A Real Academia Galega, o Concello de Lourenzá, a Mesa Coordinadora don Paco, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia colaboran no cartel de actividades que se desenvolverán co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao veciño máis ilustre deste municipio lugués, onde naceu e medrou.
A banda de música de Lourenzá animará o ambiente nas rúas da vila a partir das 10 da mañá. Ás 12:30 horas dará comezo no centro de usos múltiples Ponte de Cuñas a sesión extraordinaria e pública da Real Academia Galega. A entrada é libre ata completar a capacidade do recinto. O acto poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal.
As intervencións académicas correrán a cargo de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado. A música correrá a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá) e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo).
Xesús Alonso Montero afondará na súa intervención nun episodio que ilustra o importante papel que Francisco Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Francisco Díaz-Fierros Viqueira centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Margarita Ledo Andión abordará a relación que don Paco, prolífico articulista dende os anos 30 do século pasado, mantivo cos medios de comunicación, consciente da importancia da prensa como esfera pública. Pechará o acto o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
Previamente, ás 11 horas, a praza do Conde Santo acollerá o acto institucional da Xunta de Galicia, que contará coa actuación musical de Luar na Lubre.
A partir das 15:00 horas, o campo do Mosteiro será escenario dun xantar popular no que tamén participarán os membros da RAG. Neste mesmo lugar, a tarde continuará cunha actuación da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez. Ás 19:00 horas dará comezo o concerto de Treixadura que lle porá o ramo á celebración.
Alén da programación central do 17 de maio, Galicia enteira celebra estes días a gran festa da cultura de noso. Asociacións veciñais, colectivos culturais, escolas, empresas e institucións de distinta natureza adiantaron á semana previa ao Día das Letras Galegas 2023 as programacións previstas co gallo desta conmemoración, que se estenderán por todo o país nos vindeiros días na memoria de Francisco Fernández del Riego.