A Universidade de Vigo lembra a Fernández del Riego e resolve o Premio Xosé Luís Franco Grande

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo acolleu este xoves a xornada As Letras Galegas e o dereito, un programa no que se lembrou a figura de Francisco Fernández del Riego, protagonista do vindeiro 17 de maio, e se anunciaron os traballos gañadores do II Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luís Franco Grande, instaurado na memoria do tamén académico e amigo do intelectual ao que a RAG homenaxea este ano.
 

Un momento da xornada. Fonte: UVigo

Tras a inauguración do encontro por parte do decano do centro, Francisco Torres, o presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, trazou un percorrido pola vida de Del Riego. Don Paco licenciouse en Dereito e era profesor axudante desta carreira en Santiago no momento en que comezou o conflito bélico. Tras ser apartado da docencia polos golpistas, refixo a vida en Vigo, onde foi un dos fundadores da editorial, unha empresa fundamental na reconstrución do galeguismo na posguerra.
O coordinador de normalización lingüística da facultade, Xosé Manuel Pacho Blanco, ofreceu outro relatorio, titulado Tribulacións e extravíos de Curros Enríquez co dereito, no que explicou a relación do autor do Rexurdimento con esta disciplina dende a etapa de estudante ata o proceso seguido contra el pola publicación de Aires da miña terra.

A xornada rematou coa resolución do II Premio xurídico de investigación en lingua galega que leva o nome de Xosé Luís Franco Grande, outra voz destacada das letras galegas da segunda metade do século XX. O académico foi tamén xurista de formación e profesión, estivo estreitamente vinculado a Galaxia e escribiu unha biografía de don Paco en vida, Francisco Fernández del Riego: galeguista de acción e cultura (Ir Indo,2000), reeditada este ano cunha achega engadida de Anxo Rajó.

Os galardóns recaeron en catro traballos realizados por estudantes das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Na modalidade A (estudantado de calquera grao ou mestrado de Galicia e do Estado), outorgouse o premio, ex aequo, a dous traballos das alumnas da USC Andrea Díaz Villares e Andrea Rey Castro. Andrea Díaz Villares concorreu ao premio coa investigación titulada A protección no traballo ás persoas que informen sobre infraccións de Dereito da Unión Europea e Andrea Rey Castro con O afundimento do Prestige: a distribución de competencias nas materias de mariña mercante e protección civil e a omisión da mesma na sentenza da Audiencia Provincial núm. 2641/2013, de 13 de novembro.

Na modalidade B, específica para o alumnado da UVigo, decidiuse tamén entregar dous galardóns ex aequo: un a Ana María Aído, estudante do mestrado da Avogacía, polo traballo Inventores artificiais. Un novo reto para o Dereito de patentes; e outro a Xurxo Rodríguez, do grao en Dereito, por Terrorismo e dereitos fundamentais.