'A Fonte da Fábrica de Mistos', a pintura de Germán Taibo na Academia

Imaxe do cadro Fonte da Fábria de Mistos, de Germán Taibo
Imaxe do cadro A Fonte da Fábrica de Mistos, de Germán Taibo


O primeiro biógrafo de Germán Taibo González foi José Luis Bugallal, membro numerario da Academia, quen, con motivo dunha exposición monográfica sobre o autor celebrada na cidade da Coruña en 1947, fixo unha cronoloxía da vida do pintor que xunto coa reprodución das obras expostas formaba un pequeno catalogo que nos proporciona unha valiosa información para coñecer a este artista coruñés, mais tamén bonaerense e de París, e inxustamente descoñecido.

Segundo José Luis Bugallal, o futuro pintor nace na Coruña o 27 xaneiro 1889 e emigra coa súa familia á Arxentina sendo aínda un rapaciño. En Buenos Aires axiña destaca pola súa habilidade para o debuxo, e os seus pais apoiaron a súa vocación inscribíndoo na escola de Belas Artes da capital arxentina. Na adolescencia, acadou o apoio económico dunha dama arxentina da que Bugallal descoñece a súa identidade. Tratábase da coleccionista Maria Jaúregui Pradere, integrante dunha das sagas de coleccionistas máis importantes de Buenos Aires, quen desde 1906 lle pagou os seus estudos artísticos en París, onde asiste á Academia Julien, unha das máis prestixiosas da cidade, famosa pola dureza das súas probas de acceso.

Logo de seis anos de instrución, en 1912 comeza a expoñer a súa obra, que destaca polos seus elegantes e técnicos espidos, claramente inspirados na Olimpia de Manet. Contou para eles como modelo con Simone Mafleux, compañeira, nai da súa única filla e divulgadora, sen moito éxito, da obra do pintor trala súa prematura morte.

Taibo regresa a Galicia en 1908, viaxa polo seu país natal que apenas coñece, permanece unhas semanas na cidade que o veu nacer e acaba por se integrar no modesto ambiente artístico coruñés, o que lle posibilitou que, en 1912, achega catro obras á Exposición Rexional de Arte celebrada na cidade coruñesa.

En 1916 sae dunha Francia en plena I Guerra Mundial e viaxa a Madrid, onde expón no Hotel Palace con grande éxito de público e crítica e consegue vender varias obras. Co capital acadado, o artista percorrerá a Bretaña e a Costa Azul na procura de escenarios cos que encetar unha nova etapa artística onde a paisaxe tórnase o tema principal.

En 1918, fuxe de novo de París desta volta por causa da epidemia da gripe española, e volve á Coruña con Simone e a filla de ambos. Ao final dese mesmo ano regresa á capital francesa, onde falece o 14 de febreiro de 1919, con 30 anos recén cumpridos, logo de ser infectado pola doenza xa mencionada que un par de meses antes lle causara tamén a morte na mesma cidade ao gran escritor Apollinaire, e a ducias de millóns de persoas en todo o mundo en pouco máis dun ano.

Tras anos de estadía na capital francesa, a pegada da pintura impresionista e postimpresionista é moi intensa na súa arte. Pese a ser coetáneo das primeiras mostras do fauvismo e cubismo, non se viu influenciado por eles, foi un pintor á maneira do dezanove francés en tránsito cara ao modernismo. O seu vínculo coa pintura galega foi inexistente, por este motivo a súa inclusión dentro do grupo da "Xeración Doente" -formada por pintores dunha xeración anterior e cun desenvolvemento artístico eminentemente galego- non ten moito sentido. Morrer antes dos trinta anos non parece tampouco motivo suficiente para relacionalo co grupo de artistas así bautizados por Bello Piñeiro.

O cadro que custodia a Real Academia Galega titulado A Fonte da fábrica de mistos foi doado polo pai do autor, Antonio Taibo, en 1921. Posiblemente sexa a súa derradeira obra, dado que foi pintado ao longo da súa estadía na Coruña en 1918 tras fuxir daquel París ameazado pola pandemia de gripe. Nesta obra recréase un espazo hoxe desaparecido da cidade coruñesa, unha fonte nas instalacións da Fábrica de Mistos, tamén coñecida como a Fábrica de Zaragüeta, apelido do seu propietario, e situada nas inmediacións da actual praza de Catro Camiños.

Trátase dunha obra claramente impresionista, moi colorista, de mancha ampla e sen debuxo previo, onde as cores ocres, amarelas e verdes se funden debido á luz filtrada a través das árbores, en forte contraste cos tons escuros do chan en sombra, dando lugar así a unha obra cromaticamente moi equilibrada.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 26 de marzo de 2019 / 19:30 h
Comba Campoi e Manuel Lorenzo falan sobre os monicreques de Barriga Verde
Sábado 6 de abril de 2019 / 12:00 h
Pleno extraordinario de recepción como académica de Ana Romaní - Noia

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar