O 10 de marzo de 1944 saíu do prelo en Buenos Aires a primeira edición de Sempre en Galiza co apoio económico do Centro Ourensán e cunha tiraxe de máis de 2000 exemplares. O día 2 de abril presentouse publicamente a obra, e Castelao foi agasallado cun exemplar dedicado polos directivos do Centro.
Esta primeira edición, supervisada polo propio autor, constaba de tres libros precedidos dun “Adro”. Na segunda edición (1961), realizada tamén en Buenos Aires e ao coidado de Rodolfo Prada, engadiuse un cuarto libro. A unha Galicia sometida ao réxime franquista, os exemplares da obra só puideron chegar de maneira clandestina.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
As dúas primeiras edicións de Sempre en Galiza inclúen a coñecida caricatura de Castelao feita polo debuxante catalán Lluís Bagaria, aparecida orixinariamente no xornal madrileño Crisol o 19 de setembro de 1931.
O día anterior, Castelao interviñera por primeira vez no Congreso dos Deputados como representante do Partido Galeguista, e na súa alocución defendeu unha proposición para que o idioma galego acadase recoñecemento oficial dentro da nova constitución republicana.
Bagaria, que ese día estivera no Congreso escoitando o discurso de Castelao, realizou a caricatura por suxestión de Valentín Paz-Andrade.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
“Estou lonxe da miña Terra: en Badaxoz. Cóbreme un inmenso fanal azul. Atópome na torre de Espanta Perros e vexo dende eiquí as rúas ensarilladas da cibdade”.
Con estas palabras, escritas dende o desterro político en Badaxoz, comeza o “Adro” de Sempre en Galiza. Dende o exilio estremeño publicará n’A Nosa Terra a serie de artigos “Verbas de chumbo”, que constitúen o material do limiar de Sempre en Galiza.
O exemplar conservado na biblioteca da Real Academia Galega contén unha dedicatoria de Daniel Calzado asinada o 8 de decembro de 1951. O 8 de outubro de 1951, Calzado asistía na Coruña aos actos de celebración do centenario de nacemento de Curros Enríquez en representación do Centro Galego de Buenos Aires.
Calzado, alcalde republicano e galeguista de Tomiño, participou no Consello de Galiza e foi vicepresidente do Centro Galego de Buenos Aires.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Badaxoz, Barcelona, Valencia. Nova York, Bos Aires... No índice do libro agóchanse as distintas fases de constitución de Sempre en Galiza.
Se o “Adro” coincide co desterro en Badaxoz, o “Libro primeiro”, escrito durante a guerra civil española, recolle as colaboracións nos xornais Nueva Galicia e Nova Galiza entre Valencia e Barcelona; o “Libro segundo” comezou a redactarse en Nova York na primeira metade de 1940 e rematou durante a viaxe no buque Argentina, que levou a Castelao dende esta cidade ata Buenos Aires; e o “Libro terceiro” argallouse en Buenos Aires, entre 1942 e 1943, na esperanza de que o triunfo dos aliados na segunda guerra mundial extinguise o réxime franquista.
Na segunda edición engadiuse o “Libro Cuarto”, escrito en 1947 á súa volta a Buenos Aires dende París, tras a caída do Goberno de Giral, do que el era ministro sen carteira.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
O 2 de xullo de 1944, a Irmandade Galega de Bos Aires organizou unha multitudinaria homenaxe co gallo da publicación do Sempre en Galiza. A pesar de que o goberno arxentino prohibira realizar manifestacións políticas en actos públicos, a celebración converteuse nun verdadeiro acto político de apoio a Castelao e a prol da creación dun goberno galego no exilio presidido por el. No discurso pronunciado durante a homenaxe, Castelao caracterizou o seu recente libro como unha tentativa de expresar en ideas os mesmos sentimentos amosados a través dos seus debuxos, salientando así a continuidade e a coherencia do seu percorrido ideolóxico.
Fonte: A Nosa Terra (Buenos Aires), n. 429, 25 xullo 1944. Real Academia Galega. Hemeroteca
Sempre en Galiza recibiu a primeira recensión na prensa en maio de 1944. E foi nas páxinas do Correo Literario de Buenos Aires que dirixían os galegos Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane. É este último, baixo as siglas C. A., o autor do comentario. Na recensión, aparecida no número 13 da revista, Seoane destacou que o libro era unha importante contribución para o tratamento dos problemas que afectaban a Galicia e salientou tamén que realizaba unha defensa apaixonada das liberdades galegas, para rematar por consideralo “uno de esos libros que invitan a la lucha y a la polémica y que por eso mismo, perduran en el tiempo”.
Fonte: Correo Literario (Buenos Aires), n. 13, 15 maio 1944. Real Academia Galega. Hemeroteca
Bosquexo da serea coa bandeira galega, presente na portada da primeira e da segunda edición de Sempre en Galiza. O deseño deste escudo garda semellanza co realizado por Castelao no ano 1937, publicado en Nova Galiza 6 (1/VII/1037, p. 2), acompañado polo artigo “Os novos símbolos da Nova Galiza”. Neste traballo sinala: “E a sirea, que perteñece â heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras”. Castelao, no artigo “Escudos de Rianxo” publicado en Nós en 1933 xa recollera a heráldica dos Mariño, na que aparece unha serea termando do escudo familiar.
Fonte: Museo de Pontevedra
Primeira páxina do manuscrito do “Limiar”, depositado no Museo de Pontevedra.
Esta sección, engadida á obra despois de ter rematados os tres primeiros libros, recolle as catorce colaboracións que, baixo o título “Verbas de chumbo” publicou no xornal A Nosa Terra dende o desterro de Badaxoz.
Fonte: Museo de Pontevedra
Correccións de Castelao ás galeradas do libro I, capítulo V.
O Museo de Pontevedra conserva en depósito o manuscrito Co pensamento en Galiza, que contén o “Adro” e os tres primeiros libros de Sempre en Galiza. O manuscrito estivo nas mans de Rodolfo Prada ata a súa morte, e foi entregado ao Museo de Pontevedra polos seus herdeiros.
Fonte: Museo de Pontevedra
Co gallo do Día das Letras Galegas de 1971, o Centro Galego de Buenos Aires, o Instituto Argentino de la Cultura Gallega e Ediciones Galicia editaban a versión en castelán de Sempre en Galiza e Pensamento e sementeira de Antón Vilar Ponte. A tradución publicouse de maneira anónima e foi celebrada na páxinas do número 579 de Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires (maio-xuño de 1971).
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
O académico correspondente Craig Patterson é o responsable de Forever in Galicia, a tradución ao inglés publicada por Francis Boutle Publishers en 2016. Patterson contextualiza e anota a obra coa ollada posta nos lectores de fala inglesa que descoñecen a historia de Galicia.
Na web da editora apuntan que Sempre en Galiza “é o relato máis extenso da identidade galega xamais escrito, un texto idiosincrático que abrangue e erosiona os xéneros tradicionais da memoria, o tratado político, o ensaio histórico e a análise revisionista”.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Edición crítica de Sempre en Galiza publicada en 1992 polo Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. Esta obra, coordinada por Ramón Máiz e na que colaboraron Justo Beramendi, Xulio Cabrera, Xavier Castro, Iris Cochón, Francisco Dubert, Alfonso Mato, Henrique Monteagudo, Xan Moreno e Ramón Villares, constitúe o estudo máis demorado do libro e dos diferentes manuscritos de Castelao. A segunda edición apareceu no ano 2000.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Cabeceira do programa de radio Sempre en Galicia, fundado en Montevideo. Manuel Meilán, amigo persoal de Castelao, membro do partido galeguista e do Consello de Galiza, funda, dirixe e locuta, primeiro en Radio Carve e despois en Radio Oriental, este programa, o máis veterano da radiodifusión galega, integramente en galego durante máis de corenta anos. A súa primeira emisión foi o 3 de setembro do ano 1950 e segue a emitirse a día de hoxe.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
Este libro é unha obra esencial na cultura política galega do século XX. Publicado en Buenos Aires en 1944, converteuse decontado nun referente para o galeguismo do exilio e tamén do interior, onde foi lido de modo fragmentario ata a súa difusión masiva nos anos setenta do século pasado. Escrito por Castelao “para escorrentar a morriña” de home desterrado ou exiliado, en realidade é un testamento no que deixa constancia da loita política e cultural da súa xeración, galeguista e republicana.
De carácter heteroxéneo, dada a diversidade de contextos políticos nos que foi escrito, os contidos de Sempre en Galiza son coma un río polo que corren as augas do pensamento galeguista, desde os provincialistas e rexionalistas ata os seus coetáneos nacionalistas da xeración Nós que, como Risco ou Otero Pedrayo, fixeran contributos esenciais para interpretar Galicia como realidade nacional.
Pero a diferenza dos seus compañeiros, Castelao unifica a análise do “ser nacional de Galicia”, fundado en fortes trazos etnoculturais (terra, lingua, tradición), coa aposta de integrar a política galega no conxunto de España e mesmo da Iberia, dada a súa apelación constante a Portugal, mediante a fórmula dunha república federal española ou ibérica.
Trátase dunha obra que segue viva despois de tantos anos porque narra a experiencia do autor como líder do galeguismo na II República, na guerra civil e no exilio e porque ofrece un futuro de esperanza para as xeracións futuras, mesmo a través do seu Alba de Gloria, discurso co que se cerra a segunda edición de 1961.
Ramón Villares
Académico numerario da RAG