Fotogalería Museo
A Colección de Arte e Obxectos Históricos da Real Academia Galega existe desde os inicios da institución. Naceu moi vencellada á vocación investigadora do pasado de Galicia, un dos principais obxectivos da Academia segundo os seus propios Estatutos. Os diferentes custodios da colección da Academia, ao longo de máis dun século, tiveron a misión de investigar, conservar e dar a coñecer unha serie de obras de arte, pezas arqueolóxicas e obxectos representativos da cultura galega.
Busto de Eduardo Pondal realizado por Fernando Cortés Bugía, peza en xeso que serviu de modelo para a elaboración do busto do poeta situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña (1925), culminación dun proxecto iniciado por Manuel Lugrís Freire en 1919, co obxectivo de honrar a figura do Bardo de Ponteceso. Real Academia Galega. Museo
A colección formouse mediante as doazóns dos propios académicos, dos investigadores e mesmo dos autores, pero tamén pola contribución de persoas a título privado tanto da terra coma da diáspora. Perante a ausencia de institucións culturais propias, a sociedade civil galega brindoulle á Real Academia Galega unha colección de obxectos artísticos e arqueolóxicos ca intención de conservalos, investigalos e dalos a coñecer. Os académicos asumiron con grande ambición a misión encomendada, malia as modestas instalacións da sede da Academia, primeiro nun piso da rúa Rego de Auga da Coruña e logo nun espazo prestado na casa consistorial coruñesa. Desde un primeiro momento, a Executiva académica outorgoulle a esta colección categoría de Museo.
Primeira páxina do inventario do Museo da Academia Galega. Obsérvese a ausencia do título de Real; corría o ano 1932, o inicio da II República Española, era un tempo de cambios que implicaban unha reorganización interna, empezando polo máis básico como a realización de novos inventarios sen o título de Real. Real Academia Galega. Arquivo
Esta fotografía recolle a visita de Wenceslao Fernández Flórez á Academia o 30 de xuño de 1949. Nela podemos enxergar as instalacións da Academia no pazo municipal coruñés, compostas unicamente por dúas estancias. A primeira era onde se recibían as visitas, e que tamén servía de improvisada sala de exposicións, aínda que tal e como se aproveitaba o espazo deberiamos falar máis de almacén. En apenas uns metros de parede damos conta das pinturas O desembarco de Colón de Dióscoro de la Puebla (1862) e Costas galegas de Francisco Lloréns (1874), ambas deixadas en depósito na Academia en 1921 polo Museo do Prado. Entre estas pezas de grandes dimensións atopamos Trala choiva de Antonio Suau e A fonte da fábrica de mistos de Germán Taibo (1918). Tras Wenceslao Fernández Flórez e os académicos vemos de inmediato a porta que comunicaba co segundo espazo, dedicado a depósito da Biblioteca e sala de lectura.
Visita de Wenceslao Fernández Flórez á Academia (1949). Real Academia Galega. Arquivo
A colección na actualidade segue medrando. Componse de máis de dous milleiros de referencias. Existe unha sección puramente artística, integrada por varias ducias de pinturas, centos de debuxos e un modesto número de esculturas. Hai tamén pezas arqueolóxicas, proba da preocupación que tiña desde os seus inicios a entidade polo estudo da prehistoria de Galicia.
Pintura de Luz Pozo Garza, onde a poeta de Ribadeo e académica de número lle rende homenaxe a Luis Seoane. Real Academia Galega. Museo
Ademais destas grandes seccións, a colección complétase cun bo número de mapas, carteis, bandeiras e obxectos curiosos de todo tipo chegados ao longo de 120 anos de vida da institución.
Gravado pertencente a obra Piscium vivae icones in aes incisae et aedite ab Adriano Collardo do século XVI, da colección do académico fundador José Ojea Otero, doada polos seus descendentes en 2014. Real Academia Galega. Museo
Un dos poucos exemplares montados que existen da Carta Xeométrica de Galicia, primeiro mapa realizado no Imperio Español mediante medicións matemáticas, obra de Domingo Fontán. Real Academia Galega. Museo
Malia as vicisitudes ás que se enfrontou a Academia nalgúns momentos da súa existencia e malia non ter un espazo expositivo propio, os seus fondos artísticos e arqueolóxicos sempre estiveron á disposición da cidadanía e foron mostrados en diversas exposicións, algunhas organizadas pola propia institución, como por exemplo as tituladas Galicia, a forza da palabra: centenario da Real Academia Galega e Saúde e Terra, irmá(n)s!, e moitas outras máis organizadas por infinidade de institucións tanto públicas coma privadas de todo o país e máis aló da nosas fronteiras.


