Académicos e académicas

Eduardo Pondal Abente

Eduardo Pondal Abente

Ponteceso, A Coruña, 08/02/1835 - A Coruña, 08/03/1917

Nado na vila de Ponteceso, na comarca de Bergantiños, o 8 de febreiro de 1835 e finado na cidade da Coruña o 8 de marzo de 1917, Pondal, “o bardo de Bergantiños”, é un dos grandes poetas do noso Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez.

Pertenceu a unha familia de orixe fidalga que se enriqueceu na emigración americana e que, no seu regreso a Galicia, ocupou postos destacados na vida política e económica da comarca bergantiñá. O seu pai, Xoán González Pondal, era comerciante e a súa nai, Anxos Fernanda Abente Chans, deixou orfo os seus fillos ao ano de nacer o noso biografado. Sendo o menor de sete irmáns, formouse nun ambiente de alto poder adquisitivo que, durante e despois dos seus estudos, lle permitiu dedicar toda a vida á escritura, xa que os gastos necesarios para o seu mantemento proviñan das rendas familiares. En 1844 estudou gramática latina na reitoral de Vilela de Nemiña co párroco de Touriñán, Cristóbal de Lago, como era habitual nos rapaces que querían iniciar carreira eclesiástica ou universitaria. A composición “O dolmen de Dombate” é unha boa mostra da influencia que esta etapa de primeiros estudos na terra de Bergantiños causou nel. Durante estes anos, o mozo Pondal xa se preocupou, como lle pasara a Murguía, polos acontecementos históricos que desembocaron co fusilamento en Carral do xeneral Solís, defensor das ideas liberais e progresistas en oposición ao poder centralista e conservador do goberno de Madrid. No ano 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o Bacharelato de Filosofía e, a seguir, de 1854 a 1869, a carreira de Medicina. En Compostela frecuentou os faladoiros literarios do Liceo de la Juventud, situado nos baixos do convento de Santo Agostiño, xunto con Aurelio Aguirre, Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Nesta altura, revelouse como poeta nunha ocasión que pasou á posteridade como Banquete de Conxo: un xantar celebrado o 2 de marzo de 1856, baixo a organización de Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre e o propio Pondal, no que confraterizaron obreiros e estudantes liberais. O poema en castelán “Brindis”, escrito e lido por Pondal nesa ocasión, supúxolle a apertura dun proceso na Audiencia da Coruña, debido ao seu avanzado carácter progresista.

No ano 1857, seguindo os parámetros literarios do poeta portugués Luis Vaz de Camões, apareceron os primeiros versos do poema “Os Eoas”e, ao ano seguinte, viu a luz a primeira versión de “La Campana d’Anllóns”, publicada na edición do 14 de febreiro no xornal pontevedrés El País. Rematou a carreira en 1860 e, un ano despois, opositou ao corpo de Sanidade Militar en Madrid. Porén, pronto comezou o seu desinterese pola carreira que escollera. En 1864, ao pouco de conseguir un posto na fábrica militar de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou definitivamente a profesión médica. O 2 de xullo de 1861, celebráronse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia aos que Pondal concorreu co texto “A campaña d'Anllóns”, o seu primeiro poema en galego, que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad e no que aínda non se encontran pegadas do celtismo. A partir desta época, Pondal retirouse á casa paterna, na que residiu con frecuentes visitas a Compostela e, especialmente, á Coruña, onde participou do faladoiro rexionalista da Cova Céltica, como era coñecido aquel encontro de intelectuais na Librería Regional de Carré Aldao. A tavés de Murguía accedeu ao libro Ossian, barde du IIIè siècle (1867), de James Macpherson, que o levou a afondar no seu convencemento sobre a influencia do mundo céltico en Galicia e, por extensión, na súa lingua. Nestes anos publicou títulos como A fada dos montes, un folleto de 12 páxinas introducida por uns versos endecasílabos de Ariosto, e Rumores de los pinos, que lle deron un eco importante na intelectualidade galega da época pola pureza da súa lingua e a potencia do seu estilo. Os vinte e un poemas en galego e castelán que conforman Rumores de los pinos servíronlle de base para a creación de Queixumes dos pinos, onde recupera as composicións en galego, incluíndo algúns dos poemas en castelán traducidos.

No ano 1888 decidiu marchar a Carballo, onde entrou en contacto coa música da man do compositor Pascual Veiga, que lle solicitou unha letra para unha melodía súa que participaría nun certame coruñés que seleccionaría a mellor Marcha Regional Gallega. Pondal entregoulle “Os pinos”, un poema xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos. Se ben a adaptación dos versos de Pondal á música de Veiga se realizou nesa altura, a presentación en sociedade do himno non tivo lugar ata o 20 de decembro de 1907 nun acto organizado polo dinamizador Xosé Fontenla Leal no Gran Teatro do Centro Galego de La Habana. No ano 1894, Pondal regresou á Coruña onde frecuentou os círculos máis coñecidos desa época, como a Sociedad Cooperativa Militar y Civil ou a Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos. En 1895 editou Uxío Carré O dolmen de Dombate e unha nova versión de La Campana d’Anllons. O relativo éxito das composicións pondalianas estendeuse máis aló das fronteiras de Galicia, non só polo resto de España, senón por Portugal e Francia. Asemade, colaborou con artigos e poemas en diversas publicacións periódicas, en España e en América, como Eco de Galicia, Galicia Diplomática, Galicia Emigrante, La Ilustración Gallega y Asturiana e Revista Gallega.

Durante a última etapa da súa vida viviu constantes ataques depresivos e amosou síntomas de neurose obsesiva. O seu carácter misántropo e hipocondríaco derivou nunha crise, en 1903, que provocou un trastorno psíquico.  Nese momento, é significativo o interese por parte do seu eterno en publicar a versión definitiva de Os Eoas, pero as continuas correccións ás que Pondal sometía o texto impediron que saíse á luz. Entre 1905 e 1908, consciente xa da súa débil situación mental, volveu novamente a Ponteceso. Viviu de forma intensa dous importantes acontecementos: a fundación da Real Academia Galega, da que non chegou a participar, aínda que foi membro numerario, e mais a morte de Curros Enríquez, no ano 1908, a quen lle dedicou algunha composición nas publicacións da época. A finais de 1908 decidiu volver á Coruña, onde recibiu, en 1910, a nova do seu nomeamento como académico honorario da Academia de Poesía Española de Madrid. No mediodía do 8 de marzo de 1917 morría na Coruña Eduardo Pondal, tal e como informa a prensa galega da época que, ademais, ofrece abondosos datos sobre o seu soterramento, ao que acudiron diversos políticos, como o propio alcalde da Coruña, e intelectuais, moitos deles pertencentes á Academia Galega e a outras institucións relevantes da cidade.

A súa obra adoita dividirse en dúas etapas:

A primeira vai desde 1854 ata 1868. Corresponde ao segundo provincialismo. Pondal amósase como un poeta bilingüe de tendencia romántico-byroniana que se modera coa intención e coa forma clasicista. Produce o famoso poema “El canto de un brigante. A campana de Anllóns” e dous poemas en galego que constitúen unha primeira redacción de Os Eoas, que quizais respondese ao título de Colón, segundo informa Murguía en Los Precursores.

A segunda etapa corresponde ao rexionalismo. Pondal, influído polas ideas dos seus correlixionarios especialmente a través de Murguía, séntese o poeta bardo, o espallador das raíces étnicas do pobo galego. Iníciase co libro bilingüe Rumores de los pinos (1877) e chega ao cume con Queixumes dos pinos (1886). Ao carón destas obras colocamos as últimas refundicións de Os Eoas, que, aínda que é inicialmente unha obra de concepción provincialista, vai ser “rexionalizada” por influxo dos ideais dos integrantes da Cova Céltica. Ademais, un feixe de poemas soltos que son parte frustrada de Queixumes dos pinos (variantes, poemas non incluídos, etc.) ou proxectos doutras obras que nunca chegaron a realizarse na súa totalidade. Parte destes poemas foron publicados en Pondal: versos iñorados ou esquecidos e en Eduardo Pondal: novos poemas. Outros esperan a publicación das obras completas do xenial bergantiñán.

A base da súa poética susténtase nalgúns eixos fundamentais: en primeiro lugar, a poesía clásica, á que tivo acceso desde moi novo, nos seus primeiros estudos, sobre todo a relacionada co mundo grego arcaico, destacando sobre todas as voces a de Homero. Ao seu carón, a Biblia, especialmente o Cantar dos Cantares, foi para el fornecedora de personaxes como Miqueas ou Tirteo, que representan o espírito da rebelión. Tamén o Renacemento, con Dante, Ariosto, Tasso e Camões, é indispensable para a comprensión da épica pondaliana, especialmente Os Eoas. Finalmente, cumpre sinalar a influencia da poesía italiana neoclásica, representada na figura de Vicenzo Monti.

Indicamos, a seguir, os seus títulos fundamentais:

A fada dos montes. Santiago de Compostela: Tip. Manuel Mirás e Álvarez, 1872.
Rumores de los pinos: poesías.  Santiago de Compostela: Tip. Manuel Mirás e Alvarez, 1877.
A campana d'Anllóns. A Coruña: Imp. Carré Aldao, 1895.
O Dolmen de Dombate. A Coruña: Imp. Carré Aldao, 1895.
Queixumes dos pinos. A Coruña: Latorre y Martínez, 1886.
Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal. Vigo: Galaxia, 1961. Reunidos, prologados e anotados por Ricardo Carballo Calero. 
Novos poemas. Vigo: Galaxia, 1971. Limiar, transcrición e notas de Amado Ricón Viruleg.
Os Eoas: (unha aproximación). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, 1992. Limiar, transcrición, selección e notas de Amado Ricón Viruleg.