-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Renovación
Francisco Fernández del Riego foi unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega do século XX. A súa vida foi unha longa traxectoria de servizo á cultura, á lingua e ao país. Nado en 1913 en Vilanova de Lourenzá, formouse en Letras e Dereito na Universidade de Santiago, da que iniciou unha carreira como profesor, tronzada polo golpe de estado de 1936.
Francisco Fernández del Riego, novo presidente da Real Academia Galega (29/XI/1997). Real Academia galega. Arquivo
Despois da guerra, xunto a Ramón Piñeiro e outros galeguistas, tentou a reconstrución do Partido Galeguista na clandestinidade. Foi obxecto de constante vixilancia e persecución durante o franquismo pola súa militancia galeguista e o seu activismo intelectual e político. Nos anos máis escuros da Ditadura, Del Riego foi un referente na reconstrución da cultura galega. Conseguiu recuperar a Álvaro Cunqueiro para as letras galegas e mantivo un intenso contacto cos núcleos da emigración galega en América e cos intelectuais galegos no exilio.
Francisco Fernández del Riego na conmemoración do 50 aniversario da fundación do Centro Galego de Buenos Aires, o 30 de decembro de 1957. Real Academia Galega. Arquivo
Fernández del Riego xogou un papel clave na fundación e no andamento da Editorial Galaxia e foi unha figura central da que el mesmo denominou Xeración Galaxia. Como tal, foi codirector da revista Grial (1863-1988) e director da Fundación Penzol, desde 1963 ata o seu pasamento.
Reunión do consello da Editorial Galaxia (1964). De esquerda a dereita arredor da mesa: Ricardo Carvalho Calero, Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco, Xesús Ferro Couselo, Ramón Piñeiro, Xaime Illa, Francisco Fernández del Riego, Agustín Sixto Seco, Domingo García Sabell e Ramiso Isla. Fundación Penzol
O seu papel central na reconstrución da cultura galega e do galeguismo durante a ditadura queda reflectido na súa obra memorialística e mais na súa produción epistolográfica. Como escritor, salienta o seu ensaísmo, con títulos como Cos ollos do noso esprito (1949), Galicia no espello (1954), Ánxel Casal e o libro galego (1983), O río do tempo. Unha historia vivida (1990), A xeración Galaxia (1990) ou Camiño andado (2003).
Galicia no espello (1954), O río do tempo. Unha historia vivida (1990) e Camiño andado (2003). Real Academia Galega. Biblioteca
A súa ampla produción epistolográfica dá testemuño do seu rol como referente da cultura galega durante décadas. Dentro dela, salientan títulos tan importantes como Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000), Cartas de Luís Seoane desde o exilio (2002), Cartas ao meu amigo, de Álvaro Cunqueiro (2003), Epistolario a Fernández del Riego, de Ricardo Carvalho Calero (2006), Cartas e lembranzas, de Xosé Neira Vilas (2013) ou Rexistros no vento. Epistolario de Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego (2023).
Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense a Francisco Fernández del Riego 1949-1961 (2003), e Rexistros no vento. Epistolario de Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego (2023). Real Academia Galega. Biblioteca
Cando Francisco Fernández del Riego tomou posesión como presidente, en novembro de 1997, o Plenario da Real Academia Galega contaba unicamente con dezanove membros. Ao rematar o seu mandato, catro anos máis tarde, esta cifra elevábase a vinte e seis. Coa incorporación de Luz Pozo Garza á comisión executiva como vicesecretaria, por vez primeira unha muller asumía un cargo directivo na Real Academia Galega. Ademais, co ingreso da poeta Xohana Torres como membro de número no ano 2001 e a elección de Rosario Álvarez Blanco en setembro de 2001 como membro numerario, a Academia duplicaba en catro anos o número de mulleres no seu Plenario.
Xesús Alonso Montero e Luz Pozo Garza na sede da Academia. Detrás Xosé Ramón Barreiro, Carlos Casares e Constantino García (29/XI/1997). Real Academia Galega. Arquivo
Baixo a presidencia de Del Riego, a Real Academia Galega asumiu un rol público moi activo en defensa do galego. Así, en 1999, a Academia expresaba nun comunicado a súa preocupación pola escasa presenza do galego nos medios de comunicación de Galicia. Dous anos máis tarde dirixiuse ao Goberno e ao Parlamento de Galicia cun amplo documento de propostas no que recoñecía os avances acadados desde a aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, pero advertía da persistencia de importantes carencias na presenza e no uso social do galego, nomeadamente nos medios de comunicación e no ensino.
Plenario de elección da presidencia da Academia (29/XI/1997). Real Academia Galega. Arquivo


