-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Sociolingüística
En setembro de 2018, a Real Academia Galega presentaba o informe A lingua no CEIP Agro do Muíño, froito da colaboración do Seminario de Sociolingüística co devandito centro educativo e co Concello de Ames. O obxectivo deste traballo, elaborado a partir de enquisas ás familias, o alumnado e o profesorado, era o de recoller a información necesaria para coñecer a situación sociolingüística do centro co fin de deseñar un plan de normalización lingüística. Entre as súas conclusións máis relevantes, o informe sinalaba que durante o proceso educativo, boa parte da rapazada galegofalante perde a súa lingua inicial en favor do castelán.
Establecida a diagnose inicial, o seguinte paso foi o de ampliar o campo de estudo ao resto da poboación escolar do Concello de Ames mediante a sinatura dun convenio co Concello de Ames para a realización, por parte do Seminario de Sociolingüística, dun mapa sociolingüístico deste municipio. Na fotografía, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Ames, José Miñones, asinando o convenio para realizar este estudo; xunto á concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e o daquela coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo.
O froito deste traballo materializouse no Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), elaborado polo Seminario de Sociolingüística baixo a dirección de Henrique Monteagudo. O estudo abrangueu as distintas etapas educativas, desde o primeiro ciclo de educación infantil ata a secundaria, e incorporou información achegada polo alumnado, as familias e o profesorado.
Os resultados do mapa amosaron unha perda progresiva de falantes habituais de galego ao longo da escolarización. O proceso comezaba xa nas primeiras etapas educativas e intensificábase nas transicións entre ciclos, ata acadar cifras extremadamente preocupantes. As conclusións apuntaban á necesidade de actuar tanto nas aulas como nos demais espazos de convivencia da infancia. Na fotografía unha das gráficas do estudo.
A reflexión sobre estes resultados deu lugar á publicación do volume Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (2021) editado pola RAG en colaboración co Concello. Esta guía enxerga o plurilingüismo desde unha ollada inclusiva e asumindo a necesidade de aprender outras linguas sen que iso supoña o abandono do galego.
O paso do diagnóstico á intervención chegou en 2023 coa posta en marcha de Modo galego, actívao!, un programa de investigación e dinamización lingüística desenvolvido pola Academia e o Concello de Ames. Unha das primeiras iniciativas foi unha experiencia de compromiso lingüístico de tres semanas na que participaron preto de 3.000 nenos e nenas.
Modo galego, actívao! foi ampliándose co tempo e incorporando novos axentes e ámbitos de actuación. En 2024 o programa estendeuse ás escolas infantís municipais, que atenden os nenos e nenas de cero a tres anos, e reforzáronse as actividades formativas dirixidas ás familias e aos profesionais da educación.


