"As cantigas medievais galegas son un dos maiores tesouros da música medieval europea"

A cantante e musicóloga Paulina Ceremuzynska achegou o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" á lírica medieval nunha conferencia-concerto que afondou nalgúns dos textos das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio ou de Martín Codax. "As cantigas medievais galegas son un dos maiores tesouros da música medieval europea e, xunto co tesouro da música tradicional, o máis importante repertorio da música galega de tódolos tempos", salienta a experta, natural de Polonia e residente desde 2004 en Galicia. Ceremuzynska chegou a Compostela para estudar e coñecer en profundidade a música e a lingua destas composicións, "partes inseparables unha da outra".

Paulina Ceremuzynska interpretando unha cantiga medieval. Fonte: RAG


Paulina Ceremuzynska estudou interpretación de música medieval na Universidade de Paris-Sorbonne (Francia) e musicoloxía na Universidade de Varsovia (Polonia). Froito do seu traballo de transcrición e interpretación das cantigas de amor do Pergamiño Sharrer é o disco Cantigas de amor e de amigo, a segunda gravación mundial das cantigas de amor do rei portugués don Denís, que obtivo excelentes críticas na prensa especializada. A súa investigación no eido musical deu tamén lugar aos discos E moiro-me d'amor (2007), consagrado á reconstrución da música perdida das cantigas de amigo dos máis destacados trobadores da tradición galego-portuguesa; e Audite Gentes! Salmos do Século de Ouro (2015).

No ano 2017 organizou en Santiago de Compostela un curso internacional de interpretación historicamente informada das Cantigas de Santa María e en 2019 é convidada ao Conservatorio CRR de París para impartir un curso sobre as cantigas medievais galegas.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cuberta do Boletín 380

Boletín da Real Academia Galega
nº 380

 

Cursos de Verán 2020


Toda a información
nesta páxina

 

Cadernos de Lingua
nº 37

 

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)

 

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

 

Hemeroteca Virtual
Galicia nas páxinas dos seus xornais.