A web Primavera das Letras naceu no ano 2016, coa celebración das Letras Galegas de Manuel María, e dende entón a súa audiencia medra ano a ano. Pero en pleno confinamento e coas escolas pechadas, reforzouse como espazo de referencia para o público infantil, cun incremento dende comezos de maio, con respecto ao mesmo período do ano anterior, por riba do 185% no número de usuarios e do 102% nas páxinas vistas, unhas 85.000 nos once primeiros días do mes. Materiais para colorear para os nenos e nenas de menor idade, contidos descargables –tamén con ilustracións orixinais– sobre a vida, a obra de creación literaria de Carvalho Calero ou o seu labor como filólogo son parte dunha oferta que se completa con propostas interactivas centradas na súa paixón polo teatro e a ópera, a súa poesía ou espazos vitais do autor como Ferrol e Lugo. Os contidos desta edición elabóranse co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
Micropezas audiovisuais e entrevistas con máis vagar
A sección das Letras Galegas de academia.gal é a fiestra dende a cal a RAG reúne diversos contidos dirixidos a un público de máis idade, dende o xuvenil ao adulto. O espazo acubilla a serie de micropezas audiovisuais Unha palabra para don Ricardo, onde cada participante –membros da RAG e personalidades que trataron e estudaron a Carvalho Calero como Araceli Herrero, Pilar García Negro ou José Luís Rodríguez– elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente. Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador ou independente son algúns dos termos a través dos cales van debuxando un retrato colectivo que inclúe nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia do autor. "Son intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos", salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, que realizará unha achega especial o propio 17 de maio.
A RAG tamén está a darlle ao longo deste mes a palabra a distintas voces cunha serie de entrevistas que pretenden abordar con máis vagar e profundidade os perfís literarios do autor. A poeta Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019, define nunha delas a poética de Carvalho Calero como "catarse"; a crítica literaria Carmen Blanco, autora de Conversas con Carballo Calero, coincide ao destacar a calidade especial dos seus versos; a tamén investigadora Dolores Vilavedra profunda na súa narrativa e valora a novela Scórpio (1987) como unha maquinaria perfectamente engraxada; e a experta en teatro Laura Tato afondará nos vindeiros días no teatro carvalhiano. Baixo a mesma lapela, a RAG recolle outros testemuños como o de Asunción Fernández, filla do fundador do Colexio Fingoi, o empresario galeguista Antonio Fernández, e actual directora deste centro, que tivo como primeiro responsable a Carvalho Calero (1950-1965). "Introducía a lingua a través das obras literarias que liamos, e estudabamos autores coma Castelao, Rosalía ou Otero Pedrayo", recorda quen foi tamén alumna de don Ricardo.
As palabras de Carvalho Calero
O Portal das Palabras, a web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ofrece outro xeito de se achegar á figura de Carvalho Calero. Esta semana dedícalle as sete entradas da sección A Palabra do Día e pechará a miniserie de setestrelos sobre a súa obra de ficción cun contido centrado na narrativa que se suma aos xa publicados sobre a poesía e a produción teatral. A confusión entre esgrevio e egrexio, ao que o autor lle dedicou un artigo, e outras curiosidades léxicas, como os apelidos de protagonistas das Letras Galegas con raíces na natureza, completan os contidos especiais das Letras Galegas 2020 desta web, que tamén está a experimentar un importante incremento no número de visitas, case un 90% máis dende que comezou o confinamento.
As Letras continúan no outono
A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do 17 de maio o vindeiro 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario de Ricardo Carvalho Calero e agardando que para aquela data as circunstancias sexan máis propicias. A cita mantense no teatro Jofre de Ferrol, cidade onde o homenaxeado naceu en 1910.
Como é costume, o outono tamén será o tempo do Simposio das Letras Galegas, onde se recollerán distintas achegas de carácter científico arredor da figura e do herdo intelectual do autor. A RAG prevé rematar o ano cunha coidada edición da correspondencia cruzada entre Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo, realizada en colaboración co Parlamento de Galicia, a Fundación Penzol e a Fundación Otero Pedrayo. Recollerá máis de 180 cartas editadas e anotadas por Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez, acompañadas dun ensaio introdutivo de Henrique Monteagudo e dun epílogo de Xesús Alonso Montero.
O pleno da Real Academia Galega acordou o ano pasado dedicarlle o Día das Letras Galegas 2020 a Ricardo Carvalho Calero. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.
No ámbito académico, no seu legado destaca a Historia da literatura galega contemporánea (1963) e a Gramática elemental del gallego común (1966), manuais imprescindibles para varias xeracións de estudantes de lingua e literatura galegas. Na creación literaria, Carvalho Calero sentiuse ante todo poeta. O seu primeiro poemario en galego, Vieiros, saíu do prelo en 1931 e o último, Reticências… (1986-1989) veu a lume postumamente, en 1990. Foi tamén autor de obras teatrais e como narrador asinou, entre outras pezas, a primeira novela en galego da posguerra, A xente da Barreira (1951), gañadora do premio convocado por Bibliófilos Gallegos, e a novela Scórpio, Premio da Crítica de 1987.