
Enrique Peinador encargoulle a Afonso Daniel Rodríguez Castelao en 1913 uns lenzos monumentais para instalar no edificio La Baranda do hotel balneario de Mondariz. A escolla do tema estivo condicionada polo desprendemento de retina que lle provocaría ao creador unha cegueira parcial no ollo dereito, pero os cegos xa aparecían como protagonistas nalgunhas das súas obras costumistas iniciais. E adquiriron maior importancia nas que expuxo en Madrid en 1912, baixo «unha indubidable influencia estética e literaria de Valle-Inclán», apunta Ángeles Tilve.
Os cegos convertéronse en símbolos cos que expresar a crítica social que tanto caracteriza a produción do creador. «A simple vista parecen caricaturas, pero que non fan rir, en realidade fan pensar e sentir emocións. Son alegorías morais coas que Castelao abandona definitivamente o rexionalismo pintoresco e humorístico dos seus primeiros traballos para, desde a sátira e baixo a influencia do modernismo estético da “España negra”, representar os que el chamaba “cegos de oficio”», analiza a especialista. «Un colectivo marxinal que vaga polos camiños, aldeas e romarías e que, como exemplo da miseria e da aceptación pícara da existencia, o artista converterá, desde a súa preocupación polo social, en figuras arquetípicas e simbólicas de Galicia e serán recorrentes ao longo de toda a súa produción», prosegue.
Castelao rematou o tríptico dos cegos en xaneiro de 1915. Á Real Academia Galega chegou en depósito de Augas de Mondariz e Hijos de Peinador S.A. en 1964. Nove anos despois a empresa efectuou a doazón definitiva. Dende o ano 2011 exhíbese nunha das salas dedicadas ao autor do Museo de Pontevedra, onde se atopa en depósito.
Un espazo divulgativo que segue a medrar
A sección Pezas destacadas do sitio web que a RAG lle dedica a Castelao nútrese de comentarios de membros da institución e doutros especialistas que cada mes presentan unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra do homenaxeado conservada na Academia. En xaneiro o académico correspondente Carlos Brandeiro asinou o artigo sobre a bandeira do Consello de Galiza empregada na súas exequias en Buenos Aires; en febreiro o director da Sección de Historia, Ramón Villares, centrouse en Sempre en Galiza, volume publicado por primeira vez no exilio porteño en 1944.
En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. Entre as últimas incorporacións, a hemeroteca da RAG amosa unha escolma dos primeiros debuxos de Castelao na prensa, entre 1908 e 1915; o arquivo presenta o mecanoscrito do artigo inédito de Valentín Paz-Andrade titulado “A incorporación de Castelao a renaciencia galega” (1981) e a biblioteca repasa a obra do intelectual publicada tras o seu pasamento.
“Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX”, salienta o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, na presentación do espazo divulgativo. Elixido membro de número da RAG en 1934, mentres viviu no exilio a institución non declarou vacante a súa cadeira en recoñecemento á súa significación da súa figura e obra.