A XXXIII edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" suspéndese pola pandemia de coronavirus

A XXXIII edición dos cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" queda suspendida por mor da pandemia de coronavirus. A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, institucións coorganizadoras do programa, adoptaron esta decisión tendo en conta que o alumnado que cada ano participa nesta iniciativa procede de países de distintos continentes e á vista da evolución desta pandemia en todo o mundo.

A dirección dos cursos lamenta ter que tomar esta decisión, que foi acordada pensando ante todo na seguridade e na saúde do alumnado. O anuncio realízase coa antelación debida para evitar os problemas e inconvenientes que unha anulación posterior podería causar ás persoas que tivesen planificada a súa asistencia, tendo en conta tamén a situación de incerteza que aínda persiste sobre a posibilidade de desenvolver docencia presencial no mes de xullo de 2020.

O acto de recepción do alumnado da XXXIII edición dos cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que se desenvolven co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, estaba previsto para o vindeiro 2 de xullo, e abriría un calendario de tres semanas de aulas de lingua, relatorios, actividades culturais e excursións polo país.

Dende a súa creación en 1988, polas aulas dos cursos "Galego sen fronteiras" pasaron máis de dous mil cincocentos estudantes, entre eles moitas das persoas que hoxe desenvolven un labor destacado no estudo da lingua e da literatura galegas fóra de Galicia. As institucións organizadoras agardan poder volver darlles a benvida a persoas de todo o mundo en Compostela en xullo de 2021, xa con esta situación excepcional definitivamente superada.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete