Nestes anos tivo lugar a publicación dalgunhas das súas obras máis celebradas: Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926) e o Segundo libro de Cousas (1929). Tamén foi entón cando realizou a parte máis significativa do seu labor ilustrador, tanto no deseño de revistas e xornais coma na ilustración de libros. Un dos resultados da súa crecente popularidade foi o ingreso no Seminario de Estudos Galegos en maio de 1924.
Ao longo de todo este tempo a súa vida transcorreu en Pontevedra acompañado da familia. Mais en xaneiro de 1928 acontece a desgraza da morte de Alfonso, o único fillo do matrimonio. Moi apesarado, Castelao reduce drasticamente o labor creativo durante ese ano. Xa no ano seguinte pasa catro meses na Bretaña acompañado de Virxinia para estudar os cruceiros bretóns, grazas á concesión dunha bolsa pola Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones.
Verbo do activismo político, o inicio deste período coincide coa esgazadura das Irmandades da Fala e coa integración de Castelao na Irmandade Nazonalista Galega dirixida por Vicente Risco. Con todo, a imposición da ditadura militar do xeneral Miguel Primo de Rivera en setembro de 1923 e a represión e censura que dela se derivaron, puxeron fin á actividade política do galeguismo. Só co remate da ditadura en xaneiro de 1930 foi posible empezar de novo a organización do movemento galeguista, e dende entón Castelao retoma a militancia nacionalista, primeiro en Labor Galeguista de Pontevedra e logo no Grupo Nazonalista Galego da mesma cidade.
A pesar das limitacións impostas pola ditadura, a presenza de Castelao na prensa foi constante durante toda a década de 1920 mediante a publicación de debuxos, de artigos e de textos literarios. Aquí mostramos algunhas desas contribucións que están accesibles na Real Academia Galega.
O primeiro número de La Zarpa saíu á rúa o 27 de xuño de 1921. Fundado polo crego Basilio Álvarez e editado en Ourense, este xornal era o voceiro do movemento agrarista que loitaba pola redención dos foros. En La Zarpa Castelao publicou debuxos e algún texto e tamén deseñou a cabeceira de seccións fixas do xornal. A colaboración con este periódico comezou en 1922, aínda que a súa relación coa loita redencionista e anticaciquil do agrarismo viña xa dos tempos da mocidade.
Na imaxe vemos a cabeceira da sección “Movimiento agrario” que el deseñou.
Fonte: La Zarpa (Ourense), n.º 509, 22/III/1923
A súa ideoloxía nacionalista e o compromiso coa promoción da lingua galega lévao a colaborar con aquelas publicacións que defenden os valores do galeguismo. Para a revista infantil As Roladas deseña en 1922 o título da cabeceira e tamén contribúe con dous debuxos de nenos para o primeiro número. A revista estaba escrita integramente en galego, a pesar de que se editaba en Madrid, e tiña como obxectivo fomentar na infancia o amor por Galicia e pola súa cultura. Dela unicamente apareceron dous números.
Fonte: As Roladas (Madrid), n.º 1, maio de 1922
O 25 de xullo de 1922 nace o xornal Galicia de Vigo que estaba dirixido polo seu amigo Valentín Paz-Andrade. Ademais de deseñar para o periódico a súa famosa cabeceira, Castelao publica aquí ao redor de seiscentos debuxos que saían diariamente, case sempre na primeira páxina. Nel tamén deu a coñecer varios textos breves, algúns dos cales posteriormente se recollerían nos seus libros de relatos. A censura á que estaba sometida a prensa pola ditadura militar impediu que aparecesen outros dos destinados a saír neste xornal vigués.
Fonte: Galicia (Vigo), n.º 1, 25/VII/1922 (esquerda); Galicia (Vigo), n.º 582, 10/VIII/1924 (dereita)
Durante a primeira metade da década de 1920 é frecuente encontrar a pegada do artista rianxeiro nas páxinas de revistas e xornais publicados dentro e fóra de Galicia. El seguía a colaborar co xornal madrileño El Sol e con El Ideal Gallego da Coruña. En terras americanas o público galego coñecía ben o nome de Castelao grazas a que estaba presente en varias publicacións, entre elas o Eco de Galicia da Habana e o Heraldo Gallego de Buenos Aires, aínda que case sempre se trataba de debuxos e textos xa aparecidos en Galicia. Novas revistas nadas nestes anos incorporan igualmente mostras da súa arte.
Fonte: Marineda (A Coruña), n.º 1, 18/VIII/1922 (esquerda); Revista de Casa América-Galicia (A Coruña), n.º 31, agosto de 1923 (centro); Ronsel (Lugo), n.º 3, xullo de 1924 (dereita)
En 1922 as Irmandades da Fala escíndense nun grupo favorable á participación na contenda electoral e noutro que primaba o labor cultural como medio de crear no país unha conciencia galeguista. El pertence a este segundo grupo, que axiña creará unha nova organización: a Irmandade Nazonalista Galega, liderada por Vicente Risco. Como consecuencia desta escisión vai deixar de colaborar por varios anos n’A Nosa Terra, convertida no portavoz do primeiro grupo. Participa entón na revista Rexurdimento, voceiro da ING, cun artigo sobre unha realidade que era obxecto constante das súas críticas: o caciquismo.
Fonte: Rexurdimento (Betanzos), febreiro de 1923
O Seminario de Estudos Galegos fúndase no mes de outubro de 1923 e Castelao intégrase nel o 4 de maio de 1924. Ingresa na institución, no local compostelán do Seminario, cun discurso acerca do “novo espírito” na arte, coincidindo coa inauguración en Santiago da exposición de debuxos do álbum Nós e de varias acuarelas. Anos máis tarde será nomeado director da Sección de Arte e Literatura do Seminario e formará parte da comisión organizadora do seu museo etnográfico e arqueolóxico.
Nesta fotografía de 1926 aparecida na revista Nós podémolo ver na compañía doutros membros do Seminario.
Fonte: Nós (Ourense), n.º 32, 15/VIII/1926
Mais non todo era traballo. Tamén dedicou o seu lecer a coñecer mellor o país. O día 19 de xullo de 1925, acompañado de varios amigos —entre eles o xornalista e escritor estradense Manuel García Barros, Ken Keirades— realiza unha excursión por terras de Boqueixón e visita o Pico Sacro. Coñecemos algúns detalles da visita grazas ao relato que dela deixou García Barros. Os excursionistas alcanzaron o cumio do monte, entraron na cova e visitaron a ermida, dirixíndose despois ao lugar de San Xoán da Cova en Vedra. Na relación da viaxe, García Barros recolle dúas anécdotas contadas por Castelao que nos fan lembrar o tema do conto “O retrato".
Fonte: Eco de Galicia (A Habana), n.º 303, 25/X/1925
Castelao non podía estar ausente dunha publicación como Céltiga, importante revista cultural galega que viu a luz en Buenos Aires no mes de setembro de 1924 e onde colaboraron outros galeguistas. Aínda que nas súas páxinas apareceron debuxos e textos del que xa se publicaran antes na prensa galega, tamén é posible descubrir en Céltiga algunhas contribucións inéditas. Como podemos observar nunha das imaxes que presentamos aquí, a colaboración do rianxeiro anúnciase en decembro de 1925 no número 24 da revista.
Fonte: Céltiga (Buenos Aires), n.º 24, 25/XII/1925 (esquerda); Céltiga (Buenos Aires), n.º 37-38, 25/VII/1926 (centro); Céltiga (Buenos Aires), n.º 40, 25/VIII/1926 (dereita)
Foi en 1922 cando se publicou a súa primeira obra literaria, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Catro anos despois saíu do prelo a segunda, Cousas, e con ela consolidábase un orixinal xénero literario que combinaba a escrita coa ilustración. Esta obra tivo a súa continuación no Segundo libro de Cousas, aparecido en 1929. Na prensa da época podemos ler varios comentarios que son testemuño da favorable acollida que tiveron estas tres obras, principalmente entre os círculos galeguistas.
Fonte: Galicia (Vigo), n.º 78, 22/X/1922 (dereita); A Nosa Terra (A Coruña), n.º 221, 1/II/1926 (centro); Nós (Ourense), n.º 66, 15/VI/1929 (dereita)
Cando cesou a publicación de Galicia, en setembro de 1926, el comezou a colaborar noutros dous xornais vigueses, El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. Tamén nas páxinas d’A Nosa Terra seguían aparecendo debuxos del xa publicados antes, a pesar de que a escisión no seo das Irmandades da Fala provocara a interrupción da súa colaboración coa histórica cabeceira galeguista. O certo é que, nestes anos de intensa creatividade, o nome e a obra de Castelao estiveron presentes en moitas revistas. Aquí presentamos algunhas mostras aparecidas en cabeceiras menos coñecidas.
Fonte: Hogar Gallego (Buenos Aires), n.º 37, 31/XII/1924 (esquerda); Galicia industrial y comercial (A Coruña), n.º 1, abril de 1926 (centro); Terra (Santiago de Compostela), n.º 1, 1/III/1927 (dereita)
O resultado máis salientable da súa estadía en terras armoricanas no ano 1929 foi a monografía As cruces de pedra na Bretaña que publicou o Seminario de Estudos Galegos en 1930. Porén, el tamén se interesou por outros aspectos da cultura popular bretoa, principalmente polas tradicións de temática xacobea existentes naquel país. A revista Nós acolleu dous artigos seus onde presentaba algunhas lendas bretoas relativas a Santiago e estudaba a iconografía das representacións populares do santo. A herdanza céltica e a existencia desas tradicións xacobeas eran os principais argumentos que lle permitían falar de Galicia e de Bretaña como de dúas “terras irmáns”.
Fonte: Nós (Ourense), n.º 67, 25/VII/1929 (esquerda); Nós (Ourense), n.º 79, 25/VII/1930 (dereita)
En xaneiro de 1930 chega á súa fin a ditadura de Miguel Primo de Rivera e nos meses seguintes o nacionalismo galego empeza a recuperar a actividade política. Xorden así grupos galeguistas en varias localidades do país. Ese mesmo ano, o Grupo Autonomista Galego de Vigo organiza un acto no Teatro García Barbón e despois un xantar para celebrar o Día de Galicia. Nesta celebración intervén Castelao cunha disertación sobre “O galeguismo no arte” que despois sería publicada na revista Nós. A partir de 1930 intensifícase a súa actividade pública como figura política do nacionalismo, especialmente durante os anos da II República.
Estas fotografías amosan a súa participación no acto de Vigo en 1930.
Fonte: Vida Gallega (Vigo), n.º 457, 10/VIII/1930 (esquerda); Nós (Ourense), n.º 80, 15/VIII/1930 (dereita)
Poucos meses antes da proclamación da II República aparece, en xaneiro de 1931, a revista Logos. Era a primeira publicación relixiosa escrita integramente en galego e para a cuberta deseña unha ilustración que se axeita ben ao ideario deste boletín católico galeguista: a imaxe da estatua do profeta Daniel existente no Pórtico da Gloria. Del son tamén as letras capitais e os colofóns que adornan os artigos da revista. Esas pequenas decoracións resultan de grande interese, pois nelas achamos varios motivos cheos de simbolismo: monumentos megalíticos, cálices, dragóns ou cunchas de vieira. Castelao empregara por primeira vez estes deseños en 1926 para ilustrar o libro de Ramón Cabanillas Na noite estrelecida.
Fonte: Logos (Pontevedra), n.º 10, outubro de 1931 (esquerda); Logos (Pontevedra), n.º 22, outubro de 1932 (dereita)