Primavera das Letras premiará proxectos escolares arredor das Letras Galegas de María Victoria Moreno

Como celebraron os alumnos e alumnas de infantil e primaria o Día das Letras dedicado a María Victoria Moreno? A Real Academia Galega quere coñecer e compartir as experiencias desenvolvidas nos centros educativos arredor do 17 de maio a través do proxecto web Primavera das Letras, que este ano convoca a segunda edición do certame "Contádenos o voso Día das Letras". O prazo de presentación das iniciativas permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de xuño. Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe enviando as ligazóns correspondentes ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal.

Ilustración dunha das fichas de Primavera das Letras


O concurso "Contádenos o voso Día das Letras" está aberto a todos os centros escolares de Galicia con alumnado de infantil e primaria, que poderán participar presentando as actividades desenvolvidas durante o curso 2017-2018 polos nenos e nenas destas etapas arredor da protagonista do Día das Letras Galegas 2018, a escritora, docente e activista cultural María Victoria Moreno. A Real Academia Galega sorteará lotes de libros e expedirá diplomas de participación para todos os centros participantes. As bases do concurso poden consultarse nesta ligazón. As iniciativas recibidas serán ademais incluídas nun espazo especial da web de Primavera das Letras.

Primavera das Letras fornece o profesorado e as familias de recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario da figura protagonista do Día das Letras Galegas. Entre os materiais dispoñibles dedicados a María Victoria Moreno, ofrécense quince actividades interactivas que beben de varias das súas obras, como as infantís E haberá un tirón de orellas?, Mar adiante e Eu conto, ti cantas..., ou mesmo outras para adultos como Diario da luz e a sombra e Onde o aire non era brisa, desde un enfoque orientado ás idades ás que se dirixe a web. Primavera das Letras ofrece tamén fichas que poden descargarse para seren empregadas sen necesidade de conexión a Internet.

Todos os contidos, ilustrados por Laura Cortés, profundan na vida e na obra da autora e permiten traballar ao mesmo tempo diversos contidos do currículo escolar, non só os relacionados coa lingua e a literatura, senón tamén de áreas como coñecemento do medio natural e social ou contidos transversais como o respecto á diversidade é á natureza.

A Real Academia Galega puxo a andar este proxecto en 2016, ano en que foi homenaxeado Manuel María. Tanto os recursos dedicados ao poeta chairego como os centrados en Carlos Casares, protagonista das Letras Galegas de 2017, seguen estando accesibles na web de Primavera das Letras, xa que, alén de servir de apoio para abordar cos cativos e cativas (na casa ou no colexio), a celebración do Día das Letras Galegas de cada ano, aspira a funcionar como repositorio de materiais atractivos para profundar en calquera momento na obra das personalidades que foron homenaxeadas con anterioridade nesta data.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 28 de xuño de 2018 / 19:30 h
Presentación - concerto: 'Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra'

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 36

Descargar