Fotogalería Patrimonio
Ano tras ano a Biblioteca medraba con novas incorporacións procedentes de doazóns, compras e intercambios, de maneira que a finais de 1977 xa contaba con cerca de 25.000 libros e 10.000 folletos. Unha cantidade tan grande de volumes non tiña cabida no reducido espazo reservado á Academia no edificio do concello coruñés, polo que se facía necesario buscar un lugar que puidese albergar unha biblioteca en constante aumento.
Outra tarefa pendente era organizar os seus fondos, algo que viña facendo en solitario o arquiveiro-bibliotecario Juan Naya. A partir de 1968 a Academia obtivo unha axuda anual da Fundación Barrié de la Maza para catalogar e reordenar os libros. Grazas a ela contratouse persoal para realizar eses labores baixo a dirección de Juan Naya e de Antonio Gil Merino.
O traballo desenvolveuse ao longo de varios anos e puxo as bases da organización actual da nosa Biblioteca.
Grupo de académicos posando na Biblioteca en 1964.
Real Academia Galega. Arquivo
Entre 1960 e 1977 a Academia recibiu importantes doazóns que enriqueceron a súa Biblioteca.
En 1964 Antonio Durán Cao e Victoria Corsanego doaron 700 libros e folletos que pertenceran a Galo Salinas, o primeiro bibliotecario da institución. Anos máis tarde, en 1969, Emilio González López entregou cerca de 2.000 libros e folletos que foran del e do seu pai.
A doazón máis relevante foi a da biblioteca persoal de Manuel Murguía, efectuada despois do falecemento da súa filla Gala en xaneiro de 1964, quen no testamento deixara á Academia os libros do seu pai. Composto de máis de 2.000 libros, folletos e revistas, este fondo constitúe un dos legados máis valiosos que custodia a nosa Biblioteca.
Para conmemorar o centenario da morte do seu primeiro presidente, a Academia publicou no ano 2023 o catálogo completo da biblioteca persoal de Manuel Murguía conservada na institución.
Algúns dos libros que pertenceron a Manuel Murguía.
Real Academia Galega. Biblioteca
Nas décadas de 1960-1970 o patrimonio custodiado no arquivo aumentou constantemente e sempre grazas a xenerosas doazóns. Cartas, partituras, textos literarios manuscritos, fotografías e debuxos, constituíron as achegas máis habituais. Destacamos entre elas un conxunto de máis de cen diplomas medievais que pertenceran a Manuel Murguía e tamén o manuscrito orixinal da novela de Marcial Valladares Majina, ou a filla espúrea, doado polo Centro Galego de Buenos Aires en 1970.
Así mesmo son relevantes varios materiais relacionados con Castelao: o manuscrito da conferencia “Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura”, entregado por Ramón Vilar Ponte en 1961; unha autocaricatura doada por Alejandro Barreiro López en 1961; o manuscrito orixinal do conto “O retrato”, feito por Federico Zamora Mosquera en 1973; e unha fotografía de Castelao de neno, agasallo da súa irmá Teresa en 1975.
Páxina inicial do manuscrito de Majina, ou a filla espúrea e fotografía de Castelao na infancia.
Real Academia Galega. Arquivo
As entradas recibidas no Museo académico durante este período incluíron cadros de artistas como Dionisio Fierros, Manuel Castro Gil, María Corredoira e Isaac Díaz Pardo. Destes anos data igualmente a decisión de aumentar a galería de retratos de presidentes cunha serie de cadros realizados por distintos pintores. A galería, iniciada en 1955 cun retrato de Manuel Casás, enriqueceuse posteriormente cos cadros de Manuel Murguía (1969), Sebastián Martínez-Risco (1973) e Andrés Martínez Salazar (1976).
Ademais deste conxunto de obras pictóricas houbo donativos de obxectos máis “exóticos”, como os ósos achados na Cova do Rei Cintolo ou a bala de canón e o botón dun uniforme de soldado procedentes da batalla de Elviña.
Entrega dos retratos de Sebastián Martínez-Risco e Andrés Martínez Salazar.
Real Academia Galega. Arquivo
En 1964 a empresa Aguas de Mondariz e Hijos de Peinador —seguindo unha iniciativa de Isidro Parga Pondal— entregoulle en depósito á Academia tres grandes pinturas ao óleo co tema dos cegos realizadas por Castelao en 1914 para o Balneario de Mondariz. En 1973 o depósito das obras converteuse en doazón permanente. Expostas durante anos na entrada do edificio da rúa Tabernas, hoxe as pinturas custódianse en depósito no Museo de Pontevedra.
No ano 1974 o Centro Galego de Buenos Aires fixo entrega ao Museo da bandeira galega que en 1950 cubrira o cadaleito de Castelao e que este recibira como agasallo cando foi designado ministro do goberno republicano español no exilio.
Parte central do tríptico dos cegos.
Real Academia Galega. Museo
En decembro de 1970 faleceu Blanca Quiroga Pardo Bazán e en febreiro de 1971 facíase efectivo o traspaso da propiedade da casa da rúa Tabernas á Academia. A partir dese momento foi preciso conseguir o diñeiro necesario para facer as reformas indispensables no edificio e realizáronse xestións destinadas a obter axudas do Estado, de concellos e deputacións, así como de bancos e das comunidades galegas na emigración.
O encargado de realizar o proxecto do novo edificio foi o arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat Lois, cuxa proposta aprobaron os académicos en 1972.
Aínda que as obras comezaron en 1973, a obtención dos recursos económicos necesarios constituíu un problema para a Academia e os traballos deberon ser interrompidos en varias ocasións por falta de diñeiro. A nova sede na rúa Tabernas só se converteu nunha realidade durante a presidencia de Domingo García-Sabell.
Anteproxecto para o edificio da rúa Tabernas realizado polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois (1972).
Real Academia Galega. Arquivo


