Académicos e académicas

Lisardo Rodríguez Barreiro
Noia, A Coruña, 1862 - Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1943
Data de ingreso
22/04/1939
A proposta de
Manuel Amor Meilán, Valentín Villanueva Rivas e Casto Sampedro y Folgar
Título do discurso
[Para cubrir as vacantes de varios numerarios, Manuel Casás Fernández solicitou un permiso ministerial co fin de que se puidese realizar unha toma de posesión colectiva na que os académicos entrantes non tivesen que dar lectura ao preceptivo discurso de ingreso e así axilizar os trámites. Concedido este permiso, ingresaron o 22 de abril de 1939 na Real Academia Galega: Ramón de Artaza y Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre (que xa presentaran o texto do discurso segundo consta no seu expediente), Juan Domínguez Fontenla, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro]
Nesta cadeira
María López Sández (11/03/2023 - Actualidade)
Darío Xohán Cabana Yanes (22/04/2006 - 17/11/2021)
Manuel María Fernández Teixeiro (15/02/2003 - 08/09/2004)
Marino Dónega Rozas (03/11/1973 - 01/04/2001)
José Espinosa Rodríguez (18/10/1952 - 13/12/1966)
Francisca Herrera Garrido (04/03/1945 - 05/11/1950)
Lisardo Rodríguez Barreiro (22/04/1939 - 14/05/1943)
Florencio Vaamonde Lores (04/09/1905 - 19/10/1925)
Farmacéutico, xornalista, poeta e dinamizador cultural, colaborou con boa parte da prensa galega do cambio de século e foi autor dunha abondosa produción poética. Entre os seus traballos en prosa salientan as crónicas das súas visitas a escritoras e escritores galegos como Nicolasa Añón, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Curros Enríquez.
Os seus primeiros pasos como xornalista deunos no periódico La Voz de Arosa, propiedade de Ramón del Valle Bermúdez –pai do autor de Tirano Banderas–, e durante a súa etapa universitaria en Santiago de Compostela, onde cursou a carreira de Medicina e participou activamente na vida estudantil. Alí fundou, canda Alfredo Brañas, Fernando García Acuña e outros o xornal El Ciclón. Máis adiante, da man de Javier Valcarce e o médico Tarrío, botou a andar o semanario El Tricornio, do que foi tamén director. Ao longo da súa extensa carreira escribiu como xornalista na meirande parte da prensa galega de fin de século, desde El Correo Gallego –daquela domiciliado en Ferrol e que dirixiu durante unha curta etapa–, ata La Voz de Galicia, El Clamor del País, El Clamor de Galicia, El Globo, El País ou La Cítara.
Logo de vivir durante uns anos en Madrid, volveu en 1885 a Galicia e estableceuse definitivamente en Vilagarcía de Arousa, onde casou e traballou como farmacéutico, inspector sanitario e de emigración, mentres continuaba a colaborar coa prensa local. A súa farmacia converteuse nun verdadeiro centro de difusión cultural, cun importante faladoiro no que paraban Valle-Inclán, Alfredo Vicenti, Julio Camba ou Manuel Lustres Rivas.
Como poeta, publicou o seu primeiro libro, Muestras sin valor, en 1884. Con limiar de Romero Blanco, o volume inclúe textos en galego e castelán, ás veces en ton patriótico e con numerosas homenaxes aos seus principais referentes intelectuais, como Pondal, Aurelio Aguirre, Rosalía de Castro, Francisco Añón ou Andrés Muruais. A este libro seguiulle El soldado gallego (1897), unha longa apoloxía en forma de romance do valor marcial amosado polos soldados galegos na guerra de independencia de Cuba. Premiada nun certame literario en Lugo, a obra foi reeditada en novembro de 1936, no marco da guerra civil española, e modificada co fin de integrar os soldados galegos no exército sublevado. Escumas e brétemas (1923) é un libro poemas de romances e coplas en galego que procura a dicción popular e a sinxeleza formal, e nos que impera o tema da paisaxe e as homenaxes a personaxes admiradas polo autor, como Rosalía de Castro ou Víctor Hugo.
No que atinxe ao seu traballo como prosista, Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia (1890) é unha miscelánea de textos en galego e castelán nos que recolle, a modo de guía, as súas impresión de diversas vilas e bisbarras galegas: O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Marín, Vigo, O Ézaro, O Ribeiro... O libro comeza cunha denuncia da situación de abandono de Galicia e da permanencia de certos prexuízos contra os galegos, logo pasa a reclamar a introdución do galego no ensino e sinala o caciquismo como a razón principal da masiva emigración galega a América. Intercalados na crónica de viaxe, insírense os capítulos dedicados a figuras da intelectualidade galega da época, como o protagonizado por Curros, no que vate celanovés explica a xénese da composición da súa célebre “Cántiga”, incluída en Aires da miña terra (1880); unha entrevista coa poeta Nicolasa Añón, irmá de Francisco Añón; un encontro nas rúas da Coruña con Eduardo Pondal, quen evoca a concepción do poema “A Campana de Anllóns”; ou a visita a Rosalía de Castro sobre a que escribira con anterioridade en Vida Gallega. Outras figuras que aparecen no libro son o músico mindoniense Enrique Parga, o pintor compostelán Ramón Legrande, o músico vasco Pablo Sarasate, Ramón del Valle Bermúdez, ou o xornalista Víctor Vázquez, coautor, canda Cesáreo Rivera, dunha guía de Galicia publicada en 1883.
Segundo relata Vicente Risco no sexto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Lisardo Rodríguez Barreiro foi un dos primeiros en concibir a idea de fundar unha academia galega na súa etapa como estudante en Compostela. Tamén cultivaba a literatura gastronómica, adoito da man de Picadillo, e deixou inédito á súa morte un libro de carácter autobiográfico. En 1910 publicou un poema en homenaxe a Curros no Boletín da Real Academia Galega, institución na que ingresou a proposta de Manuel Amor Meilán, Valentín Villanueva Rivas e Casto Sampedro y Folgar.