calero presenta contidos sobre o autor para todos os públicos cunha imaxe que avanza a que será a nova faciana na Rede da Real Academia Galega. A institución está a traballar na renovación integral da súa web co dobre obxectivo de reforzar a divulgación da lingua e a cultura galegas e a súa proxección social, e mais a promoción das actividades propias e do patrimonio material que custodia. Dende este primeiro microespazo que se dá a coñecer hoxe, o Simposio Ricardo Carballo / Carvalho Calero inaugurará ademais unha nova etapa na que a Academia emitirá en directo a través de Internet as súas principais actividades.
A xornada inaugural do simposio, dedicada ao autor no seu tempo, contará coas achegas dos profesores Justo Beramendi, Carmen Blanco e José-Martinho Montero Santalha, e será moderada polo académico Ramón Villares. O catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Justo Beramendi situará a figura de Carvalho Calero no nacionalismo galego de anteguerra, etapa na que foi cofundador e dirixente do Partido Galeguista en Ferrol, participante na redacción do Estatuto de Galicia e defensor da entrada do PG na Fronte Popular. A profesora de Filoloxía da mesma institución e autora de Conversas con Carballo Calero, Carmen Blanco, percorrerá os anos da resistencia, dende a guerra aos anos da ditadura, que marcaron fondamente a súa traxectoria vital e a de toda unha xeración que retrataría máis adiante en Scórpio (1987). A súa última novela foi escrita e publicada no período final en que se centrará o profesor de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo José-Martinho Montero Santalha, que repasará a intensa actividade como creador literario, lingüista, crítico literario e activista cultural que Carvalho Calero desenvolveu unha vez xubilado.
As seguintes sesións centraranse nos estudos sobre literatura de Carvalho Calero, a súa creación literaria e mais as súas ideas sobre o idioma, serán moderadas polas académicas Marilar Aleixandre, Margarita Ledo e Rosario Álvarez e contarán como voces convidadas con Dolores Vilavedra, Pilar García Negro, Alberte Valverde, Pilar Pallarés, Laura Tato, Henrique Rabuñal, Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos e Eduardo Maragoto.
Propostas para o público máis novo
Alén das actividades de carácter científico e institucional, a RAG anima a comunidade escolar a profundar este outono na vida e na obra de Carvalho Calero a través do espazo web Primavera das Letras e o Portal das Palabras.
Primavera das Letras ofrece recursos lúdicos e didácticos sobre o homenaxeado pensados para os nenos e nenas de infantil e primaria e convoca a cuarta edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto ata o 1 de decembro. Poden participar todos os centros educativos que impartan educación de 3 a 11 anos relatando como están a celebrar as Letras Galegas de Carvalho Calero.
A amenidade é tamén unha das premisas do Portal das Palabras, o espazo para a divulgación do noso léxico da Academia e a Fundación Barrié, que tamén está a ofrecer contidos específicos sobre o profesor, escritor e crítico literario. Este outubro convida ademais á comunidade educativa de infantil, primaria e ESO a participar no concurso Olla a Palabra do Día!, que dedicará a semana do 12 ao 18 a Carvalho Calero. O reto consiste en poñerlles imaxes ás palabras do día. O prazo de presentación de traballos permanecerá tamén aberto ata o 1 de decembro.