Carballo Calero na biblioteca da RAG

Como protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carballo Calero reclama a atención das distintas seccións da Real Academia Galega, algunhas das cales custodian interesantes fondos relacionados coa súa figura. A biblioteca homenaxea o autor amosando na sala de consulta, durante todo o ano, unha selección de primeiras edicións da súa obra que forman parte dun conxunto bibliográfico máis amplo a disposición dos usuarios na rúa Tabernas. Este fondo inclúe títulos de creación poética, como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), ou Salterio de Fingoy (1961), e de creación narrativa e teatral, como A xente da Barreira (1951) ou Catro pezas (1971), respectivamente. Alén destas obras de creación literaria propia, sobresaen os traballos de investigación sobre a nosa lingua e literatura, un terreo no que o autor deste 17 de maio realizou achegas esenciais como a Historia da literatura galega contemporánea (1963) e investigacións diversas sobre Rosalía de Castro.

A Gramática elemental del gallego común (1966) de Carballo Calero foi para moitas xeracións a obra de referencia para o estudo do galego e coñeceu numerosas edicións. "Había, alá polos anos sesenta, unha carencia absoluta dun manual moderno de gramática e, entón, pedíuseme que realizase eu a tarefa de dotar aos interesados dun manual dese tipo, [...]", recorda sobre a xénese do volume o propio autor en Conversas con Carballo Calero, (1989) de Carmen Blanco. Os fondos bibliográficos de Carballo Calero inclúen ademais numerosos estudos e ensaios sobre temas literarios. Entre eles sobresae a Historia da literatura galega contemporánea, unha historiografía monumental das nosas letras publicada por primeira vez pola Editorial Galaxia en 1963 e que resultou, no seu día, fundamental para os estudantes de filoloxía galega.

Outro proxecto sobre a literatura galega de Carballo Calero de grande interese é Libros e autores galegos (1979-1982), editado en dous volumes pola Real Academia Galega en colaboración coa Fundación Barrié. O primeiro volume, que inauguraba a colección Galicia Viva, foi presentado na RAG o 8 de febreiro de 1980, nun acto presidido polo entón presidente da institución Domingo García-Sabell e no que participaron, ademais do autor, os académicos Ramón Piñeiro e Marino Dónega.

Pero se había unha temática de especial predilección para don Ricardo esta era sen dúbida a creación de Rosalía de Castro, na que centrou unha parte importante das súas investigacións. A biblioteca da RAG conserva diversos títulos do autor arredor do universo rosaliano, dende os máis xenéricos, onde se estuda a escritora de Follas novas xunto a outras figuras ou acontecementos literarios –como os manuais xa citados ou Sete poetas galegos (1955)–, ata os máis específicos, Visión de la vida en la lírica de Rosalía de Castro (1958), Rosalía en Italia (1959), Referencias a Rosalía en cartas de sus contemporáneos (1963), Nótulas rosalianas (1968), Particularidades morfológicas del lenguaje de Rosalía de Castro (1972) ou Estudos rosalianos: aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro (1979).

Mención especial merece a obra Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), o discurso de ingreso de Ricardo Carballo Calero na Real Academia Galega, lido o 17 de maio de 1958 no salón de actos do Pazo Municipal da Coruña e contestado polo académico Ramón Otero Pedrayo. A obra dá conta das distintas influencias na creación rosaliana de autores como Espronceda, Murguía, Trueba, Bécquer, Camões ou Heine, entre outros. En palabras do autor, estudar a Rosalía "é nos estudar a nós mesmos. E fainos moita falla nos coñecer, porque ¿cómo poderemos actuar no mundo sen saber quénes somos?". Parte do discurso foi recollido posteriormente polo académico Xesús Alonso Montero na obra Rosalía de Castro na Real Academia Galega (2006). Na sección de publicacións de academia.gal pódese acceder dixitalmente a unha edición do ano 2015 elaborada a partir do orixinal publicado en 1959 por Edicións Celta.

Cómpre mencionar tamén a participación de Carballo Calero en obras colectivas sobre Rosalía como 7 ensayos sobre Rosalía (1952) ou Rosalía de Castro, unha obra non asumida (1985), sen esquecer o seu labor como prologuista e editor literario de varias obras da poeta. Un exemplo é a edición de Cantares gallegos que publicou a editorial Anaya e da que a biblioteca da RAG conta coas edicións de 1964 e 1969.

A colección da biblioteca da RAG arredor do autor ferrolán é moito máis ampla e inclúe, entre outros fondos, artigos publicados en distintas revistas custodiadas na hemeroteca, como os publicados na revista Nós ou no Boletín da institución, ademais das obras arredor da biografía do homenaxeado.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete