O xornalista Germán Castro abre o volume cun traballo sobre a ferrolanía de Ricardo Carvalho Calero, en referencia ao sentimento cara á que foi a súa cidade natal e onde viviu vinte e nove anos, e a pegada que esta deixou na súa vida e obra. A primeira parte do volume, dedicada ao autor e o seu tempo, detense tamén nas distintas etapas vitais do autor e da historia da Galicia do século XX da man do historiador Justo Beramendi e os filólogos Claudio Rodríguez Fer, Malores Villanueva e Bernardo Penabade.
No seguinte bloque, do que forman parte as achegas de Víctor F. Freixanes e Manuel González, Mª Pilar García Negro traza o perfil como intelectual de Carvalho Calero, Mario Regueira retrata o narrador; Miro Villar achégase á súa poesía; Henrique Rabuñal percorre a súa relación co teatro; Carmen Ferreira Boo aborda as conexións do autor coa literatura infantil e xuvenil; Xosé Manuel Dasilva fai balance da súa produción como tradutor e José Luís Forneiro trata a presenza dos xéneros narrativos de tradición oral na literatura galega "Renacimento" segundo Carvalho Calero.
Cadernos Ramón Piñeiro XL recolle tamén nun último bloque artigos de Luís Alonso Girgado, Ánxela Lema París, Rafael Chacón, Henrique Dacosta, Carlos Quiroga, Blanca -Ana Roig Rechou e Anxo Tarrío Varela.