“As principais novidades que introduce Modo galego, actívao! son, por unha banda, a implicación da administración local e, por outra, que pon o foco tanto dentro coma fóra das aulas, nos servizos de conciliación e nas actividades extraescolares e complementarias, tendo en conta todas as persoas que traballan na súa prestación e non só o profesorado”, salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo; por tanto, teñen un importante papel que desempeñar neste sentido”, reflexiona.
A execución do proxecto contará coa avaliación, o asesoramento e o seguimento do Seminario de Sociolingüística da RAG, que analizará o desenvolvemento dende a perspectiva científica e recollerá os resultados nun informe. A RAG espera que a experiencia sexa posteriormente reproducible noutros municipios. “A Academia non ten capacidade para acompañar a todos os concellos de Galicia pero concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros municipios”, engade o sociolingüista.
Unha proposta colaborativa con medidas para todas as partes implicadas
Henrique Monteagudo presentará hoxe o proxecto nos micrófonos de Ames Radio (12:30 horas) xunto á concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o concelleiro de Educación, David Santomil, que salientaron tamén a magnitude desta experiencia. “O Concello de Ames segue a colaborar estreitamente coa RAG para desenvolver unha campaña de sensibilización e fomento do uso do galego na infancia. Naqueles espazos de competencia municipal, como é o caso dos programas de conciliación, traballaremos de forma activa coa rede de monitorado e co persoal municipal”, salientou David Santomil. “Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que, como non pode ser doutro xeito, agradecemos e colaboramos con todas as intervencións que se leven a cabo coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova. É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, engadiu Escarlata Pampín.
Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O proxecto deseñouse tendo en conta a perspectiva dos diferentes actores implicados e ofrecerá, entre outras medidas, accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación.
O traballo cos cativos e cativas implicará diferentes actividades de dinamización lingüística inspiradas noutras de éxito recoñecido, pero adaptadas ás características do proxecto. O luns 27 de febreiro as escolas infantís do Milladoiro, de Covas e A Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño iniciarán unha experiencia de inmersión lingüística inspirada en 21 días co galego que se estenderá ao conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares e mais ao espazo público, amplificando a experiencia. Promoveranse tamén actividades interxeracionais, organizaranse encontros con persoas que funcionen como referentes galegofalantes para a xente nova, reflexionarase sobre os prexuízos lingüísticos e crearanse grupos de discusión e outros espazos de participación con familias migrantes. No traballo cos nenos e nenas farase especial fincapé na introdución das novas tecnoloxías e na expresión das emocións en galego entre outras actividades, segundo debullaron o académico e os concelleiros en Ames Radio.
Os antecedentes
Modo galego, actívao! dálle continuidade á investigación que o Seminario de Sociolingüística da RAG está a desenvolver nos últimos anos no Concello de Ames. O estudo comezou cunha colaboración co CEIP Agro do Muíño e a administración municipal que deu lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018). Posteriormente, a análise estendeuse a todo o termo municipal e a todas as etapas de ensino non universitario. Os resultados fixéronse públicos no Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), no que se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. A partir deste diagnósitco, o curso pasado editouse unha guía para educadoras e educadores titulada Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames.