Como narrador de ficción, Carballo Calero é especialmente coñecido pola novela Scórpio (1987), pero tapou quizais o seu perfil de filólogo o de creador?
Si, e o seu caso é algo relativamente frecuente na historia da arte. Por exemplo, Celso Emilio Ferreiro é o poeta de Longa noite de pedra, que escureceu o resto da súa obra poética por máis que escribise outros títulos moi interesantes como O soño sulagado ou Onde o mundo se chama Celanova. Isto mesmo creo que foi o que lle pasou a Ricardo Carballo Calero coa Historia da literatura galega contemporánea (1963). É unha obra impresionante, única no seu xeito e moi lonxeva, porque realmente na historia da cultura galega non hai ningún traballo semellante, e isto escureceu o resto da súa produción.
Como creador literario a súa traxectoria foi ademais interrompida, iso tampouco debeu de axudar. A xente da Barreira foi escrita nos anos 40 do século pasado, igual que os seu relatos breves ou O lar de Clara, e hai que agardar ata os anos 80 para Os amores serodios e Scórpio.
Hai unha primeira etapa, a de antes da guerra civil, en que Carballo Calero parece situarse como poeta, pero na posguerra, unha vez sae do cárcere, como represaliado ten que traballar todas as horas do día dando clases en academias para gañar a vida e apenas ten tempo para dedicarse á creación literaria. É a época en que escribe A xente da Barreira e pouco máis. Séguelle outra etapa, a de Fingoi, en que estará de novo moi atafegado coa tese e a Historia da literatura galega contemporánea, e despois pasará o mesmo coas obrigas que terá como profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Hai, polo tanto, na súa traxectoria unha etapa moi longa en que por motivos persoais e profesionais non poderá centrarse moito na creación literaria. Terá que agardar ao final da vida para reencontrarse coa escritura puramente creativa. Isto quizais non axudou a súa proxección como escritor literario, pero creo que el mesmo tampouco se promocionou moito como tal, quizais porque estivo moi centrado na escritura académica. Malia ser esta, moitas veces, un traballo de encarga, coido que dalgunha maneira Ricardo Carballo Calero atopou no ensaio de crítica literaria o seu espazo, un espazo discursivo e tamén estilístico, porque a súa prosa ensaística é moi orixinal. Creo que soubo encarreirar nela moito do seu pulo creativo. Para min o gran Carballo Calero é, de feito, o ensaísta literario.
El mesmo merece un lugar destacado na historia da literatura do século XX que tanto estudou, como autor da primeira novela galega da posguerra, A xente da Barreira, gañadora do premio convocado por Bibliófilos Gallegos en 1950 e publicada un ano despois. Que significou no seu momento este libro?
A convocatoria do premio foi, obviamente naquela época, bilingüe, cunha concorrencia masiva de textos en castelán. El presentou A xente da Barreira, animado polo círculo galeguista, a partir dunha serie de textos escritos algúns anos antes. Coido que había unha vontade tácita do xurado de premiar un texto en galego, porque era un xesto que permitía visibilizar na posguerra unha posible narrativa en galego. A publicación desta novela tivo nese sentido un significado político-cultural importante. Como obra coido que é máis de peche de ciclo creativo ca de inicio dun novo, é filla da primeira metade de século. Polo ambiente e as preocupacións que aborda é unha obra algo oteriana, céntrase nunha Galicia rendeira que ten xa pouca cabida no novo escenario que se albisca.
Na mesma época tamén escribiu os relatos que recompilou moito tempo despois en Narrativa Completa (1984). Aí están "As pitas baixo a chúvia" ou "A cigoña", con protagonistas infantís e ao mesmo tempo moi distintos entre si e do resto da súa obra.
Si, son contos que apuntan un narrador moi interesante. "A cigoña" é moi duro, recorda os narradores nórdicos, e n'As pitas baixo a chúvia advírtense reminiscencias da súa infancia. Nestes relatos apréciase que tiña a capacidade de pulsar distintos rexistros. Seguramente estaba a experimentar case a modo de divertimento intelectual, en forma de relatos porque non tiña tempo para máis, dáme esa impresión.
Narrativa Completa inclúe, tamén dos mesmos anos, O lar de Clara, unha novela breve de claro ton autobiográfico.
Moita da narrativa máis interesante de Carballo Calero aliméntase do autobiográfico. O lar de Clara é outro exemplo de como Carballo Calero experimenta buscando unha voz, nunha obra que é tamén puro desafogo emocional. Evoca a súa infancia, unha nenez complicada, porque pasou de vivir acomodadamente a perder a nai.
A súa biografía persoal volve deixarse ver na súa novela cimeira, Scórpio (1987), desta volta cunha historia da xeración represaliada tras o golpe de Estado de 1936. A obra recibiu o Premio da Crítica de narrativa galega. Deulle o recoñecemento como narrador de ficción do que ata o momento non gozara?
En Scórpio centrouse na guerra civil e esta foi, de feito, das primeiras novelas en galego dedicadas a ese conflito. Ten ese atractivo engadido, toca un tema moi ausente xusto nun momento en que a sociedade xa está disposta a falar del. Coido que o recoñecemento do que gozou Scórpio se viu alimentado tanto por este feito como polo prestixio intelectual do que gozaba Carballo Calero. Alén dos debates reintegracionistas nos que estaba inmerso, era unha figura senlleira. Non hai que esquecer que para todas as persoas que estudabamos Filoloxía, a súa Historia da literatura galega contemporánea era a Biblia.
Alén da orixinalidade no seu momento do tema que aborda, a historia de Rafael Martínez Pinheiro Scórpio chama tamén a atención pola súa estrutura polifónica, artellada a través de case corenta voces de homes e mulleres que relatan a vida do protagonista.
Si, sorpréndeme o ben que Carballo Calero resolve a historia cunha estrutura tan complexa, demostra que é un escritor moi maduro. A progresión no relato, o ritmo... Constrúe unha maquinaria, un artefacto narrativo perfectamente engraxado, funciona coma un reloxo, cada peza está no seu sitio. Tendo en conta a súa anterior novela, A xente da Barreira, poderiamos agardar quizais un produto máis clásico na súa factura formal, pero Carballo Calero sorpréndenos en Scórpio cunha novela dende o punto de vista construtivo moi sofisticada. Pódese falar ademais doutro diálogo tácito, o que establece a obra, o autor, con todas esoutras voces literarias que comezan a escribir sobre a guerra civil. Nese momento é cando o tema se canoniza e se pon de moda grazas aos Premios Xerais, con títulos como O bosque das Antas (1988) de Xosé Fernández Naval ou Agosto do 36 (1991) de Xosé Fernández Ferreiro.
Que pegada deixou Carballo Calero nas letras posteriores como novelista?
Coido que a súa pegada quedou limitada por distintas razóns. Como xa dixen, creo que non se reivindicou moito como creador literario, se se reivindicase como narrador como si fixo como poeta sería outra cousa, pero el mesmo non puxo o foco demasiado nesa parte da súa obra. Tamén é certo que Scórpio chegou tarde, porque pouco despois da súa publicación, en 1990, morreu. Quizais o percorrido desta obra tamén se viu afectado porque os seus modelos de muller non encaixan ben coa sensibilidade actual. Dito isto, é unha mágoa que a traxectoria como narrador de Carballo Calero non puidese continuar, coido que se vivise máis tería escrito grandes novelas.