Galicia enteira celebra as Letras Galegas de don Paco

Asociacións veciñais, colectivos culturais, escolas, empresas e institucións de distinta natureza adiantaron á semana previa ao Día das Letras Galegas 2023 as programacións previstas co gallo desta conmemoración, que se estenderán por todo o país nos vindeiros días na memoria de Francisco Fernández del Riego. Xunto á programación central, que se desenvolverá o 17 de maio na súa localidade natal, Lourenzá, a Rede é tamén un espazo de divulgación do autor homenaxeado con contidos como a serie documental O que nunca se rendeu e a páxina web infantil primaveradasletras.gal da Real Academia Galega.

Cartel das Letras Galegas 2023 da Deputación de Pontevedra

A Facultade de Dereito da Universidade de Vigo celebrou o pasado xoves unha xornada dedicada a Francisco Fernández del Riego na que se anunciaron as persoas gañadoras do II Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luís Franco Grande, a Universidade da Coruña dedicoulle o mesmo día un concerto de Antía Muíño, a Deputación de Pontevedra escolleu o 13 de maio para o seu acto principal, que contou coa participación de Fina Casalderrey en representación da RAG, e o tamén académico Henrique Monteagudo impartirá o luns 15 de maio no Ateneo de Santiago de Compostela unha conferencia sobre o homenaxeado. Tamén o 15 de maio, a Universidade de Vigo celebrará o seu acto central das Letras Galegas, mentres que o da Universidade de Santiago de Compostela se desenvolverá na véspera do 17. Ese mesmo serán o Consello da Cultura Galega convida ao Concerto das Letras no teatro Afundación de Vigo, na véspera dos actos centrais que acollerá Lourenzá.

Os concellos de toda Galicia desenvolven tamén estes días moreas de actividades arredor da lingua e da cultura galegas para todos os públicos. A Semana das Letras no da Coruña esténdese do 12 ao 19 de maio, con paseos guiados por Xurxo Souto, concertos de Moura, Sés ou Abraham Cupeiro, entrevistas abertas a Emma Lustres, Jorge Coira, a propia Sés, Yolanda Castaño e María Yáñez, e obradoiros para o público infantil, entre outras iniciativas.

O Concello de Pontevedra promove un ano máis o certame Música nas Letras e prevé igualmente un completo calendario de actividades no marco do programa Maio, mes da lingua! No Barco de Valdeorras este luns 15 de maio o académico correspondente Ramón Nicolás participará ás 20:00 horas nun coloquio canda o historiador Ricardo Gurriarán no que se incidirá na relación de don Paco co homenaxeado das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán.

As exposicións sobre o protagonista deste 17 de maio, coma en edicións anteriores, repítense tamén por toda a xeografía galega. O Museo de Arte Sacra de Lourenzá é a primeira parada da mostra central que promove a Xunta de Galicia e produce a editorial Galaxia coa colaboración da Real Academia Galega e a Fundación Penzol. A institución cultural viguesa que don Paco dirixiu durante catro décadas inaugurou na biblioteca municipal de Nigrán outra mostra sobre o intelectual, co apoio do concello onde o autor veraneou durante moitos anos, e a Biblioteca de Galicia acolle no seu vestíbulo unha mostra bibliográfica que dá conta da prolífica actividade cultural de Fernández del Riego.