A IV Xornada de Onomástica Galega chama a recuperar o patrimonio da toponimia tradicional nos nomes das rúas

Os nomes das rúas forman parte da paisaxe lingüística de vilas e cidades. Son elementos tan cotiáns da vida diaria que quizais por iso a miúdo a información que portan pasa desapercibida. Pero na denominación do espazo público inflúen factores sociais, políticos e históricos. En todos eles profundaron este sábado no Museo de Pontevedra catorce especialistas, no marco da IV Xornada de Onomástica Galega. O encontro, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o propio museo, foi inaugurado esta mañá polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua, María Ortega; e as coordinadoras do programa, as académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega; e as coordinadoras da IV Xornada de Onomástica Galega, as académicas correspondentes Luz Méndez (á esquerda) e Ana Boullón (á dereita da imaxe), inauguraron o encontro. Fonte: RAG


"Nos nomes das nosas rúas e prazas habita a memoria da nosa historia, a pegada dos nosos devanceiros, tamén os momentos de abalo e devalo. Estudar a toponimia dos nosos espazos urbanos axuda a coñecer o que somos e, sobre todo, de onde vimos", salientou o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes agradeceu o apoio que a Deputación de Pontevedra vén prestando na organización, dende 2016, destes encontros do Seminario de Onomástica da Academia, que converten a Pontevedra "na capital dos estudos onomásticos".

Nas edicións anteriores, o foro estivo dedicado á microtoponimia, aos aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos e aos alcumes. A deputada de Lingua, tamén responsable provincial de Memoria Histórica, quixo destacar especialmente a sesión dedicada á apropiación simbólica do espazo público por parte do franquismo. "Todos nós, se cadra, despois de hoxe escoitar aquí as persoas relatoras, veremos os nomes das vías das nosas cidades doutro xeito", concluíu.

Un patrimonio inmaterial protexido legalmente
"Nesta xornada queremos reflexionar sobre os nomes das rúas galegas: como se conformaron na Idade Media, poñendo o foco en Santiago e Baiona, e como son os procedementos actuais para nomear novas vías urbanas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín", conta Ana Boullón. Alén da análise académica, a xornada acolleu a presentación, por parte do académico correspondente Gonzalo Navaza, dunha proposta para as novas denominacións de rúas, avenidas ou prazas que preserve a toponimia tradicional fronte á conmemorativa. "Hai que evitar facer dos nomes das rúas un panteón de veciños ilustres, non é preciso agredir este patrimonio para homenaxealos", salienta o filólogo.

A propia Lei do patrimonio cultural de Galicia, aprobada en 2016, define a toponimia tradicional como un elemento do patrimonio inmaterial galego e, como tal, a Administración local ten a obriga de protexela. "Pero a realidade en moitos municipios é precisamente a contraria, ignóranse moitos nomes que foron creados colectivamente e que tiñan un papel utilitario para a sociedade, porque describían o territorio, e óptase polos nomes conmemorativos, moito máis simbólicos, e que sitúan a comunidade nun contexto social, político ou cultural.", advirte Ana Boullón.

Especial referencia mereceu a apropiación simbólica do espazo público por parte do franquismo nun programa que tamén abordou experiencias didácticas baseadas nesta materia. Os profesores Xesús Fernández Acevedo, Pilar Buela e Carlos Montejano expuxeron os proxectos desenvolvidos tanto nun ambiente urbano, como o do IES de Ribadeo, coma no rural do IES de Valga, onde os nomes destes espazos non se visualizan en carteis e apenas foron obxecto de estudo.

Compostela: da rúa da Moeda a de Acibechería
A conformación na Idade Media dos nomes das rúas de Baiona e Santiago de Compostela centraron a primeira sesión da xornada, a través de senllos traballos de Gonzalo Navaza e de Gonzalo Hermo. Hermo é coñecido como poeta (foi premio Nacional de Literatura na modalidade Poesía Nova "Miguel Hernández") pero tamén é filólogo e doutorouse cunha tese sobre toponimia medieval, un eido ao que volve cunha achega sobre a historia dos nomes das rúas de Santiago de Compostela. Por impedimentos de última hora, non puido asistir á xornada, pero o seu relatorio escoitouse na voz de Luz Méndez.


Gonzalo Navaza centrou a súa intervención na orixe dos nomes das rúas de Baiona. Fonte: RAG


A achega de Gonzalo Hermo baséase no Tombo de tenzas primeiro, un rexistro de propiedades do cabido de Santiago, con información de 1352 a 1412, cuxo principal valor lingüístico ten que ver precisamente coas denominacións de lugar. "Nel atopamos os primeiros testemuños escritos de nomes de aldeas e parroquias galegas", explica Gonzalo Hermo.

A consulta deste documento permite constatar que algunhas das rúas máis emblemáticas de Santiago seguen a ter o mesmo nome ca na segunda metade do século XIV. De feito, dun total de 31 hodónimos analizados, 20 son nomes de rúas que se conservan na actualidade, o que testemuña "un alto grao de conservación da hodonimia tradicional na cidade de Santiago se a comparamos coa doutras cidades e vilas medievais galegas", conclúe. Aínda que con diversas evolucións, é o caso das rúas Algalia de Abaixo, Algalia de Arriba, Bonaval, Mazarelos, Preguntoiro ou a Conga.

Outras rúas cambiaron de nome a finais da Idade Media como consecuencia do espertar e da decadencia de distintos gremios. "A importancia do sector dos cambiadores de moeda na Compostela medieval, unha das cidades europeas con maior número de persoas procedentes dos distintos recunchos da cristiandade, tiña o seu reflexo no nome de varias vías situadas arredor da catedral. De todas elas, só sobreviviu á actualidade a rúa da Moeda Vella, que conecta a praza de San Martiño coa da Inmaculada. A propia praza da Inmaculada recibía o nome de As Cambias, mentres que a veciña rúa de Acibechería chamábase naquela altura a rúa da Moeda", detalla Gonzalo Hermo. A nova denominación desta última, xa documentada en 1499, debeuse á puxanza dos artesáns do acibeche que se estableceron nela.

Máis tardía foi a transformación da praza do Campo, que acollía o mercado da cidade, na actual praza de Cervantes. "O cambio produciuse a finais do século XIX polo levantamento na fonte da praza dunha estatua que representa o xenio do Século de Ouro español, nun momento en que o mercado fora trasladado ao seu emprazamento actual".

Unha forma de memoricidio
No caso de Santiago de Compostela tamén se detivo o historiador Antonio Míguez Macho, que presentou un relatorio sobre a apropiación simbólica do espazo público durante o franquismo a través de distintas estratexias, entre elas os cambios de nomes de rúas e prazas. O profesor de Historia Contemporánea da USC explica que no caso español o proceso polo cal as autoridades pasaron a monopolizar a capacidade de outorgar, retirar ou modificar nomes das rúas está ligado á construción do Estado liberal, na procura da creación dunha memoria colectiva. Naquel momento comezaron a proliferar as denominacións conmemorativas e o debate entre partidarios e contrarios dos distintos cambios. "Este debate non deixou de existir a día de hoxe e seguirá existindo sen dúbida. Pero cómpre delimitar os debates plurais e democráticos e diferencialos do proceso que ten lugar tras o golpe de 1936", advirte. "O cambio da toponimia urbana está intimamente relacionado cun fenómeno máis amplo de destrución dun grupo social que se considera inimigo. Neste contexto, o proceso de resignificación do espazo público adquire unha dimensión dirixida tanto a construír unha ‘nova España' como a destruír a ‘vella' coa práctica do memoricidio", conclúe o historiador, que foi presentado polo académico Antón Santamarina.


O historiador Antonio Míguez Macho nun momento da súa intervención. Fonte: RAG


A residencia de estudantes Rodríguez Cadarso (en memoria do reitor que proxectou o campus universitario) converteuse así no "Colegio Mayor Generalísimo Franco" e a praza construída diante das Casas de Ramírez foi bautizada en pleno franquismo como "Plaza de José Antonio". Xa na década de 1980, aproveitando unha reforma do espazo, adquiría oficialmente a denominación popular que recibiu durante os últimos anos da ditadura, "Praza Roxa", por ser lugar de referencia das protestas estudantís. "O nome pasou por riba da incorrección evidente no uso do galego e consolidouse entre a cidadanía até o presente, borrando por completo a memoria do nome franquista", engade Antonio Míguez Macho.

A experiencia dos institutos de Ribadeo e Valga
A toponimia urbana como base de experiencias didácticas centrou a última sesión da mañá. Xulia Marqués deu paso á presentación das experiencias promovidas en dous centros educativos: Xesús Fernández Acevedo explicou tres propostas desenvolvidas no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e Pilar Buela e Carlos Montejano, a do IES de Valga, onde se levou a cabo co alumnado unha investigación arredor da microtoponimia das aldeas, contando coa colaboración da veciñanza como informante.


Pilar Buela e Carlos Montejano, do IES de Valga, e Xesús Fernández Acevedo, do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, con Xulia Marqués na mesa sobre experiencias didácticas. Fonte: RAG


O encontro retomouse pola tarde cunha mesa redonda, moderada por Luz Méndez, na que se analizou cal é a práctica da denominación das rúas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín. Concepción Cochón Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Pontevedra, referiuse ao caso desta cidade; Marta Souto, do SNL de Vigo, abordou a experiencia olívica; Iván Méndez, técnico de toponimia da Real Academia Galega, analizou o declive da toponimia tradicional no nomenclátor urbano da Coruña; e Marta Negro, do Instituto da Lingua Galega, referiuse ao caso de Lalín.

O caso pontevedrés: entre os nomes tradicionais e a visibilización das mulleres
Na cidade que acolleu a IV Xornada de Onomástica o nomenclátor urbano está composto por 456 hodónimos rexistrados, dos cales 134 fixan ou recuperan os topónimos tradicionais e 238 son conmemorativos onomásticos, expón Conchi Cochón. Entre os anos 2005 e 2008, en Pontevedra funcionou un grupo de traballo municipal interdepartamental para recuperar toponimia tradicional de fontes escritas, acordar criterios para corrixir a toponimia municipal, galeguizar a que fose necesaria e cambiar as placas das vías. Xa en 2015, o Pleno acordou avanzar na visibilización das mulleres no nomenclátor de vías urbanas, mais primando o criterio do uso da toponimia tradicional, que se vén aplicando desde o ano 2002.


Conchi Cochón, Marta Souto, Iván Méndez e Marta Negro analizaron os casos de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín. Fonte: RAG


Nestes momentos só 26 mulleres lles dan nome ás rúas, fronte a 212 homes. A diferenza, recoñece Conchi Cochón, é abismal, pero cómpre ter en conta tamén que "o noso espazo público ten nomes propios de seu en perigo de extinción da nosa memoria colectiva". "Existen moitas maneiras de visibilizar as mulleres e moitos espazos para homenaxealas; ao contrario, a toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe. Recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza", reflexiona.

En termos semellantes exprésase Iván Méndez, técnico de toponimia da RAG que participou na xornada cun relatorio sobre o caso da Coruña, onde o proceso de substitución da microtoponimia tradicional vive o seu apoxeo dende a segunda metade do século pasado. Nesta cidade dúas de cada tres rúas teñen nomes honoríficos, a maioría (400) en homenaxe a un home, e só unha de cada catro ten nome toponímico.

Un caso paradigmático de perda da toponimia tradicional é o do chamado Parque Ofimático, que recorda o proxecto de construción dun polígono de empresas tecnolóxicas anunciado en 1990. Malia desbotarse anos despois e acabar acollendo vivendas particulares, este "neotopónimo" supuxo o esquecemento dos lugares de Xuxán, Galán e mesmo A Pereiroa e parte das Cernadas, mais tamén de topónimos como Agrelo, A Casanova, A Viña Pequena, A Casavella, As Peladas, O Cubelo…, enumera o filólogo. "Ningún deles, ademais, foi elixido para nomear ningunha das rúas que se inauguraron nos últimos anos", lamenta Iván Méndez.

Marta Negro, do ILG, analizou a situación de Lalín, onde moitas rúas froito da urbanización recente levan nomes de letras e números. De 175 nomes de rúas que hai nesta localidade, son moi abondosos tamén os conmemorativos e honoríficos, pero só tres homenaxean a mulleres: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e a profesora Maruja Gutiérrez.

O reto de preservar este patrimonio inmaterial atopa, por fortuna, certos ventos favorables. Un deles é o propio interese crecente da sociedade, indica Marta Souto. "Comprobamos o aumento do interese entre a veciñanza sobre e pola toponimia. Nos centros de ensino realízanse, cada vez máis, traballos sobre a toponimia da contorna e non son xa tan infrecuentes as consultas sobre toponimia ao SNL feitas dende despachos de avogados, arquitectos, delineantes sobre toponimia", conclúe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete