Académicos e académicas

Fernando Cortés Bugía

Fernando Cortés Bugía

Betanzos, A Coruña, 1874 - A Coruña, 1948
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Narciso Correal e Alejandro Barreiro Noya
Título do discurso

*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Fernando Cortés Bugía formaba parte deste grupo de académicos.

Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández

Pintor, escultor e debuxante, foi director da Escola de Artes e Oficios da Coruña e autor de coñecidos bustos e relevos de persoeiros importantes da cultura galega do seu tempo como Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou Manuel Lugrís Freire.

De procedencia humilde, estudou na Escola de Artes e Oficios, onde tivo profesores do prestixio de Román Navarro e de Isidoro Brocos. En 1907 foi promovido ao cargo de auxiliar meritorio, en 1916 obtivo por oposición a praza de profesor de Ascenso, Modelado e Baleirado e, por concurso, en 1921, a de profesor de Termo da mesma escola. Con posterioridade, en 1931 foi nomeado director do centro e, en 1945, ano da súa xubilación, director honorario.

Cortés Bugía obtivo numerosos premios ao longo da súa carreira e formou parte do xurado de varios certames artísticos. Entre as súas obras salientan os bustos de Eduardo Pondal e Manuel Murguía na Coruña, a placa de Emilia Pardo Bazán exposta na fachada da súa casa da rúa Tabernas -sede da Real Academia Galega dende finais dos anos 70- as de Manuel Lugrís Freire en Sada e Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo, e mais a dedicada aos irmáns Naveira en Betanzos.

Cortés Bugía ilustrou numerosos libros, álbums e programas de festas e foi o redactor artístico do xornal La Voz de Galicia, debuxando temas de actualidade e paisaxes mediante a técnica da cincografía.

Membro da agrupación socialista coruñesa, foi concelleiro da corporación local da Coruña en 1913, aínda que renunciou ao posto ao cabo dunha semana. Tamén foi membro da Academia de Belas Artes da Coruña e da Comisión Provincial de Monumentos.

En 1909 os académicos Francisco Tettamancy y Gastón, Uxío Carré e Ramón Bernárdez propuxeron a Fernando Cortés Bugía como membro correspondente da Academia. En 1941 foi nomeado numerario a iniciativa de Manuel Casás, Narciso Correal e Alejandro Barreiro Noya. Ingresou, nunha cerimonia conxunta celebrada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, canda outros dezaoito académicos. No seu transcurso, só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución o presidente, Manuel Casás.