Baldo Ramos responde o Cuestionario Díaz Castro

O poeta e pintor Baldo Ramos (Celanova en 1971) é autor, entre outros, dos libros Raizames (2001), A árbore da cegueira (2002) e Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (2014). A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en galerías de Galicia, Portugal e Madrid.
Baldo Ramos
O poeta e pintor Baldo Ramos


Que características definen, ao seu parecer, a poesía de Díaz Castro?
A súa poesía é a constatación dunha actitude vital: discreción, conciencia de insularidade (véxase o penúltimo poema de Nimbos) e certa marxinalidade con respecto aos seus contemporáneos. Simbolicamente, un paxaro solitario que sobrevoou as marxes.

Este posicionamento vital fan da súa poesía unha achega afastada de modas, de "contaminacións interesadas". E quizais sexa isto o que fai que un poeta coma el pase de ser case un descoñecido a ser un clásico sen apenas mediacións.

Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
Polo que dixen máis arriba, a influencia inmediata nos poetas posteriores non foi importante, aínda que houbo autores que, por cuestións persoais, sentiron próxima a súa escrita. Por se tratar dun poeta que decidiu dar ao prelo un único libro, a influencia no curto prazo coido que foi escasa e bastante marxinal.

Pero estou certo de que, co tempo, a súa obra ha permear, como xa comezou a facelo nos últimos anos, a creación poética dos escritores máis novos.

Ao seu xuízo, que vixencia conserva actualmente a súa obra?
Díaz Castro é un poeta cun gran dominio da lingua poética. Austero nos recursos pero moi efectivo nos achados poéticos. Minimalista, diriamos hoxe.

Trátase dun autor cun grande oficio. Un deses poetas que é poeta case sen pretendelo.

Nesa discreción é onde eu atopo a súa maior orixinalidade e as coordenadas da súa vixencia actual. Un poeta de ollada transparente que disecciona a realidade poética con habelencia de cirurxián.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete