A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Luz Pozo Garza

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Luz Pozo Garza. A decana da poesía galega, nada en Ribadeo en 1922, finou hoxe na Coruña, a cidade na que residía dende finais dos anos 80. A poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio formaba parte da RAG dende 1950, cando con só 28 anos foi nomeada membro correspondente, e dende 1996 era académica de número. A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir. En 2019 publicou o seu último libro, Pazo de Tor, un libro de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna.

Luz Pozo intervén na homenaxe que lle rendeu a Real Academia Galega cadrando co seu 95 aniversario, no verán de 2017. Fonte: RAG


Luz Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace, a situada entre a xeración do 36 e a da primeira posguerra. O primeiro escenario vital da autora, que tanto marcaría tamén a súa literatura, foi o da Mariña de Lugo, entre Ribadeo, a vila onde naceu, e Viveiro, onde viviu entre 1929 e 1936 e que a acolleu de novo en 1940. A guerra civil pasouna entre Lugo (instalada no mesmo edificio ca Luís Pimentel) e Marrocos, seguindo canda a súa nai o pai, que fora encadeado pola súa condición de militante republicano. Aqueles anos deixaron unha fonda pegada na escritora, que perdeu na fronte o único irmán que tantas veces lembraría.

Tras publicar as súas primeiras creacións en Las Riberas del Eo, en 1949 veu a lume o seu primeiro libro, Ánfora, unha obra vitalista, escrita en castelán, que foi recibida con entusiasmo tanto no mundo literario español –foi loada na prensa polo poeta da xeración do 27 Gerardo Diego– coma no galego, onde foi axiña nomeada membro correspondente da RAG. Tres anos despois, en 1952, sairía do prelo o seu primeiro volume en galego, O paxaro na boca, de novo un canto á vida a través do amor con versos inzados dun erotismo feminino inédito na escena literaria do momento, cando a edición de libros en lingua galega se retomaba en medio dunha forte censura. O volume inaugurou a colección Xistral, o proxecto editorial creado polo pintor Ánxel Johán e o poeta Manuel María dende Lugo. Luz Pozo Garza instalaríase definitivamente no galego nos anos 70, cando publicou Últimas palabras / Verbas derradeiras, obra autotraducida na que poetiza o desamor, a soidade, a dor, a angustia e a morte.

A madureza poética
A súa produción intensificaríase xa na madureza, a partir dos anos 80, ata sumar máis dunha ducia de poemarios que coñeceron traducións ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, xaponés, ruso e húngaro. Nesta nova etapa, primeiro chegarían Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986), nos que emerxe de novo unha sensualidade forte e o canto á liberdade radical que caracteriza o fondo de toda a poesía da autora. Luz Pozo iniciou nestes dous volumes unha liña poética de estética clásica e filosofía platónica que culminaría en 1992 en Prometo a flor de loto, dedicado á memoria do seu compañeiro na vida e na literatura, Eduardo Moreiras (1914-1991), e merecedor do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Nos anos seguintes verían a luz títulos como As vodas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009), Sol de medianoche (elexía á súa neta Natalia) ou Rosa tántrica (2016).

A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía (1996), e tamén no seu discurso de ingreso na RAG como académica de número, Diálogos con Rosalía, a primeira intervención deste tipo escrita no código da poesía. A pegada rosaliana volveu evidenciarse en Medea en Corinto (2002), poema polifónico no que galeguizou este mito clásico. O comezo do século XXI foi tamén para a escritora un momento de exploración da inspiración gaélica, unha conexión literaria á que chegou por motivos familiares e reflectida en As arpas de Iwerddon (2005).

Alén da súa propia escrita, a actividade literaria da académica abrangueu a edición e a crítica literaria. En 1975 cofundou e codirixiu canda Tomás Barros a revista Nordés (aínda que tivo que figurar como subdirectora pola forte discriminación de xénero do réxime franquista) e máis adiante dirixiría, dende a súa fundación en 1995, Clave Orión. A literatura foi ademais o seu medio de vida. Aínda que a súa formación inicial foi como pianista, nos anos 60 licenciouse en Filoloxía Románica e exerceu como docente de secundaria entre 1964 e 1987. Dende as aulas, deixou un recordo indeleble en moitas xeracións de alumnas e alumnos que tiveron a fortuna de aprender dela nos institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo onde impartiu docencia.

Como académica de número, Luz Pozo foi a segunda muller, tras Olga Gallego, en ocupar unha cadeira no seu pleno e a primeira en ocupar un posto de dirección na institución, ao asumir a vicesecretaría entre 1997 e 2001.

A traxectoria da poeta foi recoñecida en distintas ocasións con galardóns como a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013), o Premio Trasalba (2019). En 2018 foi nomeada filla adoptiva de Viveiro, onde a escola de idiomas leva o seu nome; e en xaneiro deste 2020 foi recoñecida como filla predilecta do seu Ribadeo natal. A Real Academia Galega rendeulle homenaxe, co gallo do seu 95 aniversario, en xullo de 2017. No acto recitaron versos da súa autoría dez poetas de distintas xeracións. A escolma foi recollida no opúsculo Un pozo de luz.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete